No 1862 Vicetto atópase en Madrid xunto do seu querido amigo, Julio Nombela, e teñen, non como traballo, senón como esparexemento a visita aos xornais madrileños por se acaso queren colaboracións do prezado Vicetto, cousa que non desprezan.
En Madrid, os intelectuais sempre tiveron cafés moi coñecidos e recoñecidos onde facían os seus faladoiros, un destes era o antigo café "Suizo", na esquina da rúa Alcalá,

lugar no que presentan ao escritor galego a un mozo que nos aparece nas fotos como melancólico, bohemio e sensíbel, moi sensíbel, envolto na cabeza entre rizos escuros, aínda que era un home altivo, con porte burgués e de aspecto coidado e serio cunha ollada moi profunda e expresiva que inmediatamente simpatiza con Vicetto; este descoñecido era Gustavo Adolfo Bécquer que ao pouco de verse manifestan coñecerse por medio dos seus escritos. Bécquer acaba de casar, ten 26 anos e Vicetto cumpriu xa 38.
A segunda vez que se ven os dous autores vai ser polo outono do ano 1870, cando Vicetto viaxa a Madrid, o noso Vicetto áchase no apoxeo da súa carreira porque se publica todo e canto produce e as súas colaboracións fanse tamén no xornal "La Ilustración" que dirixe Gustavo Adolfo Bécquer ao que ve totalmente cambiado porque a ilusión coa que se coñeceran agora dá pé para contemplar a un home cunha fisionomía cansada e psiquicamente desfeito, enfermo e só. A súa esposa, Casta Esteban Navarro, coa que tivera dous fillos, ata de agora, pero que está encinta, abandónao polas desavinzas entre Casta e un bala perdida chamado "El Rubio", co que, parece ser, se relacionaba a súa muller.
Bécquer xunto cos seus fillos e o seu irmán Valeriano, que é pintor, iranse despois para Toledo e no 1869 volverá definitivamente para Madrid, mais nosoutros estamos no 1870 que é cando se ven de novo Vicetto e Bécquer, moi cansado, desfeito animicamente, abandonado, sen fillos e a morte estao roldando no que queda tan só a despedida dos dous xenios cunha estraña emoción que os vai embargar por ser persoas moi sensíbeis.
A terceira vez que xorde unha visita a Madrid de Vicetto acaece no ano 1875, cando Vicettto se namora de Antonia coa que se pretende casar nada máis de volver de Madrid.
Xa en Madrid na compaña do seu amigo Alfredo, amigo de infancia e agora tamén residente en Madrid, van outra vez ao "Viejo Café Suizo", pero xa non hai o mesmo faladoiro que en 1862, por alí andan Julio Nombela, Correa e Campillo, xa hai uns seis anos que morreu Bécquer deixando un gran baleiro. Tamén lle comentan como Casta volveu a xunto de Bécquer cando este estaba morrendo e quedándose ela cos tres fillos. Estaban tan pobres que non tiñan nada e os amigos tiveron que sufragar o enterro a escote e tamén a escote prepararon a edición das súas poesías. Que tristeza!
Fotografías extraídas da Wikipedia.
Bibliografía:
LÓPEZ DE SERANTES (1978).- Benito Vicetto iñorado. Editorial Albarellos. Lugo.
MURGUÍA, Manuel (1940).- Los Precursores. Emecé. Buenos Aires.