
Sendo as 12:30 horas do día 20 de maio de 2026 reúnense, en Redondela, os membros do xurado da XXX edición dos Premios Lois Peña Novo composto por Dª. Carmen Eiró Bouza, Fiscala Superior de Galicia, como presidenta; actuando como vogais Dª. Helena Pousa Ortega, filóloga e investigadora; D. Xosé Avelino Ochoa Gondar, avogado; D. Roberto Fernández Álvarez, médico e escritor e D. Rafael Ojea Pérez, técnico superior de Cultura do Concello de Vigo, exercendo de secretaria do xurado Dª. Carme Pérez Vaquero, secretaria do colectivo Galeguizar Galicia. Despois de deliberaren sobre as propostas presentadas e tendo en consideración os criterios de valoración establecidos acordan conceder os premios desta edición a:
SERVIZO DE COMUNICACIÓN DO REAL CLUB CELTA DE VIGO: Polo traballo sostido desde o ano 2013 na incorporación da lingua galega nun ámbito de enorme repercusión social como é o fútbol profesional, contribuíndo á normalización lingüística e levando o noso idioma a espazos de máxima visibilidade. O xurado valora o uso do galego na comunicación corporativa, nos encontros deportivos, nas ferramentas dixitais, na aplicación oficial, nas redes sociais e na relación coa afección, moi especialmente entre a mocidade, as familias e a comunidade dixital, salientando a súa capacidade para asociar o galego á emoción deportiva, á pertenza e á modernidade, facendo do idioma unha parte esencial da identidade celeste a través de símbolos compartidos como o himno Oliveira dos Cen Anos, convertido nunha expresión de orgullo colectivo.
Dª. AURORA MARCO LÓPEZ: Profesora universitaria, investigadora e escritora galega recoñecida polo seu amplo labor no estudo da literatura e da historia cultural de Galicia. Pola súa contribución decisiva a facer visibles figuras femininas esquecidas ou marxinadas pola historia oficial e polo compromiso constante coa lingua galega como ferramenta de investigación, divulgación e pensamento crítico. O xurado valora unha obra sólida e continuada, con títulos fundamentais como Dicionario de mulleres galegas, Mulleres na guerrilla antifranquista galega, Elas ou Irmandiñas, que rescataron nomes, vidas e traxectorias imprescindibles para comprender a historia do país salientando a unión entre lingua, memoria e xustiza histórica, ampliando o imaxinario colectivo de Galicia e ofrecendo ás novas xeracións referentes femininos, culturais e cívicos expresados desde o galego.
D. XOSÉ MANUEL BEIRAS TORRADO: Pola súa longa, coherente e exemplar traxectoria a prol da dignificación de Galicia ao longo de máis de seis décadas. A través da súa obra, do seu labor docente, da súa presenza institucional e da súa intervención constante no debate público contribuíu a facer da nosa lingua unha ferramenta de pensamento, ciencia económica, reflexión política e compromiso social. O xurado valora especialmente a súa participación en proxectos como a Revista de Economía de Galicia e a súa extensa obra publicada, nomeadamente O atraso económico de Galicia, referencia esencial para a análise crítica e a interpretación da realidade do país. A súa personalidade e o seu compromiso fixeron que moitas persoas, ao longo de varias xeracións, asumisen a galeguidade como unha forma de vida, de pensamento e de dignidade colectiva.
E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión sendo as 14:35 horas do día indicado no encabezamento, do que como secretaria dou fe, asinando ao pé xunto cos membros do xurado