Desta cova, ¡desta lareira primitiva!, teño dito no meu libro "Castroverde na Historia e no Presente" que,

"...Non, non era un técnico, pero si un home de ben aquel D. Darío..."
D. Darío Trasorras (ou Trashorras), de Bolaño, dono - descubridor desta Cova da Valiña. Os seus antepasados e / ou os veciños tiñan esfargallada media cova, os primeiros 15/20 metros dela, para utilizar a pedra calcaria... Pero D. Darío descubriuna, ou díxoo, que vén a ser o mesmo, en 1962; non a soterrou, nin a escondeu, nin a explotou como tal canteira, senón que informou dela, participouna, e iso a pesar do que lle prexudicaba a leira. O seu fillo, Rubén Darío, levoulle ao Museo de Lugo, concretamente ao seu director, D. Manuel Vázquez Seijas, un feixe daqueles ósos, que foron obxecto dunha publicación de D. Manuel, no ano 1965. No 1971 D. Felipe Arias Vilas confirmouno e ampliouno no seu Catálogo prehistórico da Bisbarra de Castroverde.

Hoxe é perigoso asomarse polas inmediacións da cova, máis alá dese castiro que hai na pista que vai a Pozos, Carballedo e Serés, porque así quedaron, encubríronse, con todo tipo de maleza, nas inmediacións da cova, as antigas canteiras de pedra calcaria, amén dunha mina de antimonio, bastante fonda, tamén abandonada. Etc. Mellor será que pregunten nas oficinas do Concello para que os informen ao respecto. O museo correspondente de Castroverde aínda non pasou da fase verbal, así que os restos da Valiña andan espallados, ¡e xa non se perdan!, entre Lugo, Santiago e Vilalba. ¡Máis de medio milleiro de obxectos de ósos, pedra, e outros elementos fosilizados, entre eles, excrementos humanos; case nada!
(Menos mal que Pablo Castedo aquel día levou a gaita, que así non resultaron tan aburridos os meus apuntes. Así é como hai que visitar esta cova, con música..., para renderlles honores aos nosos, remotos, antepasados!)
A Cova, con maiúsculas, é un tesouro, pero, de presente, un tesouro escondido, espoliado, alleado. ¡Para os de Castroverde, pouco menos que pirateado, e o que queda, segundo se aprecia, sen protección, xa que nin cerres ten!
Empecemos por coñecer que foi investigada, sistemática e cientificamente, por arqueólogos da Universidade de Santiago no 1987/88. Aqueles traballos foron recollidos en varias publicacións da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Monumental. Segundo estas, tratábase dunha caverna de cinco galerías, unha delas de 15 m, outra de 10 m, e tres de 8 m; posiblemente habitaron nela vinte ou trinta individuos durante o Paleolítico superior inicial.
O equipo que levou a termo esta escavación arqueolóxica estivo formado por uns vinte expertos, algún deles estranxeiro, dirixidos polos doutores César Llana e María José Soto Barreiro, que deixaron constancia de que,
-a pesar do rexuvenecemento continuo dos solos sometidos á dinámica de ladeira,
- a elevada acidez de gran parte dos solos galegos, que impide a conservación dos restos óseos,
- e mailo emprego como materia prima de cuarzos, gres, cuarcitas, etc., con ausencia en xeral, do emprego de sílex e carencia de estruturas, algún xacemento podía haber, podía quedar, que nos permitise adestrarnos no coñecemento do Paleolítico superior de Galicia, e ese resultou ser o caso da Cova da Valiña.
As súas características ao efectuarse a prospección de 1987, segundo Antonio Martínez Cortiza, César Llana e María José Soto, eran as seguintes:
Entrada ao suroeste, de 1,50 m de longa, por 1,65 m de altura. A cámara principal cun eixe lonxitudinal de 8,5o m , e a transversal dun máximo de 2 m; teito abovedado de 1,50 m, como máximo. No fondo da cámara principal un burato que dá paso a unha segunda cámara, a nivel inferior, duns 5 m de eixe lonxitudinal. Outra pequena cámara comunicada ao exterior. Calculan que, cos barrenos dos anos sesenta, polo menos 15 m deste xacemento víronse afectados, destruídos.
Dito nunha apertada síntese:
A campaña 1987/88 dos investigadores aludidos puxo de releve 130 pezas correspondentes a lascas, soportes de tipo laminar, núcleos, fragmentos naturais e debris (escombros, restos). En canto á macrofauna do primeiro nivel arqueolóxico díxosenos que o total de ósos identificables recuperados nas dúas campañas acada os 225, pertencentes a 14 especies distintas, das que o animal mellor conservado é o coello; 98 restos identificados que representan un número mínimo de 7 individuos. Esta mostra ósea seica é a maior das recuperadas na Comunidade Galega entre as pertencentes ao Pleistoceno, o que lle permitiu ao equipo investigador determina-la presenza de especies ata entón inéditas para Galicia, como foi o caso da hiena e mailo rinoceronte. O resto das especies identificadas complétase co cervo, o corzo, grandes bóvidos, xabaril, cabalo, lobo, oso das cavernas, ou pardo, marta, castor e lebre.
Incisións nos restos óseos. Oito evidencias para o nivel arqueolóxico 1: estas incisións parece que se orixinaron por dúas tarefas diferentes: a desarticulación e o descarnado, faltando as resultantes dos procesos de separación da pel e do despezamento.
Estudo da industria lítica do nivel arqueolóxico antedito: Adscríbese esta industria dentro do marco do Paleolítico superior inicial, relacionándose co complexo cultural Perigordiense.
Esta riqueza de achados -opinan estes investigadores-, que ademais foi incompleta polos estragos da canteira e demais movementos de terras, invita a practicar un posterior e meticuloso recoñecemento deste bolo (Dos seus bolos = Bolaño) de Xivil, abondoso en calcarias, e por tanto, en grutas...
¡Ai meus queridos entregos, que apertados vivistes daquela, comparados cos da miña xeración; que comodidades as da miña lareira comparadas coas vosas, con aquelas das covas!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.