De Ferrol a Muras, Ourol e Viveiro
Ferreiro Currás, Anxo - jueves, 04 de junio de 2026
Levo xa unha longa tempada ausente nesta fiestra aberta de Galicia Digital coas miñas colaboracións, cuxo silencio fixéronmo ver lectores e lectoras. A miña ausencia e baixura de ánimo colleume nesta tempada de cancro de próstata que me anulou bastante; mais a técnica, o trato e o ánimo da equipa de uroloxía do CHUF fíxome rexurdir. E aquí estou neste ano vello para emprendermos un ano nvo. Escribía desta maneira a finais do ano 2024.
Nesa tempada deixei pechada nesta fiestra a lembranza do 50 º cabodano do "72" que Ferrol fixo daquela loita laboral co resultado de dúas vítimas de Amador e Daniel, e que eu vivín tan perto, A homenaxe de actos foi rica e emocionante en todos os aspectos, por Sindicatos e sobre todo polos actores daquela loita. E se daquela unha homilía que condenaba o acto criminal do réxime franquista, confeccionada polos curas, que deixa ben claro Rosa Cal no seu libro "Los curas contra Franco", autorizada polo bispo Miguel Anxo, agora neste cabodano agradecemos tamén a presencia do bispo actual Fernando García Cadiñanos, solidario con esta memoria no acto floral.
Asemade brillou pola súa ausencia a miña colaboración en GD da erección do monumento ás 904 vítimas do franquismo de Ferrolterra, Eume e Ortegal do escultor Patinha, o día 24 de febreiro de 2024, en Canido. Alí quedou claro o ánimo popular e das familias das vítimas, da Comisión Promemorial, da que eu formei parte, e das autoridades dos concellos que este acto non serviu para abrir feridas senón para sandalas; cunha expresa condena do golpe do réxime franquista.
E isto supuxo que familias, que asistiron a este acontecemento, polo mesmo motivo veñen a nós e dinnos que con esta experiencia e coa falla da memoria noutros lugares tamén precisamos, -expresando os seus lamentos- que se faga esas homenaxes.
A nosa resposta foi inmediata. Analizamos ben a situación, poñémonos en contacto cos concellos e logramos, despois de certas alteracións, a empatía dos tres Concellos, Muras, Ourol e Viveiro, BNG, PSOE, PP, respectivamente, o logro da inauguración dos tres Monumentos cunha placa que di: na lembranza dos asasinados pola barbarie franquista ao defenderen a legalidade republicana e as liberdades democráticas, a continuación o nome e apelidos de cada unha das vítimas en cada monumento.
Inauguración o próximo sábado: Día 6 de Xuño de 2026
Muras ás 10:30; Ourol ás 11:30; Viveiro ás 12:30
E sen máis literatura, até a próxima na que daremos conta da súa inauguración, pedimos un senso solidario cada un segundo a súas posibilidades.

Ferreiro Currás, Anxo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora