Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 09 de junio de 2026
Melancolía Espartana

Baixei do coche. Empecei a andar. Movín un pé, logo o outro. Mirei para a Aira de Arriba; canastros e pés de canastro. Seguín andando pola rúa abaixo de Baños de Molgas. Atallei pola Canella. Aquí deixei que a memoria bailase un tango, lembrando certos días de novembro.
Subín á Perla Negra e crucei o río Arnoia cara ás Mestras. Un paso detrás doutro. Un carballo vello. Unha parede de pedra. Máis carballos vellos: gordos, recios, enormes, eternos. Pingas de Orballo Deixo caer o lombo sobre a herba..., á sombra doutro carballo vello.
Pecho os ollos e vexo o que quero ver: un balcón, un reflexo no espello, unha rula que aniña, un sorriso aberto, un peito ó descuberto, pingas de orballo que baixan entre os peitos. Asombro e silencio. Desexo e silencio. Silencio no pensamento.
Un son na distancia. Un reloxo que marca as horas. O tempo que pasa, aínda que nestes momentos semelle que está estancado. Porque hai sentimentos para os que non transcorre o tempo. Hai ilusións, hai fantasías, hai esperanzas que van e veñen ó ritmo dun asubío nostálxico.
Abro os ollos. Contemplo o ceo. Sinto o baleiro. Porén, deixo que todo flúa, que todo agrome e que o lagarto da Carolina lle dea ó rabo. Este, moi preto, non se move, non lle dá ó rabo, pero sente a miña ollada e penso que ata me acompaña nesta melancolía soñadora, espartana.
Érgome. Marcho das Mestras. En silencio. Porque nada fai ruído; nin sequera a Perla Negra sucando as augas do Arnoia. A nostalxia é desexar que as cousas permanezan sempre iguais. A vida segue igual.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES