Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (4)
Blanco Prado, José Manuel - martes, 16 de junio de 2026
5. Vostede ten estudiado diversas manifestacións do Entroido na provincia de Lugo ¿Qué aspectos destacaría dentro delas, tanto no aspecto das máscaras como dos rituais, fronte a outras doutros puntos de Galicia ou doutros lugares?(CONTINUACIÓN)
OS XOVES DE COMPADRES E COMADRES NO "VAL DE LEMOS".
Noutrora en Monforte foronse realizando en ambos dous xoves varios bonecos de palla, ben comprimidos e vestidos con roupas de homes e mulleres, previamente roubados aos seus conxuxes ou coñecidos, segundo se tratase do Xoves de Compadres ou do de Comadres. Estes bonecos colocábanos, tanto mulleres como homes, en lugares de difícil acceso como balconadas, tellados, árbores etc., e logo vixiábanos toda a noite. A finalidade era recuperar os bonecos -os homes aos compadres, e as mulleres ás comadres- para impedir que fosen queimados o que daba lugar a unha loita simbólica entre ambos os dous sexos. Había lugares como en Santa Mariña, parroquia cercana á vila, onde tanto os homes como as mulleres tisnábanse a cara con cinsa e sarrio das cociñas cando se producían os forcexeos típicos destas datas.
En Anllo (Sober) hai xa bastantes anos as mulleres durante a semana de compadres andaban de casa en casa pedíndolle a roupa aos homes de bon modo. Se non a conseguían de broma, roubábana. Á noite do mércores, as mulleres do lugar reúníanse nun local e realizaban os compadres con palla e, logo, vestíanos coa roupa dos seus conxuxes, e coñecidos. O xoves, pola maña cedo, colgaban aos compadres nas árbores, e nos balcóns, e os homes querían quitarllos; isto daba lugar a certos forcexeos coas mulleres, que eran moi celebrados. Pola noite queimabanse todos xuntos e despois bailábase ao redor deles coa música dun acordeón. O xoves seguinte facíase o ritual ao revés.
Na actualidade, os xoves de compadres e de comadres foron institucionalizados por todos os concellos do Val de Lemos. Asi, o concello monfortino establece en ambos os dous xoves tres modalidades por concurso: Centros de ensino. Parroquias, Barrios e rúas do Concello. Individuais. Cada modalidade, terá acceso a un primeiro premio, a un segundo, e a un máximo de tres accesits. Ademais o xurado poderá conceder se así o estima un premio especial á Etnografía.
"A finais do século pasado e no actual participaron ata o intre actual os seguintes centros escolares e garderías: Colexio Ferroviario, Colexio Escolapios, Colexio Novo, Colexio Divina Pastora, Centro de Estudios "A Gandara", Instituto "A Pinguela", Instituto "Río Cabe", Colexio Torre de Lemos, Gardería Infanta Elena e Gardería Caixa Galicia.Con respecto ás asociacións colectivas, bares, barrios, comercios, rúas etc. cómpre facer mención aos barrios de Babela (Distriz), de Piñeira, dos Chaos, de Carude, de Ribasaltas, de Santa Mariña, da Estación, do Casar. Ás asociacións de Auxilia, de Prodeme, do Fabeiro, de Rioseco, das Viviendas sociais do Val de Lemos, de Agora, do Centro social de Caixa Galicia, ao Xeriátrico Asimédica. Ás rúas de A Florida, do Cardenal, do Malecón, de Huertas, da Coruña, do Comercio, do Escultor Francisco Moure, de Ricardo Quiroga. Finalmente a nivel comercial, ao Supermercado Familia, ao Bar "A Palloza", a Panadería Luna, etc..."
Hoxe, a maioría dos homes e mulleres colaboran na elaboración dos bonecos do Xoves de Compadres e de Comadres. Estes adoitan ser caricaturas de persoas do barrio, da rúa, ou de persoeiros públicos tanto locais como non. Colócanos nos campos; nas beirarrúas; nas prazas; e ao carón de entidades comerciais e sociais, formando grupos de varias figuras mesmo de vinte e máis, que soen escenificar diferentes tarefas tradicionais e modernas, e ser un poderoso instrumento de crítica, burla e sátira de diferentes eventos sociais.
Ao atardecer dambolos dous xoves, os estudiantes dos colexios participantes e un bó número de adultos da vila acoden á praza de España, onde o xurado notifica quen foi agraciado en cada unha das tres modalidades. Logo, na explanada da Compañía, quéimanse os diferentes bonecos que participaron no Concurso. Algúns barrios, e entidades comerciais e sociais, realizan a queima dos seus monicreques no lugar onde están situados. Para tal efecto quitanlles os aramios, que constitúen o soporte básico da figura, así como as roupas que visten. Logo da queima dos monecos hai barrios que seguen coa xornada festiva.
Este nivel de participación, tanto dos colexios como de entidades de índole comercial, social e veciñal, motivou que no ano 2001 a concelleira de Cultura Aida Menéndez fixese referencia a que a xente de Monforte implícase máis no Entroido que nas festas patronais. Esta afirmación non resulta estraña se temos en conta que nese ano houbo preto de dúas mil persoas ligadas a organización do Entroido. Anos despois -2010- a tamen edil de Cultura, Alicia Cadarso Palau fixo alusión ao importante nivel de participación en ambos os dous xoves, recoñecendo ademaís o labor que levaron a cabo os profesores, os alumnos e os pais dos diferentes centros educativos da vila para darlle un maior realce ao Entroido monfortino.

Blanco Prado, José Manuel