Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 12 de junio de 2026
Negarse a morrer

Son as cinco da tarde. É 6 de xuño de 1937, domingo. Estou agochado debaixo da ponte vella de Baños de Molgas. O país atópase en plena Guerra Civil. As hostes inimigas están aí, baixando da Rabaxoá.
Estou só e algo angustiado. O medo é libre. Sei que o inimigo non adoita perdoar. Coñezo ben as falcatruadas que cometeron días atrás. Eu salveime por espelido e por listo. Pingas de Orballo Algúns dirán que por covarde. Porque fuxín e me escondín baixo a ponte romana. E aquí sigo.
Os que non foron covardes están mortos. Eu estou vivo porque cada quen se defende ou procura a vida como pode. E xa adianto que non me importa continuar nesta postura mentres dure esta guerra cruel e sen sentido. Simplemente, négome a morrer.
Podería intentar causar baixas entre os invasores, mesmo derrotalos por completo. Porque, aínda agochado, sei todo deles e dos seus movementos grazas ao meu can, Uriarte. Vai e vén, percorre e cruza os campos de batalla para informarme mediante xestos e ladridos. Sei o que significa cada un deles; mesmo son quen de distinguir perfectamente os seus matices.
Mais non ataco. Sigo escondido porque non son parvo. Por moito que saiba ou queira, un erro pode aparecer en calquera instante. E un instante, nunha guerra, adoita durar menos ca un suspiro. Ou ca un salouco.
Así é que, mentres estea só, creo que non corro perigo. As compañías, ás veces, resultan traidoras e falsas. Mesmo entre veciños.
Pasan xa uns minutos das cinco da tarde. Escoito estoupidos pola zona das Pedradarcas. Encollo o lombo, cúbrome co abrigo e agardo a que remate esta maldita guerra.

Entre o baleiro e o firmamento

Baixei a mirada e contemplei o baleiro. Alguén gravou un vídeo para que o desexo se transformase en esperanza compartida. E todo quedou suspendido na nube da nostalxia, aquela na que todo se ve e sempre perdura. O baleiro, entre outras definicións, é a falta ou ausencia de algo ou alguén que antes estaba. Como o silencio. Porque antes había ruído.
Levantei a mirada e observei o firmamento. Alguén deixa cear bágoas de orballo porque hai relacións familiares que, en vez de ir e vir polas corredoiras da memoria, quedan estancadas nun encoro, nunha presa, nunha vaira, ata que, co paso do tempo, rebentan e estoupan. O firmamento é a bóveda celeste onde habitan os astros.
Deixei a mirada perdida e notei como o baleiro, o silencio e o firmamento se mesturaban nunha algarabía de sentimentos que fluían polas costuras abertas dunha almofada sempre inzada de soños. Alguén quere amosar un sorriso vermello para que se reflicta no espello. O espello, entre outras cousas, é unha lámina de cristal azougado pola parte posterior -ou de aceiro ou doutro material brunido- na que se reflicten os obxectos que ten diante. Ou as persoas.
Pecho os ollos. Xa non miro nada e, con todo, véxoo todo. Ver cos ollos pechados é, talvez, a mellor maneira de ver. E vexo o baleiro. E vexo o silencio. E vexo o firmamento, os sentimentos, os soños, e os espellos. E sinto o desexo. E a esperanza. Alguén xoga coa memoria e cos sentimentos. Sentimentos: reaccións do espírito a un estímulo, ante un determinado acontecemento, circunstancia, etc. Abro os ollos. Marcho.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES