Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memorias dun neno labrego no Museo do Pobo Galego (III)

Sampedro, Pilar - viernes, 12 de junio de 2026
Estamos na Primeira Planta, na Sala de Sociedade. Iremos mesturando as etapas de vida e as festas cíclicas. Pasamos pola zona do entroido e, a continuación, podemos ver a festa parroquial, a romería, a procesión.

"Diante ía un home coa cruz. Seguíao outro co pendón. E despois o estandarte, santos, o cura, vellas que rezaban, rapaces... que sei eu! Coma todos os anos.
Tocaban os gaiteiros unha marcha. A mesma de sempre. Cada tempo, un home arrimáballe o chisqueiro a un foguete de tres estalos. Os rapaces corrían tras da canavela (...) Querían o fío para facer cometas."

Memorias dun neno labrego no Museo do Pobo Galego (III) Dirixímonos á festa da entrada do verán, a fogueira de San Xoán. O fumazo e as herbas. Este relato podemos atopalo nas páxinas 92 e 94.
"Percorremos montes e camposas; caneamos por roleiros e prados, e pola beira do río. Trouxemos cadaseu feixe. O recendoi das herbas e a ilusión do fumazo empurrábannos. E non había pernas cansas nin zocos que magoasen.
Anoitecía. Pousamos os feixes na encrucillada e sentámonos derriba deles. (...)
Aquela tarde - primeira vez que me deixaban ir- deprendín para sempre a escoller as plantas sacras: estalotes, herba de Santa María, faísca verde, follas de castiñeiro e de bieiteiro, ponlas de oliva, codesos, follas de loureiro, trobiscos, ponlas de nogueira, rosas de nabo e de romeu...
Amoreámolas no medio da encrucillada e despois de cear puxémoslle lume. Foi chegando xente. Mocidade, vellos, nenos...A aldea polo pé. (...)
O fume, un esteo groso e moi longo de fume, subía paseniño, canso, escuro, sen esparexerse. A noite era maina, queda, coma se fose finar o mundo.E nós veña de atizar as herbas, mentres mozas e mozos, collidos pola man, brincaban por riba do fumazo. (...)
Comezou a tocar o gaiteiro. As mulleres e os homes bailaban darredor do lume. Semellaban tolos. A cada tanto bebían viño e aturuxaban."

Ao lado das festas do ano, as comúns a toda Galicia (aínda que se podan celebrar de forma diferente en cada lugar, coma o entroido ou a fogueira de San Xoán) temos o tempo da vida, dende o nacemento ata a morte. Aí, debemos deternos nas primeiras fases como a escola. Páx 82 e 83.
"Lémbrome do día que cheguei por primeira vez á escola. Levoume miña nai pola man. Don Alfonso, o mestre, anotou nun papel o meu nome, fíxome varias preguntas e sentoume nun banco con outros rapaces.
Eu xa deprendera algo. Coñecía a folla dos cristos e sumaba. Esas pequenas vantaxes gustáronlle a don Alfonso, quen me puxo a estudar deseguida. Non tardei en pasarlles diante a todos.
A escola está no pazo da señora Isaura. (...) É grande a escola, pero está case sempre baldeira. Van poucos rapaces. Ás veces non vai ningún. "Con que deprendan a poñer o seu nome, para fozar a terra abóndalles", di a xente.
Don Alfonso era ruín. Explicaba pouco e zoscaba arreo. Que maneira de mallar e turrarnos das orellas. A madriña di que "a letra con sangue entra" ou sexa que dá por ben feito o noso amolecemento a xostregadas.
Moitos rapaces lataban, non ían á escola porque tiñan medo. E porque non entendían o falar de don Alfonso. Disque viñera de Andalucía. (...) El tampouco entendía a nosa fala. (...)
O Xudío, que non llas calaba a ninguén, apañou un día a don Alfonso e díxolle de cantas hai.
-Vostede pensa que os rapaces son cuxos?Coida que está ben andar a vergallazos con eles? Vai sabendo, meu señor, que tales asaños acabaránselle axiña. Virán, de vez, as cousas a onde teén que vir. Se non entende váiase para o seu país. Nós non imos trocar de lingua. E outra cousa: acabe dunha vez de meterlles na cabeza reis e pelexas que non lles serven para nada. Ademais, déixese de ensinarlles rezos e catecismos. A doutrina que a aprendan na casa, se os pais queren. A escola é para o que é. Non hai volta que darlle" (...)
E denantes de que pasara un mes xa se fora. Á volta de pouco, chegou Eladia.
Eladia é moi nova. Terá vinte anos, digo eu. Parece mentira que sexa mestra con tan pouca idade. Naceu en Betanzos. E fala galego connosco. Eu deseguida lle collín cariño. Tan agarimosa, tan rideira."
E namórase dela. Traballa coma un tolo para non perder clase. Avanza tanto que cando ela falta el substitúea. O peor é cando vén a enteirarse de que ten mozo, daquela vén o desamor e chega a enfermar.
Polo tanto, diso poderiamos falar xustamente na parte desta sala que se detén no coidado da saúde de forma tradicional, especialmente no caso dos pobres que non teñen cartos para ir ao médico. De feito, na obra, só aparece o facultativo porque os seus fillos xogan con Manolito, o fillo do amo, e quen vai ao médico é este Manolito, despois de que Balbino lle pega a pedrada que dá lugar ao drama de ter que abandonar a aldea e ir servir a outra casa.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES