Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os espellos (14)

Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 04 de junio de 2026
As desavinzas familiares son tóxicas para as criaturas

A Deu gracias, e á miña xente tamén, destas particularidades non podo falar a título persoal, pero si veño observando, na miña longa idade, ¡case un século de historia!, que as desavinzas, maiormente antes de que os nenos vaian consolidando criterio propio, causan estragos, tanto na súa personalidade como nas relacións sociais.
Unha das particularidades ás que conduce un mal ambiente é que nos afacemos a xulgar, tanto a propios coma a estraños, sen constatar probas; ben o dicía meu avó: "Do oído nada crido, e do visto, a metade". ¿Do visto, tamén? ¡Tamén, porque a retina é unha devoradora das apariencias!
-.-

Teño a impresión...
de que non estou dicindo nada que non estea sabido, experimentado e sabido, maiormente por estes pais do XXI, ¡tan listos e tan estudados que son, e que están!, mais, por se houbese algún esquecemento, adiante!
Non hai arma educativa máis mortífera que a censura aberta, sen diplomacia, con respecto á conducta dos rapaces pois, chega con dicirlles que algo está mal para que se animen a facelo peor. ¡É máis difícil corrixir un fillo que rexer un país! ¿Receitas? Comezar espreitando ao inimigo, observar as súas tendencias, e ganar a súa confianza para non poñelos en garda, nin aos meus nin aos deles. E despois diso, ao suave, con diplomacia, ir mencionando e analizando os desvíos do próximo, ás súas maldades, ás súas consecuencias.
Isto é conto vello, que sempre foi así, pois é condición humana comezar por levar a contraria; chámanlle "afianzamento do carácter", pero eu prefiro dicirlle "derrubamento da nosa fortaleza". Se na infancia hai perigo, na adolescencia máis aínda; e se na infancia non é doado corrixir, na adolescencia..., ¡batalla perdida!
Cando os nenos se deixan dominar por esas influenzas malignas, negativas, deformadoras, contrarias á educación e ao ambiente familiar, adoita ser porque lles falta confianza, seguridade na educación recibida, iso da "autoestima"; tamén inflúe o compañeirismo, a compracencia, e incluso a admiración, a emulación, que sintan uns dos outros. Nestes supostos as receitas que dan os educadores profesionais veñen a ser estas:
-Canto máis critiques aos seus admirados, se o fas abertamente, son balas que saen pola culata.
-No posible distanciarse socialmente do contacto, da relación, coa familia que consideramos pecadenta.
-Cultivar outras relacións, que teñan nenos ben educados, con familias modélicas dentro do ambiente no que vivamos.
-Manter cos fillos un ambiente comunicativo, facilitándolles que teñan fe en nós, nos nosos actos e nos nosos dicires.
Etc., etc.
-.-

O xerme das vocacións...
nace co individuo, no individuo, pero cultívano as circunstancias, sexan propias ou cultivadas. Os espellos (14) Nunca me esquecerei da relixiosidade, publicamente practicada, da señora Emilia de Brañas (Millares, Valeira), aquelas ledicias súas explicando os Beléns aos nenos de Lugo, en particular ao seu fillo, nado e criado para crego, con toda a ilusión, a propia del cultivada e multiplicada por súa nai, pero..., foi o Seminario, de onde non tardaron en botalo porque..., ¡cantaba mal!
Non é igual criar un neno no Palacio Real que nas aldeíñas de Montecubeiro; o ensino, as explicacións, o carácter, os compañeiros, etc., etc., son, teñen que ser, diametralmente opostos. Despois o tempo dirá en que acaba cada un deles, se nun trono, ou arando a toda presa, ¡antes de que veña o trono espantando ao arador, pero tamén ás vacas!
-.-

¿Eu son eu...?

Xunto, arrexuntado coas miñas circunstancias, si! ¡Pero que ben o entendeu, e que ben o dixo, que ben o definiu, José Ortega y Gasset: "Yo soy yo y mi medio; no puedo separar el medio del que vivo, en el que vivo, de mi yo".
Circum-stancia, o que me circunda, as miñas posibilidades, a miña capacidade reactiva. Pero os humanos temos "logos", pensamento, así que estamos capacitados para mirarnos, para vernos, no espello interior, para preguntarnos o por que das cousas; ¡o por que, pero tamén o como!
O autocontrol non o perdemos daquela do Paraíso; Deus tivo cos Avós esa deferencia, esa permisividade. Conservámolo, si, a pesares da humidade e da friaxe das cavernas, pero con algunha deficiencia, así que procede reeducar o criterio para coñecernos a fondo, para controlar as nosas desviacións, as nosas fraquezas, séxase, as nosas tentacións.
Auxilios: Os eloxios que imos recibindo desde o barrelo son sopros de vitalidade; axúdannos a ternos de pé, a camiñar por nos mesmos con criterio propio, fortalecido, pero..., ¡o pero está en que nos poden enaltecer demasiado, elevarnos á soberbia, retornarnos á primeira das xeracións, así que hai que dixerir os eloxios, as chufas, con humildade, coa debida prudencia.
O abatemento. É terrible, nefasto, deixarse abater polas circunstancias escuras; se temos algo de amor propio, de autoestima, tamén temos, debemos, tirar forzas do almacén das nosas fraquezas, pois sempre hai, sempre teremos, sempre conservaremos, algo de reserva. O pozo da vida ten auga, a precisa para matárno-las sedes; ¡claro que por veces está fonda, aló abaixo, difícil de subir!
-.-

Os desánimos acobárdannos, e de paso empeoran as nosas posibilidades.

Reflexión: Non podemos elixir o cómo sentirnos, pero si podemos elixir o que nos convén facer para sentirnos mellor.
Bertrand Rusell: "Un optimista é un imbécil simpático, e un pesimista un imbécil antipático..., porque ningún deles sabe o que vai pasar".
Motivacións persoais. Convennos: definir obxectivos claros, motivadores, pero axustados ao perfil persoal e/ou competencial de cada quen. O resto, utopías! Dediquemos: o esforzo convinte, axeitado; sen perder de vista a aceptación tranquila das frustracións. ¡Nunca choveu que non escampase!
Os factores clave do desenrolo profesional nada teñen que ver co pensar ben senón con dous comportamentos moi concretos: Definir obxectivos claros, motivadores e axustados ao perfil persoal e/ou competencial, nun senso amplo, de cada quen; e a dedicación, o esforzo e a resistencia á frustración adquiridas nas experiencias educativas e vitais, pero non en exercicios positivistas deses dun día para outro. Lewis Terman, da Universidade de Stanford, fixo un estudio basado nas actuacións duns 1.500 nenos superdotados, chegando á conclusión de que a perseverancia e maila tendencia a definir obxectivos son máis importantes que a mera intelixencia cando se trata de alcanzar logros.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES