Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - lunes, 25 de mayo de 2026
O afogo da tarde

Respiro. Respiro como podo. A sufocación, o afogo son tremendos. A problemática da escritura comeza xa no momento de tomar o café da tarde: que a suor do brazo dereito empapa o papel. E non serve de nada secar o brazo; a suor brota de novo, agroma, volve.
Volverán as escuras andoriñas / no teu balcón os seus niños a colgar, / e outra vez coa á ós teus cristais / xogando chamarán. Versos de Gustavo Adolfo Bécquer na voz de Nacha Guevara.
As andoriñas. Xa non sei se quedan tantas como antes. Intúo que non. De rapaz fascinábame aquel paxariño: polos seus niños e polos lugares onde os facía, tan próximos, tan familiares. Debaixo dos balcóns, á beira das ventás, mesmo dentro das cortes. A andoriña: o seu voo, a súa beleza. "Andoriña nova que voou", cantaba Juan Pardo.
Pardo é a cor da terra ou das follas secas: un ton entre amarelo e negro, cun matiz tirando a vermello. Pardo tamén designa, en América, a mestizaxe: os descendentes de africanos escravizados mesturados con europeos e indíxenas, unha xente que non era considerada nin mestiza nin mulata.
Mulata. Hoxe en día moitos colectivos consideran o termo ofensivo ou racista. Argumentan que reduce a ascendencia afrodescendente a unha idea de "animalización" e hibridación.
Hibridación. Cruzamento entre especies ou variedades distintas para dar lugar a un híbrido. Como híbrido é este tempo: unha mestura de nubes e sol que desemboca nun bochorno, nunha fogaxe absoluta. Pero hai que seguir; hai que seguir con este afogo. Seguimos camiño por este serán sufocante, abafador.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES