Aínda lembro aqueles intres do desaloxo de estudantes que estabamos nunha asemblea no paraninfo da facultade de medicina de Santiago por parte da policía (grises) . Era o ano 69 e alí ficabamos alumnos de varias facultades. O movemento estudantil estaba en auxe e os grises á espreita. O desaloxo fíxose a porrazo limpo sen que os que figurabamos alí ofrecéramos a máis mínima resistencia. Estabamos en plena ditadura e aquilo era "a praxe". Recibimos paus polos catro costados.

Pero hoxe xa nos estamos nunha ditadura malia que algúns estean empeñados en dicir o contrario. Todos os organismos pertencentes ao Estado deben estar imbuídos no espírito democrático enmarcado na nosa Constitución, e as denominadas forzas de seguridade non están exentas diso. Axudar, protexer e preservar a orde ven ser o cometido da policía pero sen exceder certos límites empregando sempre a mesma vara de medir, cousa que desafortunadamente non acontece. Dependendo das circunstancias, quen estea alterando a convivencia semella que recibe un trato diferente.
Estes días vimos como á carreira un membro da policía en Valencia daba un tremendo empurrón polas costas a unha muller que bateu coa faciana no chan e ningún dos que estaban coas porras na man amosou ningún interese pola persoa lesionada. Ningunha intención de axuda. Sóubose despois que esa manifestante ten 68 anos e é unha profesora xubilada e dicir, para ese policía, un auténtico perigo público que necesariamente había que abater. Mellor é pensar que foi unha decisión persoal e non un método preestablecido de actuación corporativa. O dereito de manifestación está recollido na Constitución e a policía debe vixiar que a protesta sexa pacífica. Esa señora estaba exercendo o seu dereito pacificamente e a resposta do policía foi a todas luces desproporcionada.
Lembran aquela imaxe no ano 2023 cando a señora Esperanza Aguirre liderou un corte de tráfico na rúa Ferraz de Madrid en desavinza co goberno de coalición enfundada nun anorak color rosa (imaxe que foi moi difundida) baixo a mirada compasiva das forzas de seguridade? Ningún axente empurrouna dando con ela no chan, verdade? Pois pensemos niso.
Ilustración de Kiko da Silva.