Dona Constanza de Castro, a heroína de Caldaloba
Meilán García, Antón X. - martes, 16 de junio de 2026
Acaba de presentarse na Casa de Cultura de Cospeito a obra de teatro «Caldaloba. Drama histórico de Dona Constanza de Castro» escrita por José Otero Canto. Nela cóntasenos as vicisitudes e traizón na Frouseira, así como a trampullada na casa de Afonso Yáñez, secretario do bispo, para coller ao Mariscal, que despois degolan en Mondoñedo; a toma da torre de Caldaloba por dona Constanza e o seu home Fernán Ares de Saavedra para vingar a degolación do pai, e as penurias da nai, dona Isabela de Castro, na fortaleciña de Castromaior, distribuidos correlativamente en tres actos. Sendo fiel á Historia e con gran acerto e habelencia literaria, Otero Canto retratou aquel final do medioevo galego tan cruel, devastador e sanguento do Mariscal e de Caldaloba, onde unha muller como dona Constanza ve que defender Caldaloba é defender a Galiza: «pois defenden a súa casa, / defenden o seu lugar, / a súa lingua defenden / e defenden o seu ser / que vai ser aniquilado / polos casteláns reis». Esta obra ven ser un referente literario de dona Constanza de Castro e de Caldaloba, que xunto con outras como «Pedro e Constanza» de Manolo Lourenzo; «Un corvo en Caldaloba» de Mª. Xosé Lamas; «Constanza de Castro: o destino dunha estirpe» de Luis Cabanela ou o poema «Constanza de Castro» de Marica Campo consagran e erguen a dona Constanza e a Caldaloba como símbolos de loita e resistencia dunha Galiza que prefire morrer loitando a entregarse aos Reis Católicos. Aquí, en Caldaloba, acouga e perdura para sempre esa Galiza rebelde que nunca se deixou dominar por invasores o mesmo que ocorreu no Monte Medulio ou no medioevo, coa Fusquenlla irmandiña. Por iso, dona Constanza converteuse en mito de loita e resistencia e xunto con Caldaloba, no noso farallón da liberdade. E nesta obra de teatro, Otero Canto á maneira dos trovadores medievais deixounos constancia de todas estas loitas, desfeitas e atropelos que padecimos no outono medieval. ¡Señor alcalde!, don Armando Castosa, imite a dona Constanza e pete onde teña que petar: en Lugo, en Santiago ou nos Peares para refacer a torre. A torre debe ser refeita para que non só fique coma símbolo de loita, resistencia e liberdade senón tamén para que as vindeiras xeneracións sepan que unha muller deixou a vida loitando a vivir aos pés de Castela. Na próxima edición desta obra, señor alcalde, gustaríanos presentar esta maxistral peza de teatro de Otero Canto nas almeas da torre e declamar con Constanza: «Benvidos, fillos da terra. / Benvidos, homes de ben, / permanezamos á espera / todos nós e cadaquén. / Somos unha identidade: / Terra, lingua, auga, ser, / saibámonos defender / coa nosa heroicidade». Galiza sempre ou miseria.

Meilán García, Antón X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora