Chamados a ser un pobo de irmáns, compasivos e curadores
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 14 de junio de 2026
DOMINGO 11 (A).- Ex 19,2-6.- Sal 99(100).- Rm 5,6-11.- Mt 9,36-10,8
+ Levanteivos sobre ás de águia e achegueivos a min ( Ex 19,4)
+ Vós seredes para min un reino de sacerdotes, un pobo consagrado (Ex 19,6)
+Sabede que somos o seu pobo (Sal 99(100),3)
+Sendo aínda nós pecadores Cristo morreu por nós ( Rm 5, 8)
+Vendo Xesús á multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela (Mt 9,36)
+Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, expulsade os demos (Mt 10,8)
CHAMADOS A SER UN POBO DE IRMÁNS, COMPASIVOS E CURADORES
1
Se Deus nos chama pobo neste salmo,
e tantas outras veces na Escritura,
é por querer curar o "eu" pechado,
que tarde ou cedo afoga con penuria,
ou ese "nós" estreito, por sectario,
que busca ser feliz nunha burbulla,
sen se doer dos outros abeirados,
sen compartir a mesa da cheúra.
2
A ter memoria chama o Deus familia,
e a non perder a graza da tenrura,
ao nos lembrar, con clara profecía,
que fomos todos, ao caer da altura,
salvados como as aguias fan coas crías,
que alerta están para prestar axuda,
e as cargan sobre si para que axiña,
volvan tentar o voo na escarpadura.
3
Pobo nos quere Deus, pobo de irmáns,
para dicir os nomes sen clausura,
dando harmonioso lar curando o mal,
ou aportando amor, onde hai angustia,
pensando nos demais, e ollando atrás,
cara os que sofren máis amoladuras,
e partillando así o dó e o pan,
pois sen partir sería pan de burla.
4
Meu Deus querido dáme a conversión
que forma en nós a nova criatura,
sendo con Cristo irmán con compaixón,
con valentía e paz, e en dereitura,
andar con El, en graza e en perdón,
e así acoller o Reino que Ti impulsas,
de sermos todos reis, e con paixón,
todos valentes servos con cordura.
Apertas de domingo!

Miguélez, Xosé Antón