O confesionario da vila
Sacrifiquei o tempo non facendo nada. Nada fixen. Quedei quieto desde un certo momento ata que eu decida en que latexo me erguerei. Estou sentado no mazadoiro da burga de Baños de Molgas, e canto me custa levantarme. Tanto, que nin sequera me preocupa o paso do tempo.

Desde aquí observo os veciños e decátome de que ningún deles se dedica xa a apañar caldeiros e cubos de auga quente para as vacas ou para facer a calda do pote. Xa non hai vacas, e xa ninguén cocerá así para os porcos.
Aínda que hoxe sacrifique o tempo, houbo un tempo no que acontecían esas cousas, e moitas máis. A auga quente da burga servía para todo. E cando non se levaba para as casas, eran as mulleres as que se apropiaban do lavadoiro con bañeiras ateigadas de roupa. Ás veces eran ata as propias vacas as que baixaban, como podían, as escaleiras para meter naquela auga quente, rica en bicarbonato e sodio, os pés feridos polas rellas dos arados.
Tamén houbo un tempo -e semella que, por sorte, aínda o hai- no que o famoso mazadoiro da burga era o confesionario de toda unha vila, o mellor psicólogo posible cando aínda ninguén sabía o que era a psicoloxía. Non podo dicir que aí se declarasen ou se derrubasen imperios, porque non chegamos a tanto. Mais si se confesaron segredos, se fixeron promesas, se declararon amores, se removeron as conciencias e se trazaron medidas, plans e proxectos; en definitiva, falouse de todo canto había na viña do Señor.
Porque no mazadoiro da burga, quen máis quen menos, sacrificaba o tempo e, sobre todo, as ceas. Valía máis unha parola, unha xuntanza sentados nesa pedra, toda unha santa Biblia.
Eloxio do movemento
Despeguei o cu do asento. Ás veces é bo facer movementos. Nesta vida un non pode estar sempre quieto, aínda que lle guste, aínda que a galbana se apodere da existencia. Hai que moverse. Avanzar. Avanzar sempre.
Pero hai que avanzar con sentidiño. Non vaia ser que nos esnafremos. Cómpre avanzar mesmo pola fervenza da conciencia ou pola seimeira da soidade. A soidade do home non é máis ca o seu medo á vida. Quen dixo medo!
Medo téñenselle á desgana, á nugalla. Nunca á acción nin á aventura, aínda que sexan perigosas. Hai que vivir! Vivir coa alma nun fío, pero vivir. Vivir coa ansiedade dun desexo, dun devezo, dun anhelo que, a pesar da congoxa, é fermoso, é bonito.
Eu, menos mal, xa vivo cos movementos da inercia. Chégame con deixarme ir. E, a pesar de que o sofá, unha boa terraza ou a cama sexan todo un reclamo, todo un gozo ante a desidia e a preguiza, a quen non lle gusta un doce? A tentación é grande.
Máis grande aínda é ansia de coñecemento, de sabedoría. E para coñecer e saber hai que moverse. Iso de que os pans cocidos caian do ceo é unha quimera, unha ilusión bíblica que non nos leva a ningunha parte.
Hai xa un bo cacho que despeguei o cu do asento e atopei moitas máis cousas ca estando quieto. Aristóteles dicía que o movemento é o paso da potencia, da capacidade ao acto. E tanto que si: móvese o mundo, móvense as terras, móvense os marcos e móvense os fouciños cara aos pescozos deses que moveron os marcos. Carallo, neste caso, case é mellor quedar quietos.