Santísima Trindade
Cabada Castro, Manuel - domingo, 31 de mayo de 2026
Deberiamos converter a festividade da Santísima Trindade en algo íntimo, vivo e, sobre todo, cordial. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos que Deus é un e trino, ou sexa, que Deus é un só Deus en tres persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Mais todo semella quedar non pouco distante da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais. Temos que partir, en calquera caso, de que Deus, o Deus infinito ou, mellor, superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo por máis que El se nos teña revelado como Pai, Fillo e Espírito Santo.
Esta unidade e diferenza segue e seguirá a ser para nós un misterio, por grande e fermosa que sexa esta revelación. Poderiamos dicir, de maneira moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente tal e como é. Agora ben, coa súa manifestación en Xesús, aprendemos a ver como é concretamente esa súa paternidade ó se nos manifestar como especialísimo Pai seu que o quere infinitamente. Mais como Xesús é tamén na súa humanidade un de nós, resulta que, ó revelársenos Deus como Pai de Xesús, se nos manifesta ó tempo que el, Xesús, é o noso irmán maior e que, xa que logo, todos nós somos fillos de Deus.
Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo único e benquerido de Deus. Así nolo anuncia Paulo ó nos dicir que recibimos de Deus Pai "un espírito de fillos adoptivos" e que "grazas a iso podemos clamar: Abbá: Pai!!"
Coa paulatina revelación da Trindade de Deus váisenos comunicando tamén a nós que todos estamos chamados a ingresar misteriosamente nesa Trindade. A revelación definitiva da Trindade divina ocorre, pois, coa vinda do Espírito Santo onda nós. Foi isto último o que celebramos no anterior domingo. Por iso a Igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da festividade da vinda onda nós do Espírito Santo. Con esta vinda do Espírito Santo péchase, para dicilo dalgunha maneira, o "círculo" da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non é dúas persoas, senón "tres". Deus é un "trío", un trío que toca tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, con seren tres as persoas, non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.
Hai aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se vai xa máis de onda nós, e alí onde está o Espírito están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos á enteira Trindade divina. Unha Trindade que segue a traballar no medio de nós para nos facer semellantes a ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e ó tempo escravos dos demais na nosa mutua entrega a eles. É dicir, trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos a participar todos desa misteriosa Trindade divina. Neste sentido, deberiamos traballar tamén nós, coa forza e a graza do noso Deus trinitario, a prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón, asemellándonos así á esta Trindade divina que estamos a celebrar.
Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio da Santísima Trindade, só podemos tatexar. Todos somos nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo divino de ser nos supera totalmente. Mais a verdade é que tamén as cousas máis fondas e naturais da realidade son misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, en definitiva, todo e todos estamos mergullados no misterioso Deus un e trino que o fixo todo e que está en todo. Un Deus que se reflicte tamén na mesma vida familiar, que é sempre, dunha forma ou doutra, trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa, fillos ou fillas, irmás ou irmáns, unidade e diferenza, trindade e unidade.
E dada esta fondura do misterio da Santísima Trindade, non é estraño que a Igrexa nos pida que lembremos hoxe de xeito especial aqueles que se dedican a "orar", a rezar, é dicir, as persoas que nos mosteiros de vida contemplativa, comunicándose co Deus trinitario, lle presentan tamén a El as nosas necesidades e as de todo o mundo. É o día chamado en latín "pro orantibus", é dicir, "a prol dos que oran", dos que rezan. Oremos, pois, nós tamén polos que "oran" por nós.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel