Xesús, Pan de Vida, chama a deixarnos facer pan vivo con el
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 07 de junio de 2026
DOMINGO DE CORPUS CHRISTI (A).- Dt 8,2-3.14b-16a.- Sal147.- 1Cor 10,16-17.- Xn 6,51-58
O home non ha de vivir só de pan, senón de toda palabra que sae da boca de Deus ( Dt 8,3)
O pan que partimos ¿Non é unha comuñón co corpo de Cristo? ( 1Cor 10,16)
Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre, e o pan que eu darei é a miña carne para vida do mundo (Xn 6,51)
XESÚS PAN DE VIDA CHAMA A DEIXARNOS FACER PAN VIVO CON EL
1. Xesús home valente,
luminoso entre tebras,
crucificado e feble,
é vitoria e promesa.
2. É vitoria de graza
e entrañable presencia,
que baña en esperanza
e a mantén sempre aberta.
3. É promesa nutricia
e irmandade sinxela,
que aos outros con feridas
trata ben e respecta.
4. É o clamor de xustiza
que acollida libera,
e tamén é comida
que na fe nos sustenta.
5. Xesús nos sacramentos
que son accións e verbas,
non só nos dá consellos:
tamén nos alimenta.
6. Alimenta co ensino
que ilumina e esperta,
e que transmite o bico
de Deus a gran mantenza.
7. E ofrece pan e viño,
que nacendo da terra
vólvense claros signos,
da súa gran entrega.
8. Da súa e mais da nosa:
da súa que é completa,
e que da nosa agora,
con gozo está en espera.
9. Co pan e o viño santos
que na irmandade centra,
dáse el, e dá azos,
a quen con fe se achega.
10.O manxar é el mesmo,
pero é común a empresa:
nós con el, ao seu xeito,
amando en sementeira.
11.O pan que Cristo dá
é hostia que ven chea,
do amor de Deus Pai-Nai
que nel tanto alumea.
12.E é tamén a cotiá
laboriosa tarefa
de coidar e de amar
da humanidade enteira.
13.El é o pan dos pobres,
auténtica riqueza
dos bos adoradores
que amar con el desexan.
14.Ofrécenos o viño
da xenerosa festa
que Cristo foi capaz
de manter sempre acesa.
15.Xenerosa no sangue
que o viño representa,
o que el doou amante,
por darnos vida plena.
16.Con el en Deus moi vivo,
a vitoria xa é certa,
vivamos coma fillos
e academos a meta.
17.Deixemos que nos faga
do fogar boas pedras:
que el cure as nosas chagas
e no amor nos sosteña.
18.Xesús eucaristía
Fonte de graza eterna,
que eu te adore e te siga,
amando, e en Igrexa.
¡Apertas de domingo!

Miguélez, Xosé Antón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora