Para comezar, e falando da escola: No recreo, en días fríos, cruzábamos o curral, a cen, para acudir á lareira, na cociña vella de Candal, onde a señora María Manuela, sen omisión algunha, ¡Deus llo pague, que de seguro xa lle ten pagado, tan santa que era!, non regateaba estelas, ¡de carballo!, para que non se lle apagase a fogueira dos rapaces. Un daqueles días, despois de quentar as mans, sentín unha necesidade, outra, así que crucei a eira para ir ao horto, alí por detrás das loureiras. ¡Que espectáculo, miña madriña: o Antonio de Maceda, un grandullón, que seguía indo á escola por xenerosidade de don Jesús, que nunca llela negou aos mozos, así estivesen licenciados do Exército, á hora do recreo escapulíase, a saber por onde e para onde, que nunca o vin quentándose as mans. Naquela ocasión estaba cerca, alí no horto, pegadiño á criada da casa..., dándose un morreo, ao estilo destes que se ven agora na tele!
Eu, non sei se pícaro ou discreto, agacheime detrás dos ramallos dunha loureira, cos ollos tan abertos coma os dun león; evacuei, abotoei o calzón, pero..., eles seguían! ¡Que boa cousa debía ser aquilo para que tanto tempo lle botasen, e logo que nin oían ni vían a intromisión do neno!
Ao día seguinte, coa mala idea de espreitar desde as ventás do colexio, díxenlle ao mestre que non ía saír ao recreo porque quería rematar aqueles problemas que nos puxera no encerado, que se me atravesaran. ¡Mentira; o que se lle atravesara ao traveso era a malicia de ver un novo capítulo daquela serie! Os problemas do encerado remateinos, e ían ben, pero o que ía mal foi a miña espreita pois aquel día..., non acudiron ao horto! ¡Igual estaban na palleira, arrincando feo para dárllelo ás vacas, ou tras do palleiro...! Cando volveron a entrar, os do recreo viñan coloradiños, nenos e nenas, pero en particular Antonio, o mocetón; tampouco souben se aquel día estivera na lareira, cos cativos, ou..., iso que sospeitei; se foi isto último moita herba, ou moita palla, deberon arrincar, para que tan colorado viñese!
Aquel ensaio debeu ser frutífero, pois non tardaron en casar, ben namorados supoño a xulgar pola cantidade de fillos que criaron. ¡Teño claro que ían, que se comportaban así, con boas intencións, pero..., a min déronme un mal exemplo, aínda que sen querer, pois, o dito, tiven que chegar ao casamento para catar un bico, co que me gustaban as rapazas!
-.-

Quen abxura da súa herdanza, do esforzo dos seus entregos? Nisto estou pensando. ¿Como era aquilo, aquela reflexión, de Jorge Manrique? ¡Ah, si: "...cuán presto se va el placer;/cómo después de acordado da dolor; cómo a nuestro parecer/cualquiera tiempo pasado fue mejor".
"A nuestro parecer". Si, claro: É que as cousas malas esquécense mellor; pero as boas teñen dono, teñen fautor! Logo, é de malnacidos ser desagradecidos! Por exemplo: Naquelas lareiras non había ordenadores, nin impresoras, nin..., pero había esforzos, moita xenerosidade, que nos foi propiciada, que serviu de base para construir este presente, tan cómodo e tan científico. Que tamén viñeron cousas malas, consecuencias irritantes? ¡E logo, non é certo, tamén, que o lume da lareira quentaba, pero tamén producía fume, fume e cinsa?
-.-
Fases: Da humildade, do agradecemento para co noso Creador, ¡ouh paraíso, que perda tan atroz!, pasamos á soberbia satánica, ¡desertamos!, e con iso a Xustiza Divina fixo o que tiña que facer, ¡destituírnos do cargo anxélico e pasarnos, devolvernos, á especie animal. Daquela o corpo, de endemoñado, pediunos calor, calor anxélico, ¡pois o demoníaco xa o conseguíramos!, así que, de facer o lume nas carballeiras pasamos ás cavernas; e despois, paulatinamente, fomos, viñemos, das cavernas ás lareiras; por último, de presente, nesta globalización, nesta babel do XX, volvemos, estamos volvendo, á soberbia, que é igual a dicir, subíndonos aos rañaceos!
-.-
Aparición do lume no paleolítico
Iso de frota-los paus igual o descubriron ao darse a man, esa calorciña que sentimos nas mans, ao frotalas, pero eu tamén penso que a caída dun raio, nada máis saír, ¡expulsados!, do Paraíso, orixinou o primeiro dos incendios, e aqueles paleolíticos ao decatarse de que iso, ademais de malo era bo, conservaron as brasas, multiplicáronas, engadíndolle leña ao lume.
Que facían no meu Bergland despois da guerra, que ata escaseaban os mixtos, e os mecheiros, aqueles de "mecha", só os tiñan aqueles que llelos compraran aos mouros da Reconquista? (¡Reconquista, si, que iso foi aquela dos mouros, e non a nosa, cando, no 1936 os devolveu á "súa" Covadonga o noso Hermenegildo!) Pois, cunha tixola vella íase á casa grande, a pedir unhas brasas, que nesas non lles escaseaba o lume, nin o lume, nin o fume, nin os acendedores.
Ao ver que o lume derretía a madeira, os antigos matinaron que aquilo de come-la carne crúa era propio das feras pero non do home, por caído, por maldito, que estivese. Pensei nisto aquel día que, no Sáhara, o comerciante Alí Ben Boaida, daquela amigo ¡por comenencia!, pero que, en premio por ter escondidas as armas da súa rebelión, precisamente no almacén do Banco Exterior de España, os do Istiqlal propuxérono, ¡e foi!, Gobernador do seu Agadir... Ía dicindo, quería dicirvos, que o Boaida invitounos, no Aaiún, a cordeiro asado, ¡asado nunhas brasas que cubriu, que lle cubriron os seus escravos, con area do deserto; así ardeulles a lá, e derreteuse o sebo. ¡Nunca mellor carne de borrego comín, deliciosa! O Homo Sapiens tamén..., pois o pobre estaría farto de comer froito das árbores, mazás, peras, castañas, landras...; ¡e todo cru! O pecado fora grande, grande e grave, ¡soberbio!, pero a penitencia pasounos ao gremio, á humildade, dos animais.
¡O lume só é malo nos infernos, nos infernos e tamén cando queimamos aquilo que debéramos cultivar e coidar! Pero o lume non foi abondo nas inclemencias climáticas, e as árbores no inverno, caída a folla, non abrigaban, así que o sapiens, observando que os zorros, ¡que por algo se chamaban así, escaravellaban covas para abeirarse..., buscou as naturais, as cavernas, tal que a nosa de Castroverde, esta da Valiña, de Xivil, catalogada como "do paleolítico superior".
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.