Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Castro de Formigueiros

lunes, 30 de noviembre de 2009
O Castro de Formigueiros O Castro de Formigueiros A intervención no Castro de Formigueiros é froito da colaboración de varias consellerías da Xunta de Galicia -Cultura e Turismo, Traballo e Benestar, e Medio Rural- coa finalidade da posta en valor do patrimonio cultural no medio rural. Uns levan o apartado arqueolóxico, outros a organización dun campo de mozos voluntarios de todo o mundo, e os outros a limpeza da maleza, e a adecuación dos accesos e a creación dunha ruta de sendeirismo pola serra do Édramo. Pero este traballo quedaría coxo sen a colaboración do Concello de Samos, e especialmente dos veciños de Formigueiros a través da súa comunidade do monte.

Cando escribo estas liñas estamos a piques de rematar a cuarta campaña realizada co campo de voluntarios. En total uns tres meses de traballo, que permitiron a recollida de moita información sobre a historia do castro, e asemade amosar unha mostra notable de como eran as casas e a súa imponente muralla.

O castro de Formigueiros foi seguramente un importante emprazamento do pobo dos SEURRI, coñecido por fontes literarias e epigráficas romanas, e que deixaría o seu recordo no nome de Sarria. O castro está encravado no estremo occidental da Serra do Édramo, cordal que fai de divisoria de augas entre os ríos Sarria e Mao, cun amplo dominio sobre as terras de Sarria ao Norte, e as do Incio ao Sur. No outro estremo do cordal está situado o Castro da Margarida, con características morfolóxicas similares. E entre ambos poboados se estende a necrópole megalítica do Campo de Valentín, cunha ducia de mámoas. E ao Oeste de Formigueiros, no monte de Santa Mariña unha gran necrópole con 40 túmulos inventariados, entre os Concellos de Sarria, O Incio e Samos.
O topónimo do lugar do castro é o Alto do Couso. O Couso está situado a uns 600 metros ao Suroeste, a unha cota sensiblemente inferior. Curiosamente o topónimo repítese a uns 600 metros ao Sueste do Castro da Margarita, polo que para referirse a este ámbito da serra os veciños din “de Couso a Couso”.

Sobre o perfil da montaña destacan as súas potentes murallas, circundadas por un labiríntico sistema de foxos e parapetos. Sorprende a complexidade e extensión das defensas fronte o reducido da zona habitacional. Das 5 ha. totais, o interior da croa só ocupa uns 2000 m2.

As diferentes campañas centráronse na escavación dun sector do poboado e dun tramo da muralla. Os resultados foron moi satisfactorios e permitiron avanzar na comprensión da historia do asentamento, e caracterizar a súa arquitectura habitacional e defensiva. Aínda queda moito por definir, pero é evidente que o poboado tivo un longo período de ocupación, con profundas modificacións da arquitectura habitacional. Temos indicios de que nos inicios houbo cabanas feitas de madeira, que logo mudarían a casas de pedra, con cubertas de lousa, moi similares ás tradicionais do entorno. Durante un período duns dous séculos producíronse modificacións nas casas e moitas foron reformadas con ampliacións. Esta parte da historia do castro iría do século III-II a. C. ao século I d.C. Coa implantación do poder romano o poboado entraría en decadencia, para ver unha nova ocupación serodia, posiblemente no período xermánico.

Quizás o aspecto máis sorprende de Formigueiros é o seu impresionante sistema defensivo, que o converten nunha fortaleza de notable entidade. Cun perímetro menor, as súas murallas serían tan impresionantes como as de Lugo, aínda que levantadas varios séculos antes. Acadaría uns 6 metros de altura e o adarve sería de catro ou cinco metros de ancho. O seu carácter defensivo vese acentuado por unha complexa armadura de foxos e recintos, dispostos dun xeito labiríntico.

O feito máis inesperado, pola inexistencia de precedentes no ámbito castrexo, foi o achado de varios gravados sobre as lousas do pavimento dunha praciña, rodeada de bancos de pedra. Están realizados cun suco moi feble, posiblemente cun punzón metálico, como se fosen simples debuxos. No repertorio hai figuracións de animais e motivos abstractos máis ou menos xeométricos. En sendas lousas, a maior de 1,27 metros de longo, hai representados tres peixes de similares características. O mellor conservado mide da testa á cola 19 cm., e aparecen deseñadas as pautas anatómicas básicas, como as aletas, radios e liña lateral. O repertorio animal complétase noutra lousa con dous cabalos cun deseño sinxelo pero efectivo. No medio hai outra lousa cun confuso labirinto. Finalmente, sobre o banco hai varios pequenos motivos, entre os que se distingue un círculo con radios, dous triángulos contrapostos e unha combinación de liñas curvas concéntricas. Pero a arte na pedra ten mais exemplos. En lousas reaproveitadas nas paredes das casas apareceron diferentes representacións, entre as que destaca un labirinto de gran calidade, que recorda a complexidade do sistema defensivo do castro de Formigueiros.

Gonzalo Meijide Cameselle, Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Cultura e Turismo.
Meijide, Gonzalo
Meijide, Gonzalo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania