Grande é a seara, mais poucos os traballadores
Cabada Castro, Manuel - domingo, 14 de junio de 2026
En non poucas das nosas sociedades occidentais falta traballo, é dicir, non son moitas as posibilidades de traballar mentres que abonda o número de aspirantes a un traballo digno. Loita moita xente moza de países en pobreza ou acosados polas guerras, desastres naturais ou inclemencias de todo tipo por accederen a países máis seguros.
Sabemos ben, por outra parte, como tamén desde instancias eclesiásticas se denunciaron máis dunha vez as traxedias de miles de migrantes no Mediterráneo, convertido este segundo se nos comenta nun "enorme cemiterio", provocado polo "fanatismo da indiferenza" de países e persoas que se senten máis seguros e non queren perder a súas propias cotas de seguridade.
Sabemos, en calquera caso, pola historia do xudaísmo no que se asentan os fundamentos do propio cristianismo que foron tamén os xudeus un pobo oprimido que acadou, pese a todo, a súa liberación da escravitude.
A mesma teoloxía cristiá da liberación non deixou tampouco de botar man destas bases ou raiceiras do seu propio entenderse a si mesma. De feito, na propia liturxia cristiá, de modo especial na chamada "Primeira Lectura", adoita facerse referencia a estas bases precristiás, que Xesús ben coñecía desde rapaz e ás que el alude de maneira explicita ou implícita en moi diversos momentos da súa vida pública.
Neste contexto, permitídeme aludir, en relación coa mencionada teoloxía da liberación, que eu mesmo puiden ter a dita de convivir amigabelmente e durante varios anos, nos nosos comúns estudos de teoloxía na cidade austríaca de Innsbruck, con persoas como Ignacio Ellacuría ou Segundo Montes, vilmente masacrados simultaneamente, xunto cuns poucos máis, aínda non hai moitos anos por levaren á práctica a teoloxía da liberación en terras centroamericanas.
Pois ben, na primeira Lectura faise referencia hoxe mesmo, por exemplo, ao libro do Éxodo onde se pon en boca do mesmo Deus estas palabras exultantes e animadoras dirixidas ao pobo israelita: "Vistes como tratei os exipcios, como vos levantei sobre ás de aguia e vos acheguei a min. Se agora me obedecedes e gardades a miña alianza, seredes a miña propiedade escolleita entre tódolos pobos, pois a terra é toda miña. Vós seredes para min un reino de sacerdotes, un pobo consagrado".
Como vedes, os seres humanos somos para Deus algo moi importante e apreciado. Tanto que el mesmo nos deu como nos di Paulo na súa Carta aos Romanos da segunda lectura o seu propio Fillo como irmán. "Deus demostrounos dísenos alí o seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós".
Agora ben, para podermos ter ese espírito liberador do que facía gala Xesús na súa relación coas "multitudes" do seu tempo, temos que revestirnos daquela "fonda compaixón" respecto delas que Xesús sentía tal e como nos di Mateo no texto do evanxeo, pois "estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor".
"Multitude" dos "derreados e esmorecidos" quere dicir "moitos". E para unha tal tarefa segundo o que pon Mateo en boca de Xesús "os traballadores son poucos". A consecuencia é o imperativo de Xesús que soa así: "rogádelle ao dono da seara que mande traballadores á súa seara". Fomos testemuñas nestes días de como o papa León XIV, bo pastor da igrexa universal, se preocupou nestes días pola situación dos emigrantes nas Illas Canarias.
Así pois, se persoalmente non acadamos ter folgos para traballarmos directamente na seara, pidámoslle alomenos ao dono dela que mande persoas afoutas e animosas para un tal traballo.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora