Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ministerios laicais

García Cadiñanos, Fernando - lunes, 25 de mayo de 2026
Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol con motivo da solemnidade de Pentecoste
Celebramos a solemnidade de Pentecoste, o "aniversario" da nosa Igrexa. A miúdo imaxinamos aquel día como un evento do pasado, encerrado entre as paredes do Cenáculo. Ministerios laicais Con todo, Pentecoste é un incendio que segue vivo e que hoxe, máis que nunca, quere prender no corazón da nosa Igrexa diocesana.

Este ano, o Espírito chámanos cunha forza especial a vivir a sinodalidade. Non é unha palabra de moda; é, sinxelamente, a forma na que os primeiros cristiáns entenderon a Igrexa: camiñar xuntos. Sabedores da riqueza de carismas e dons que o Espírito outorga hoxe para riqueza da Igrexa, trátase de que os poñamos en común, sen enfrontarnos, pero vivindo unha corresponsabilidade diferenciada. En efecto, na Igrexa hai diferentes funcións, distintas tarefas, sensibilidades complementarias que se enriquecen cando se descobren e se viven como don e como servizo. Maniféstase así a beleza da Igrexa na que un non fai todo, senón que, entre todos, levamos adiante a única misión que é a de Cristo.

En Pentecoste, o Espírito non se posou sobre unha soa cabeza, senón sobre todos os presentes. Así segue ocorrendo hoxe na Igrexa. Exprésase así que esta se converte nun corpo vivo onde cada membro é esencial para o conxunto. Quedan atrás imaxes que deforman o ser auténtico da Igrexa e que a presentan como unha pirámide na que un manda e todos obedecen. A imaxe do Pobo de Deus recuperada polo Concilio Vaticano II corresponde mellor á vocación e misión da Igrexa.

Podemos así falar dos ministerios laicais, que son servizos eclesiais que visibilizan esa riqueza do Espírito que dá carismas e dons diferentes na única misión eclesial. Exprésase así a corresponsabilidade de todos os bautizados. Os ministerios laicais son unha oportunidade para servir, non para ostentar. Son unha invitación para poñer os talentos ao servizo da comuñón. Desde logo que non esgotan toda a participación dos laicos na Igrexa e no mundo que segue sendo especialmente necesaria nas profesións, no testemuño na política, a cultura, a economía, a familia... Pero os ministerios laicais permiten visibilizar mellor esa pluralidade de funcións e servizos que hoxe existe, e que nos enriquecen como Igrexa.

Na nosa Igrexa diocesana de Mondoñedo-Ferrol quixemos facer unha aposta forte por espertar estes ministerios laicais. Ata o de agora desenvolvéronse dun xeito informal, agora queremos institucionalizar algúns deles. Para iso, ao longo dos dous últimos anos viñéronse formando unha serie de persoas das nosas comunidades cristiás con vistas a que poidan ser conferidos estes servizos para ben das nosas comunidades. Agradezo a súa dispoñibilidade e o esforzo realizado. Trátase de que expresemos na nosa Igrexa a riqueza de carismas que, xunto aos presbíteros e diáconos, xunto á vida consagrada, existen hoxe para ben do Pobo de Deus. Búscase con iso que, xunto ao ministerio ordenado, formen un equipo misioneiro que promova a evanxelización nas nosas comunidades.

No marco da festa de Pentecoste instituiranse na nosa catedral de Mondoñedo algúns lectores, acólitos e catequistas e enviaranse ás nosas parroquias. Nelas poderán desempeñar tarefas de animación, coordinación, formación, acompañamento... Axudarán tamén nas celebracións da Palabra convenientes que permitan seguir alimentando a fe das nosas comunidades cristiás cando non é posible a celebración da eucaristía. Trátase dunha boa noticia para a nosa diocese que desexo que contribúa a dar máis vida comunitaria e cristiá, a expresar a riqueza da vocación bautismal e a alentar a necesaria corresponsabilidade das nosas debilitadas comunidades.

Non deixemos que o lume se apague na rutina. Unha Igrexa que non conta cos seus laicos é unha Igrexa que camiña coxa, sen futuro. Necesítovos -necesitámonos todos- para que o anuncio do Evanxeo chegue a cada recuncho da nosa terra. Que o Espírito Santo, que fai novas todas as cousas, nos conceda a audacia dos apóstolos para saír sen medo e a humildade de María para saber escoitar o que Deus quere de nós hoxe.

O voso irmán e amigo,
Ministerios laicais
+ Fernando, bispo de Mondñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES