Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eucaristía e caridade

García Cadiñanos, Fernando - martes, 02 de junio de 2026
Eucaristía e caridade

Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo da solemnidade do Corpus Christi

En setembro do ano pasado foron canonizados dous mozos que viviron, nas súas curtas vidas, os lazos indisolubles que existen entre a eucaristía e a caridade. As dúas realidades, sabémolo, son fundamentais na experiencia cristiá e estes rapaces souberon sintetizar nas súas vidas que, unha e outra, lonxe de correr vías paralelas, se retroalimentan.

Pier Giorgio Frassati naceu en 1901 en Italia. Desde os doce anos ata a súa morte temperá aos vinte e catro, recibiu a comuñón diariamente. Os seus últimos anos foron un sufrimento heroico por mor dunha poliomelitis que lle paralizou e que contraera precisamente polo seu contacto directo cos máis necesitados. Amigo dos pobres de Turín, a través da sociedade vicenciana á que pertenceu, gustáballe dicir: "Xesús visítame cada mañá na comuñón. Devólvolle o favor no meu xeito pobre, visitando aos pobres". Non se contentaba con dar esmola, senón que se entregaba a si mesmo subindo carbón e alimentos ás bufardas dos máis humildes. Deste xeito, prolongaba a eucaristía na súa entrega aos máis vulnerables e atopábase con Cristo tanto no altar como no sacramento dos pobres.

O outro mozo chamábase Carlos Acutis. É un santo do noso tempo (1991-2006) que nos ofrece un testemuño asombroso. A súa vida transcorreu en Milán. De pais non practicantes viviu unha vida normal, destacando especialmente pola súa paixón por Internet e as novas tecnoloxías. Morreu con quince anos dunha leucemia. Os seus pais estrañáronse de que, no seu funeral, acudisen moitas persoas sen fogar, xentes ás que eles non coñecían pero que, con todo, foran obxecto do amor e da proximidade de Carlos. De feito, adoitaba comprar cos seus aforros sacos de durmir e mantas para as persoas sen fogar, comida e bebidas quentes para os pobres do seu barrio. Para Carlos, a comuñón que recibía tamén diariamente, movíalle a fixarse no pobre: non había contradición entre pasar horas fronte á custodia e camiñar polas rúas de Milán buscando a quen axudar. A súa vida confirmou unha das súas frases máis soadas: "Canto máis recibamos a eucaristía máis nos faremos semellantes a Xesús".

Ambas experiencias de espiritualidade exprésannos unha verdade fundamental que permanece desde os inicios da Igrexa: o pan que se parte no altar obriga a partir o pan co famento, empuxa a traballar pola xustiza e a fraternidade concreta. A experiencia relixiosa non é un sentimento de benestar e de emoción autorreferencial: sácanos da nosa paz illada e lévanos a expresar e compartir o amor recibido. Amor recibido e amor ofrecido pertencen a unha mesma e única dinámica de fe.

Vén ben lembrar estes exemplos vivos nesta festa do Corpus que nos dispoñemos a celebrar. Nesta xornada sacamos á rúa o noso maior tesouro: "a eucaristía". No pan da eucaristía Xesús quedouse realmente connosco para facer camiño. El é o viático que nos dá forza e nos protexe das nosas anemias vitais. Adorar a eucaristía e agradecer o don da eucaristía é o obxecto desta festa.

Pero, xunto a este tesouro, os cristiáns custodiamos tamén outro tesouro importante: como dixo san Lourenzo aos seus verdugos, tamén nós debemos dicir ao sinalar aos necesitados: "Velaquí os tesouros da Igrexa". Estes quedaron ao noso coidado na pousada da Igrexa, que se fai samaritana dos excluídos á beira do camiño.

Esta vinculación permite hoxe celebrar a festa de Cáritas, o Día do Amor Fraterno. Na eucaristía atopamos ao amor que se fai mans, proxectos e esperanza no labor de Cáritas. Quero expresar o meu máis profundo agradecemento e felicitación a toda a familia de Cáritas: voluntariado, axentes, sacerdotes, participantes, socios e doantes. Que a mesa da fraternidade que se expresa en cada eucaristía se prolongue na vosa acción cotiá. E que o exemplo de Frassati e de Acutis nos esporee nos momentos de cansazo para que a nosa caridade sexa sempre intensa, alegre e profundamente evanxelizadora.

O voso irmán e amigo,
Eucaristía e caridade
+ Fernando, bispo de Mondñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES