Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por que falar galego na Galiza?

Da Silva Vasconcellos, Victor Hugo - martes, 02 de junio de 2026
Esa non é unha pregunta doada de responder. Depende de quen pregunta e de quen responde. Pode variar segundo o espazo, o tempo, a situación comunicativa. Ben, para todo hai escusas. Podo responder por min. Fago o posible por falar galego todo o tempo que estou na Galiza. Son un brasileiro que leva máis de tres anos vivindo aquí. E si, sei falar castelán. Pero esta cuestión necesita algunhas reflexións.

Antes de falar especificamente do galego, vou falar do portugués falado no Brasil. Unha lingua que non é nada máis e nada menos ca unha variedade do galego. O portugués desenvolveuse historicamente a partir do galego medieval. Entón, se o portugués é fillo do galego, o brasileiro pode ser considerado seu neto. Aínda que a fonética brasileira sexa moi parecida á do avó ca do pai.

Ben, a pesar desa árbore xenealóxica da orixe da lingua falada maioritariamente no Brasil, teño que dicir que é unha lingua de colonización. Non é unha lingua brasileira nin unha lingua americana. Pero hoxe é a lingua de practicamente todos os brasileiros. Isto pasou por unha simple cuestión: colonización. É unha lingua de imposición e que hoxe se fala con naturalidade despois de moito sangue e moita dor dos antepasados da terra Brasil, ou Pindorama (en tupi); Nhe'ery (lingua guaraní); Yvy Marãe'ỹ (tamén en tupi) ou Ibirapitanga (en tupi para pau-brasil, árbore vermella que deu orixe ao nome do país en portugués). Estes nomes non remitían ao que se coñece hoxe por Brasil (un país continental), porén, remitían á rexión na que eses pobos vivían.

Cando Portugal chegou a América, existían entre 1.000 e 2.000 etnias e linguas aproximadamente no que se coñece hoxe como República Federativa do Brasil. Esas eran as linguas orixinarias e verdadeiras desa terra, faladas polo seu pobo. Hoxe, despois de 500 anos de violenta dominación europea, quedaron unhas 200 linguas faladas illadamente por pequenos grupos que manteñen un pouco da súa cultura e da súa tradición. Esas linguas a maioría dos brasileiros nin sequera sabe que existen.

O portugués venceu porque foi imposto. Quen non falaba portugués podía sufrir represión e morrer en certas épocas (ditadura de Getúlio Vargas, por exemplo, 1930-1945). O primeiro en esixir o portugués como lingua oficial na colonia foi o Marqués de Pombal, aínda no século XVIII. E dende entón, por cada brasileiro que nacía falando portugués, pobos indíxenas eran masacradas culturalmente. Toda esta historia para dicir que me gustaría falar unha lingua indíxena e que essas linguas fosen obrigatorias no meu país.

Teño ascendencia indíxena pola banda da miña nai. Ao contrario da maioría dos brasileiros, síntome máis orgulloso desa ascendencia indíxena e negra (de persoas escravizadas traídas de África) que da ascendencia portuguesa pola banda do meu pai. Teño orgullo da resistencia e da vitoria da existencia. Aínda que case non saiba nada da tribo nin da lingua dos meus antepasados, porque a miña bisavoa indíxena foi raptada nunha aldea do nordeste brasileiro, quizais no que hoxe é o estado de Alagoas, para ser criada na "cidade" contra a súa vontade.

Na escola, aprendemos que Portugal "descubriu" o Brasil, que o "desenvolveu" e nos "deu" unha lingua europea. Hai competición entre os nenos para saber quen ten máis ascendencia europea. "O meu bisavó era italiano", "o meu avó é portugués", "teño primos en España"... Nada sobre indíxenas, nada sobre africanos. Brasileiros brancos e de ollos claros séntense superiores ao seren confundidas con europeos. Aprendemos na escola a ser racistas e a normalizar a idea de que o noso é inferior. Ese mecanismo de dominación foi ben explicado no libro A reprodución, de Bourdieu e Passeron, no que falan do sistema de ensino francés como reprodutor de valores burgueses.

Entón, si, a miña lingua materna non é realmente miña. É dos outros. E vexo que, de feito, o Brasil vai perder todas as súas linguas orixinarias. Eu son partidario de que existise unha recuperación desas linguas e que fosen obrigatoriamente ensinadas nas escolas. Que cada rexión valoraze a lingua que alí se falaba e que se puidese traer de volta o que era propio do Brasil. Que existisen programas de TV en linguas indíxenas, libros, clases, concursos públicos, leis escritas nas linguas históricas do país onde nacín. Máis que dispoñible, debería ser obrigatorio. Pero xa non hai volta atrás.

O galego foi lingua de reis, de raíñas, de cultura. Foi enviado a moitas rexións do mundo baixo o alcume de portugués. Mesmo reis casteláns (como Afonso X, o Sabio) estudaban, falaban e escribían en galego. É unha lingua que se formou de maneira orgánica a partir do latín falado no noroeste da Península Ibérica. Tivo influencia xermánica dos suevos e dos visigodos, ademais do substrato celta. Sobreviviu e resistiu aos séculos escuros. É a lingua da Nazón de Breogán.

Vivindo aquí, eu non podería ser un traidor e falar na lingua dos colonizadores. Aínda máis, cando coñezo ben o que é ser colonizado. Non quero para os outros o que non quero para min. Falar galego é axudar na resistenscia dos que aínda poden resistir para manteren a súa historia, a súa lingua, a súa cultura.

Galiza non é España. Galiza non é Portugal. Galiza é Galiza. E fala galego, carallo!

Victor Hugo da Silva Vasconcellos é doutor en Letras pola Universidade Presbiteriana Mackenzie (Brasil). Desenvolve investigación no ámbito da análise do discurso de orientación materialista e exerce como profesor particular de lingua portuguesa e de lingüística.
Da Silva Vasconcellos, Victor Hugo
Da Silva Vasconcellos, Victor Hugo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES