Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En Galego consumo gusto

viernes, 04 de diciembre de 2009
Chega o mes do Nadal e con el as grandes campañas publicitarias. Van ser tantas que achourilarán aos consumidores. Ofertaranse viños, whiskys, champáns e licores de tódalas clases. Iso si, etiquetados en linguas distintas da nosa. Tampouco faltarán nesta época os anuncios de cosméticos e colonias que se anunciarán maioritariamente en inglés e francés con imaxes insinuantes e voces afectadas. E os consumidores observarán esta proliferación de reclamos comerciais sen estrañárense polas linguas estranxeiras empregadas.

Sen embargo, aínda hai empresarios e axencias de publicidade que consideran que a lingua galega non é apta para a comunicación cos consumidores. Determinar e subliñar a imaxe dun produto ou marca é un factor de enorme relevancia, e a peor estratexia é aquela que parte do principio apriorístico viciado polos prexuízos lingüísticos, que lle negan á lingua galega as posibilidades que lles outorgan a outras. A orixinalidade é un factor decisivo no discurso da comunicación. Os empresarios galegos deberían tomar nota do éxito acadado pola campaña publicitaria de Gadisa.

O mesmo predicamos para a etiquetaxe. Identificar os envases dos produtos coa lingua galega é un valor engadido nos mercados da globalización. O Foro E. Peinador e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, veñen de lanzar unha campaña animando ao uso da lingua galega na etiquetaxe nun acto celebrado en Ourense baixo o rubro “En galego consumo gusto”. Coñecidas marcas de viños, aceites, augas minerais, bebidas carbónicas, produtos cárnicos, lácteos, conservas, etc. xa etiquetan na nosa lingua.

A reivindicación dunha maior presenza social da lingua galega implica que esta se estenda aos ámbitos empresarial e comercial. Non ten fundamento o argumento utilizado para negarse a etiquetar en galego aducindo que a lingua galega pecha portas noutros mercados. Iso non é certo. Que llelo digan ás cento cincuenta e sete adegas galegas que etiquetan no noso idioma e están nos mercados internacionais. Ou ás firmas que etiquetan os seus produtos en francés e inglés e que se venden en tódolos establecementos do noso País.

Os consumidores, nomeadamente aqueles que din defender a nosa cultura, teñen moito que aportar para que ese proceso de normalización lingüística sexa progresivo e chegue a outros ámbitos. Cómpre que os consumidores propicien eses avances aplicando o principio da discriminación positiva nas compras: a igual calidade, preferenza polos produtos etiquetados en galego. Deste xeito, afortalaremos o proceso produtivo do País en clave identitaria.

A responsabilidade é de todos: dos empresarios, pero tamén dos consumidores. Sexamos prácticos.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES