Lar, lares, lareiras...; manes e penates.
Lar. Sitio a carón do lume, na cociña.
Miña casiña, meu lar,
¡cántas onciñas
de ouro me vals!
Rosalía de Castro
Para Rosalía, a alma amorosa de Galicia, o lar era un todo: calor, corazón, sentimento, pobreza e riqueza, amor e dolor, Ceo e Purgatorio, todo á vez. ¿Só para Rosalía? ¡Para tódolos galegos..., salvo que non sexamos galegos!
Acepcións: fogar, casa, morada, domicilio, residencia, vivenda, teito, acubillo, fogón, cheminea dos nosos fumes...; ¡e tamén altar: para Deus e para a nosa xente..., mentres non houbese partillas!
Lares. Como o traxe da cultura celta era o entrego, o vello, o de diario, ao vir os romanos cambiamos de chaqueta, e puxémonos a túnica dos lares. Para eles, para os nosos invasores ¿civilizadores?, especialistas en saquear, ademais do Dereito, ¡do seu!, estas deidades, os lares, eran os fillos de Lara (ou Larunda), unha das náyades, e do deus Mercurio (algunhas fontes atribúenlle a paternidade ao propio Júpiter), tendo a orixe desta crenza nos cultos etruscos aos deuses. ¡Non lles faltaba imaxinación!
Quen estudou a fondo a historia dos nosos lares foi Mª. Isabel Portela Filgueiras, do C.S.I.C., que no seu "Los dioses lares en la Hispania Romana", resume que:

"La división de las tribus galaicas en numerosas colectividades adscritas a sus corres-pondientes castros favorece en gran modo el nacimiento de dioses protectores de recin-tos amurallados o de las poblaciones que en ellos vivían o se refugiaban. Cuando las ar-mas romanas o la intensificación de los trabajos agrícolas obligaron a abandonar la pro-tección de los muros de los castros, convirtiéndose la colectividad guerrera en pacífica asociación de señor y colonos no debió quedar en el antiguo habitat otro recuerdo del pasado que el antiguo dios protector".
Cando nos chegou o cristianismo, ¡gracias, señor Santiago!, nas nosas cociñas quedou, conservouse, o nome, tan só o nome pois pasámonos a Cristo, que subimos a súa cruz ao centro da campá do fume, e para iso ben visible, así que o de "lares" quedou para os falares, ademais das lembranzas.
Lareiras. O seu culto, "¡o seu cultivo", espiu as nosas carballeiras, que só deixamos vestixios nos que daban as mellores landras..., para ceba-los porcos, que foron o noso nutrinte estrela, século a século! Visto así, as estelas de carballo foron un autentico sacrificio...; ¡aos deuses, non, ao deus Familia!
As "emigracións" dos lares. Os "lares" trouxéronos os romanos, xa digo, cando, vitoriosos no Medullius, invadiron a nosa Gallaecia, este curro paradisíaco. Daquela o nome peninsular era o fenicio I-Spin-Ya, Shapán, que seica significa coellos, terra dos coellos. ¿Dos coellos? ¿Sería porque non os tiñan no Este, ou porque nestas latitudes fornicábase máis cós coellos?
Os romanos, alternando o "Iberia", que tanto lles gustaba aos gregos, asombrados, encantados, coa nosa minería metálica, pasáronos a Hispania, termo cargado de hipóteses, pero todas metálicas, seica.
Fose cal fose o nome, os nosos ¿castelos? foron os castros, sempre en alturas, e sempre cerca de fontes, ¡tantas que ten o noso Paraíso! Pero os romanos, aínda que deron en habitalos, desfixéronos: unha, porque dos varóns uns foron acoitelados, e outros incorporados ás súas lexións; coas mulleres indefensas, e coas sabinas en Roma, que non era cousa de levalas á Iberia, como sempre fixeron os exércitos nos seus avances, deron en procrear: ¡Hispano romanos!
O paso seguinte foi xubilar aos centurións, dándolles de pensión as terras conquistadas; e así naceron, xurdiron, as pallozas dos seus labregos, dos seus aforados, das que aínda queda algunha no Leste de Lugo, na zona montañosa. ¡Nin deixaron de ser redondas, nin lles faltou o lume, cando as habitaron!
Chegados os suevos, coas vacas, co centeo, co millo..., tiveron por inimigos, ademais dos outros godos, os ratos, ¡a ratume, ademais dos caciques!, así que deron en

poñerlles patas ás pallozas, ademais de cambiarlles o nome, pois deron en chamarlles ¡hórreos!, por analoxía co costume de "aforrar". Foi un invento ástur, pois no Occidente especializáronse en facer miniaturas, séxase, cabozos, ou cabazos.
-.-
A representación gráfica máis antiga dos hórreos galegos témola nas "Cantigas de Santa María", de Alfonso X o Sabio, século XIII, pero viñan de máis atrás.
-.-
Nunha cociña asturiana: Fiandóns do liño. A dianteira danlla ao zoqueiro.
-.-
Antes co crucifixo, antes da evanxelización: Lares, manes e penates. A súa evocación, a súa devoción.
¡Ai, Santiaguiño, gracias, pois aqueles romanos tíñannos atrofiados, esmagados, coa súa colección de deuses..., e xa nos sobraba cos seus centurións!
Destes deuses pouco máis vou falar xa que non me son familiares: A miña dona, ¡iso, dona!, procede de Rois, fundación sueva, con un nome que para eles significaba "xunqueira", pero foilles moi útil para as teixas que trouxeron aqueles norteños. En canto ao meu Bergland, primos irmáns, pois Berg para os suevos significaba "montaña", e land "terras de"; despois fundouse a parroquia, "Monte-cubeiro", así que este servidor..., suevo e montaraz, polos catro costados!
Lares. Fillos, -dicíase-, da ninfa Lara; exercían de deuses nas encrucilladas dos camiños, pero máis ben nos fogares, séxase, ¡onde había fogo, fogo humano, cordialidade! Nos casamentos, compres, aniversarios e defuncións, comprábaselles a súa protección con pan, aceite e mel. E se había incenso, queimábase. ¡Saían caros!
Manes. ¡Estes si que eran da familia! Chamábaselles así ás ánimas dos defuntos, e como tales, protectores íntimos; neste pensamento, que tiña a súa lóxica, quen traizoase a súa memoria expoñíase a toda clase de infortunios, séxase, vinganzas: pesadelos, enfermidades, todo tipo de desgracias.
Penates. Tivo que ser o propio Deus, o verdadeiro, quen lles soprou aos romanos aquilo dos penates, que lles atribuíron un papel similar aos anxos, só que con outro nome: Velaban polos alimentos da casa, da familia, protexendo a intimidade fogareña.
Eu, servidor, odio aos romanos por aquela salvaxada do Medullius, que non podo quitala da cabeza cadora que, desde a miña finquiña, "As Andoriñas", contemplo o Monciro, o "Mons Ciro", pero si lles agradezo o seu Dereito, que me fixo moito pracer aprobalo..., ¡aprobalo e admiralo!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.