Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os espellos (16)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 08 de junio de 2026
Deus crea, e o home, pero maiormente a muller, recrea, transforma, aproveita..., por veces, que outras ben que destruimos, pois, de postos a romper, ata rompemos os matrimonios!
Só Deus sabe o que perdemos con aquela insubordinación do Paraíso, pero aínda así moita é a materia prima que nos deixou, comezando por esta intelixencia portentosa que nos levou, xa nos primeiros séculos, á emigración xeral, e de presente, cos avións e coas ondas dominadas, estámonos concentrando, sen distancia, nisto que demos en chamar cultura globalizada.
O máis lamentable de todo é que se aproveitasen as guerras para aprender, que só servisen para iso, para inventar. ¡Foi demoníaco, un prezo demoníaco, pero ata serían necesarias para loitar co noso letargo, co noso pasotismo! Non é que loe as palmetas, pero algo de espora sempre se necesitou, e canto máis burros máis Os espellos (16) esporas!

Blasfemia, verbas ou expresións inxuriosas que se din contra Deus ou as cousas sacras. Si, pero non so iso pois blasfemar tamén é atentar contra as obras de Deus, contra a súa paz, contra a súa creatividade, aquela paz da que dixo Xesús: "Déixovo-la paz, dóuvola miña paz: eu non vola dou como o mundo a dá". (Xoán, 14, 27).
Blasfemar tamén son as guerras, ¡os inventores, ou causantes delas!; queima-los montes, que son outros paraísos rescatados do primeiro; fabricar alimentos nocivos; envelenar a honra do próximo; etc., etc. Todo iso contra as obras de Deus, contra o seu verbo creador, purificador, reconstrutor. ¡Ai, Deus; e logo din os ateos que non hai inferno! A miña dúbida non está niso senón nas matemáticas: ¿Que será máis grande, o Ceo ou o Inferno? Ben grande debe ser o inferno posto, e suposto, que segue habendo criminais, blasfemos que, sen dicir palabra, tamén blasfeman.
O home é capaz de sementar, pero as mulleres crían, nutren a semente. ¡Nove meses fronte ao intre dos machos!
¿Decatámonos das facultades, do apoderamento que Deus nos deu, e iso a pesares da nosa soberbia, da nosa sublevación? ¡Con eses poderes ao noso alcance, é, ou non é, un pecado gravísimo, terrible, imperdoable, pasar pola vida cultivando tan só a pereza? ¡Deus nos libre de tal, e de paso, de contaminar aos nosos fillos!
Cada unha das sete virtudes serve para que os cristiáns saibamos como afrontar a tentación de cometer algún dos sete pecados capitais, posto que se contrapoñen, e por iso serven, ¡indispensables!, para salvar a alma. Vexamos e ponderemos:
Humildade (latín, humilitâs) contra o pecado, ¡gravísimo!, da soberbia.
Xenerosidade (latín, generôsitâs) contra o pecado da avaricia.
Castidade (latín, castitâs) contra o pecado da luxuria.
Paciencia (latín, patientia) contra o pecado da ira.
Temperanza, ou temperancia (latín, temperantia) contra a gula.
Caridade (latín, caritas) contra o pecado da envexa.
Dilixencia (latín, diligentia) contra o pecado da pereza.
Cada unha destas virtudes merece un libro, ¡outro!, pero como vou bello, e os fillos pouco menos, ¡93 anos!, déixolles o encargo aos netos.
-.-
Vacinas

Non son pais senón diabros aqueles que non se preocupan de vacinar aos fillos:
-Para a alma, o bautismo.
-Para o corpo, tódalas vacinas descubertas e experimentadas; ¡pero todas, e todas na idade axeitada!
-.-

Que me di o meu retrovisor?
Nunha casa labrega non había mellor calendario cá súa despensa, así que, se a viamos baleira, festas pasadas e mallas rematadas! Baleirábase a despensa pero enchíanse as huchas do pan e das patacas; máis tarde virían as castañas... ¿As castañas? ¡A pena é que chegaban tarde, coas festas pasadas, pois, de telas, as nosas avoas aforraríanse o traballo de face-las tortas! Asadas gustábanme, pero, os bullós, chamados en Montecubeiro "billós", con leite da vaca marela...? ¡Máis que de cardeal! En canto as landras...? ¡Que eran un manxar boísimo tiñámo-la proba con proba-los xamóns, pero..., os que non ían para os caciques había que vendelos, para paga-los consumos!
Coa chegada do outono, que era igual a dicir, despois do San Froilán, mandáronme á escola de Maxide. Aquel ano, aquel inverno, meu pai, en vista de que nomearan Maestro Nacional para o colegio que solicitaran, e conseguiran da República, tres veciños, (Evaristo de Candal, Tellado de Sagaruxe, e meu pai), o meu comprometeuse para poñerlles escola aos nenos, ¡de cinco a vinte anos!, nos lugares de A Braña, Fonteo e Millares, na Valeira. (O de "Baleira", que así o veñen poñendo os de agora, pero están errados, pois esa comarca tan preciosa, ¡unha colección de vales paradisíacos!, non está baleira, nin de xente nin de árbores).
A escola de Maxide comezou nunha habitación do propio Evaristo, que daquela aínda non remataran as obras do seu colexio, que o estaban facendo enriba dun alpendre, coas escaleiras por fóra; hoxe, ¡meu pobre!, está abandonado, esquecido, pero de min, non, por días de vida!
Do colexio non me esquecín, pero do nome dos primeiros mestres, si, que houbo dous, antes do paréntese da incivil, un tal Matalobos, e o outro, Santos Carbón. Non consigo lembrarme de cal estivo primeiro, que enseguida os mobilizaron os franquistas, (leváronos á fronte para que matasen mozos) e foron reemprazados por Don Jesús Rojo López, un manquiño da esquerda, que nos lles serviu para manexar a fusila. Do que si me lembro, con toda claridade, é de que, sendo tan cativo xa entrei, e me sentaron, cos grandiños, grazas ao que levaba apreso da miña casa, con meu pai. A don Jesús levoulle miña nai unhas medias de lá, ¡chegaba o inverno, o inverno de Maxide!, que llas fixera cunha lá boísima, que lle mandara súa tía de Montevideo un paquete de madeixas. Díxolle ao Mestre, máis ou menos: Acordeime de vostede, pois, como estamos achegándonos ao inverno, e aquí arriba, parado na súa mesa, logo vai ter frío...
Aquel mestre só me castigou o día que me sonei con este pano do tío Salmerón mentres cantabamos o Cara al Sol, pero esa historia xa a teño referida, ¡cen veces!
Os espellos (16) Na porta da escola de Maxide nunca vin a tricolor, pero a outra ben que lle cantamos, ¡aínda que non fixese sol!
Os xogos no ¿recreo? daquel curral eran algo brutos, máis ben de nenos grandes, pero eu collín o costume de disimular que tiña frío, e así íame para a cociña de Candal, onde tamén había unha "avoíña", por certo que, ¡unha santa! Carrexaba no mantelo cantas estelas lle collían nel, e así, na cociña vella, facíanos a caridade de sentirnos coma na propia casa de cada quen.
A todo isto, e de todo isto, que aprendín? Maiormente a convivir..., e a non baixar polas escaleiras do colexio sen permiso previo, Na escola, leccións, e na casa, principalmente do pai e do avó, explicacións. ¡Nisto fun un morgado, así que pouco mérito teño criándome con aquelas vantaxes!
Na escola había un mapa de España, que meu pai non o tiña na súa, porque xa viña nos libros, pero máis chama a atención de colgado nunha parede. Sempre me preguntei, pero a min mesmo, sen dicirllo nin o Mestre de Maxide nin a meu pai, o motivo de que a parte atlántica, case toda, fose de Portugal; na aldea os da parcela pequeneira adoitaban venderlla aos da grande, ou permutala; ¿por que non se fixo algo parecido con Portugal?
O neno de Bergland non se cansaba de olla-lo mapa, ben alleo a que lle tocaría recorrelo, case todo, en varias direccións, con varias motivacións, ao longo da súa vida.
O primeiro que aprendín naquel mapa non mo ensinou o Mestre senón un fillo de Raul, Miguel dos Santos Barosa, que eran portugueses, dedicados a serrar madeira coa serra de aire, maiormente travesas pois a incivil deixou a RENFE patas ao aire: Díxome -Este cacho que dá ao Poñente é de meu pai, é Portugal, pero só de nome pois alí non temos nin un ferrado de terra, ¡que tamén hai ricos e pobres, coma en todas partes!

Mira ti como aprendín a ser cosmopolita con aquela lección fraterna, portuguesa!
O resto dos "colegas" tamén os lembro con gratitude pois ensináronme de todo, do bo e do malo; a responsabilidade nestes aproveitamentos é miña..., desde que souben distinguir cal era á árbore do ben e cal, ou cales, as do mal. Na escola tamén aprendín a xogar, incluso a face-lo burro, ¡que sempre o aproveitaban os meirandes para saltar por riba de min!, pero o que máis me gustaba era que naquel sitio só tiña que chamar de "vostede" ao Mestre, que na casa, ¡a todos, menos a meu irmán!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES