Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nós, aínda estamos aquí

jueves, 03 de diciembre de 2009
No Día Internacional da “diversidade funcional” (discapacidade) quero invitalos a remover na historia, non polo feito de mirar atrás senón porque está a condicionar o noso presente, o presente dos afectados de poliomielite.

A polio está erradicada; pero nós aínda estamos aquí. Os seus efectos marcaron as nosas vidas con desarraigos familiares, escolarización nula ou irregular, largas estancias en hospitais, axudas irrisorias, material ortopédico aparatoso... Ata fomos vítimas da caridade cristiá, debiamos ter resignación porque tiñamos o ceo gañado. Así aprendemos a vivir en permanente superación e esforzámonos como se non pasara nada porque a sociedade esixe cidadáns “perfectos”.

Unha deficiente e tardía política de vacinación disparou en España as taxas de infección dunha enfermidade que alcanzou a súa maior incidencia nos anos 50 e 60, atacando a unha xeración de nenos e nenas que servimos de “coelliños de indias”. A polio, causada por un poliovirus, afecta ao sistema nervioso central provocando deformidades, parálises nas extremidades de por vida e atrofias musculares. Atemorizaba á poboación non tanto polo índice de mortalidade, senón polas terribles secuelas. Seguro que case todos vostedes coñecen ou coñeceron a algún afectado/a. O brote máis significativo foi no ano 58 e ata o 63 podemos falar de consecuencias numéricas: uns 1300 nenos mortos e uns 11400 afectados. Son datos aproximados e que só representarían un 40/50% da realidade, segundo estudios recentes. Foi unha epidemia moi democrática xa que afectou a todas as capas sociais. A desigualdade veu despois.

Quero destacar que na prensa do ano 55 xa se sabe da existencia dunha vacina inxectable descuberta o ano anterior por Jonas Salk e que tres anos máis tarde aparece a vacina oral, de Albert Sabin. Ata o ano 58 só existiron accións de vacinación illadas promovidas por algunha empresa ou algúns pediatras. Dispensábase para tres sectores da poboación: a beneficencia dábaa gratis aos moi pobres grazas a doazóns de EEUU, un sector debía pagar 9 ptas. polas tres doses e os máis ricos 27 ptas. A maior parte da poboación non podía asumir este custe e non foi gratuíta ata o ano 63. Un estudio manipulado dicía que a vacinación era moi cara e o goberno considerou que evitar a poliomielite non era rendible. Casualmente nesa época construían a Valle dos Caídos.

Foron tempos nos que non estivemos exentos de loitas internas de poder entre o Seguro Obrigatorio de Enfermidade (SOE), asociado á Falanxe e dependente do Ministerio de Traballo e a Dirección Xeral de Sanidade (DXS), asociada ao sector católico e dependente do Ministerio de Gobernación. Eran as dúas institucións sanitarias da época que fixeron campañas de vacinación en paralelo. A finais do 62, o SOE nunha campaña de imaxe e expansión dita unha orde para vacinar gratis a todos os seus afiliados coa vacina inxectable. A DXS, que tiña a competencia de vacinar a toda a poboación, non tardou en reaccionar e, a principios do 63, publica tamén unha orde para defender a súa parcela preventiva e decide facer un ensaio con fins “administrativos”.
Foi así como, no ano 1963, León e Lugo acolleron unha campaña secreta de vacinación que presentaba mala planificación e doses adulteradas ou incorrectas. Non se entende que utilizaran un modelo de vacina oral distinto en cada provincia, un deles non era aconsellable nin estaba admitido noutros países. En Lugo vacinouse nos meses de maio-xuño e outubro-novembro sen explicarlle ás familias que se trataba dun ensaio; tampouco os médicos tiñan moita información e a polio pasa a denominarse co número “080” quizais como un intento máis de ocultación á hora das “comunicacións”. Optouse polo modelo Sabin (oral) por ser máis económica e máis fácil a súa administración. A campaña piloto foi un éxito porque “debía” ser un éxito, independentemente do resultado. Esta experiencia de León e Lugo permitiu, ao ano seguinte, o primeiro plan de vacinación masiva gratuíta en España, cando xa o virus “profanara” miles de corpos infantís. Así unha xeración de españois padecemos unha enfermidade para a que xa existía vacina, dez anos antes.

Practicamente ata o ano 62 non se fala de polio ou se fala da vacina como pouco recomendable. Incluso se comenta que desapareceron os documentos de compra da vacinación. Semella querer destruír esa parte da historia previa ao 64. Nunha estratexia de ocultación de datos e silenciando a incidencia real (cantos máis casos menos noticias en prensa) os responsables do réxime ocultan a epidemia propiciando así o seu contaxio. Xeramos pouca literatura médica sobre a patoloxía e quedan poucos datos fiables nos rexistros oficiais, non existindo un censo de afectados.

Estaranse preguntando... por que remover agora no pasado? Pois resulta que Internet “chivouse” de que a peor das fases da enfermidade aínda estaba por chegar. Desde hai unha década, empezáronse a descubrir novos achaques que espertaron o interese por mirar atrás. Sabemos que moitas das nosas neuronas morreron e que as outras para “compensar” traballaron en exceso e agora poden pasarnos factura. Non podemos esquecer porque hai un “síndrome” esperándonos, sen decidirse a quen visitar. Pero iso merece outro capítulo.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES