5. Vostede ten estudiado diversas manifestacións do Entroido na provincia de Lugo ¿Qué aspectos destacaría dentro delas, tanto no aspecto das máscaras como dos rituais, fronte a outras doutros puntos de Galicia ou doutros lugares?
* O ENTROIDO RIBEIRAO (SANTIAGO DE ARRIBA)
En Santiago de Arriba comeza a celebrarse o Entroido dous domingos denantes ao domingo do Entroido. Recibe o nome de Domingo Lambedoiro. Dende hai varios anos a "Asociación do Entroido Ribeirao" desta comunidade adoita invitar neste domingo a outros entroidos galegos para dalos a coñecer na vila de Chantada ao mediodía e, logo, pola tarde á xente, que acode ao "Campo do Moredo", sito en Santiago de Arriba.
No ano 2024 esta Asociación trouxo o Domingo Lambedoiro como invitados aos seguintes Entroidos: Os Felos de Esgos (Ourense). Os Farrumecos de Sobradelo (Ourense). Os folións e boteiros de Viana do Bolo. Ao "Oso de Salcedo" (Lugo); a aos "Troiteiros" de Bande (Ourense). Estes, xunto cos anfitrións de Santiago de Arriba reuníronse ás 11,30 da mañá na vila de Chantada ao carón do parque infantil. Dende alí levouse a cabo un desfile por diferentes rúas da localidade onde o público asistente puido coñecer as diferentes máscaras e outras peculiaridades de cada Entroido sinalado. Logo, a partir das catro e media da tarde estes entroidos déronse a coñecer no "Campo do Moredo" (Santiago de Arriba), lugar de celebración dende sempre do Entroido desta comunidade.

Os dous domingos seguintes, chamados Domingo Corredoiro e Domingo de Entroido, e o Martes de Entroido, os volantes percorreron todos os carreiros da comunidade parroquial deténdose naquelas casas habitadas, nas que os seus donos lles ofreceron viño da ribeira e algunha que outra vianda. Ata o ano 2012 o habitual era que visitasen en primeiro termo a "Casa de Pepe da Proba", que xa tiña preparados baixo o alpendre os vasos axeitados para enchelos dun bo viño branco.
Todos os días do Entroido celébrase un xantar a primeiras horas da tarde baixo unha carpa cuberta e adosada a antiga escola, situada no "Campo do Moredo". Adoitan asistir os participantes no Entroido; algúns veciños; amigos; e támen algunhas persoas, que veñen xa ao mediodía para asistir "ao festexo entroidano" da tarde. Logo do xantar, xuntouse un grupo de maragatos e volantes na estrada, que da acceso á vila de Chantada e segue ata os Peares. Desde alí iniciase as 16 horas a comitiva ata o "Campo do Moredo", lugar de celebración do Entroido. Esta soe estar integrada non só polos "volantes e maragatos", senón tamén por algúns veciños e persoas foráneas, que veñen a ver os diferentes oficios. Ademaís, esta comitiva adota estar amenizada polo grupo de gaiteiros de Vigo, denominado " Xente de aquí e aculá".
Este grupo leva actuando neste Entroido dende finais da primeira década deste século. Está composto polas seguintes persoas: Jennifer Prado, David Rivera, Jandro Barciela, Esteban Lago. Cada día do Entroido, tocan máis de 60 composicións musicais, predominando "as muñeiras" e "as xotas". Con todo, teñen unha especial importancia as seguintes composicións: "A marcha do Entroido" a as "Dúas marchas dos oficios". Ambas as dúas diferencianse pola melodía, xa que o patrón rítmico era o mesmo.
Cando a comitiva chegou ao lugar de "O Pedroso", dividiuse en dous pequenos grupos: un deles, composto por algún volantes -un co pucho- e maragatos baixaron por un camiño e atravesaron as hortas e os campos, que había, ata chegar ao Moredo. O resto do grupo, así como o público acompañante continuou polo camiño habitual. Dende sempre, os volantes pasaron polas hortas e polas terras de labor, sendo considerado como algo benefactor pras mesmas, ata o punto que os mesmos propietarios acceden gustosos e mesmo queren este ritual de paso.
Xa no Moredo, tanto os volantes como os maragatos cumpriron coa súa función específica. Así, mentres os volantes bailaron e exhibiron os seus traxes diante do público asistente, os maragatos protexeron aos volantes no seu baile e, posteriormente aos mecos na realización dos diferentes oficios. Estes consistíron en curtas representacións teatrais nas que se aludía a diferentes sucesos da realidade en xeral e da vida cotiá das persoas en particular, usando como instrumentos básicos a bulra, a sátira, a ironía...
O martes de Entroido, ao rematar os oficios, os volantes levaron "os puchos", que se usaron no Entroido, para o campo da festa. Alí, deixaronos no chan, e fixeronlles unha breve danza ao redor. Seguidamente, as choronas puxeronse de xeonllos no chán acompañadas dos maragatos e volantes, que quitaron as súas máscaras como despedida ao pucho. Ao rematar "o choro", un dos maragatos recolleu o pucho grande e cruzou as hortas ao revés, mentres que un volante acompañou ao maragato, que gardou o pucho ata o ano seguinte.
Logo do choro, faise unha churrascada baixo a carpa ata ben entrada a noitiña. E deste xeito remata o Entroido, xa pensando no ano vindeiro.
O "ROL" DA MULLER E DOS CATIVOS NO ENTROIDO RIBEIRAO.
Case sempre o papel da muller nos medios rurais foi dunha gran relevancia de cara ao mantemento da "Casa familiar". A muller leva a cabo unha dobre tarefa. Por unha banda ocupase das tarefas domésticas ligadas coa limpeza, coa cociña e cos nenos no suposto que os haxa. Tamén se adica a axudar ao seu cónxuxe nas tarefas agropecuarias. Pois ben, este labor constante e permanente da muller no seo da unidade familiar proxéctase tamén de cara a algúns eventos festivos como é o caso do Entroido.
Neste festexo a súa tarefa era ardua e menos visible que a do home sobre quen xiraba o eixo da festa. A muller permanecía nun segundo plano, encuberta como espectadora máis que como actora, como elemento pasivo e non activo. E o intre no que cómpre difundir o importante "rol", que amosa a muller neste evento festivo, no que ata hai ben pouco non podía participar co home dun xeito visible de cara ao público -agás nalgúns oficios-.
Polo que respecta ao Entroido de Santiago de Arriba, a muller desde sempre é a que lava os traxes; compra o papel de pinocho; cortao e, logo, realiza as flores do pucho; tamén as cintas ou colonias de diferentes cromatismo. Se as flores e cintas se humedecen ten que facelas de novo; ás veces nun curto tempo o que a obriga a empregar moitas horas de traballo. No intre actual, como xa vimos anteriormente, a única persoa que sabe realizar as flores do pucho, segundo a tradición parroquial, e Marisé Rei. Outras mulleres, como Carmen Rei, Vanesa, Alba Quintela, axudana a cortar o papel: realizar as colonias; atar as cintas; e mesmo colocar as flores no pucho, aínda que nesta última tarefa axudana tamén os homes, na súa maioría pertencentes a "Asociación do Entroido de Santiago de Arriba".
Nos días propios do Entroido, as mulleres da asociación encarganse tamén da tarefa gastronómica, consistente en realizar varios encargos, cociñar algúns platos, poñer a mesa... Logo, a tardiña pasan bandexas de empanada, carne e doce entre o público asistente ao festexo, que adoita acompañar co viño tinto da ribeira, que ten a súa disposición ao carón da "Cantiña do Moredo", moi ben atendida por Jordi González. No obstante, dende mediados da primeira década deste século os homes da Asociación do Entroido de Santiago de Arriba comezaron a axudar a muller nos labores gastronómicos: facendo o churrasco, poñendo a mesa, indo a algúns encargos ligados coa gastronomía...
Ademaís, e isto é moi relevante, a muller, co paso do tempo, acadou participar neste evento festivo como unha máscara máis, e así no intre actual podemos ver como as mulleres xa non so axudan nos oficios, senón que se visten de volantes e maragatos en calquer día do Entroido. Mesmo, no martes de Entroido houbo anos nos que a participación da muller como volante foi maioritaria. Sen logar a dúbidas unha conquista da muller merecida.
Antano, non había participación infantil no Entroido. Dicíase que era algo exclusivo dos homes. No obstante, dende que comezou a funcionar a "Asociación do Entroido de Santiago de Arriba" a mediados da primeira década deste século unha das cousas prioritarias, que levou a cabo, foi que o neno coñecese o Entroido e que participase nel. Efectivamente, como autor deste traballo, puiden constatar durante varios anos como dende o principio os pequenos cunha curta idade -algúns con tres aniños- comezaron a participar como volantes, e maragatos axudados polos adultos. Ademaís, o martes de Entroido foron aprendendo o labor de "meco" intervindo nalgúns oficios cos adultos. Mesmo, neste día houbo oficios nos que a participación infantil foi maioritaria. Polo tanto, este Entroido non depende dos adultos como noutrora, senón tamén dos pequenos, de aí que sexa un Entroido rexuvenecedor.
Nota: Por non repetir algúns contidos, a dinámica das máscaras vai ser contestada nas cuestións 6 e 7.
O ENTROIDO DE SALCEDO (A POBRA DE BROLLÓN)
Dende hai algúns anos, as actividades do Entroido están planificadas pola Asociación de veciños de Salcedo, que nestas datas conta coa colaboración non só dos seus integrantes cotiáns, senón tamén coa doutros veciños que se afanan por fomentar o espírito lúdico do Entroido.
As primeiras celebracións corresponden ao chamado "xoves de compadres", que tiñan lugar na segunda semana anterior ao Entroido; neste día as mulleres facían uns bonecos de palla ou cartón, que representaban a una serie de homes da localidade e aos que trataban de vencer empregando o lume como medio básico do seu dominio. Pola contra, os homes tentaban, mediante todo xeito de enganos e artimañas, apoderarse dos bonecos para que non se cometa tal aldraxe.
O xoves seguinte, celébrase o "xoves de comadres", que vén ser a inversión do anterior. En ambos os dous casos o que se estaba a facer non era outra cousa máis que a representación simbólica dunha loita de sexos. Esta actividade segue latente, aínda que xa oficializada, noutros concellos da Terra de Lemos, como poden ser Bóveda, Monforte e Sober, por citar algúns.
Antano, entre ambos os dous xoves celebrábase o "domingo corredoiro", día no que os máis dos veciños da parroquia se perseguían botándose os uns ós outros diferentes sustancias coma o sarrio, que quedaba nas cociñas tradicionais galegas.
No "domingo do Entroido" saen as madamas e os danzantes, en número que vai entre cinco a sete parellas. As madamas levan unha blusa e faldra branca, e van tocadas con sombreiros ornamentados con flores e cintas de papel, que recibían o nome de colonias; as súas caras ían cubertas por antifaces de diferente cromatismo. Os danzantes van vestidos cun traxe escuro, camisa branca, gravata negra, sombreiro e unha careta branca. Segundo algúns veciños, ambos os dous persoiros poderían simbolizar ás persoas ricas da localidade; por tal motivo non era estrano que antano, para representaren as súas vestimentas, houbese que ir, coa debida antelación, aos tendais dos ricos para collerlles as roupas axeitadas.
Así mesmo, teñen como misión ir buscar, cos gaiteiros de Salcedo, ao morrión, é dicir as máscaras que, acompañadas por cativos, levan a cabo nun local axeitado unha representación mímica sobre algún comportamento social ou evento, que tivera gran transcendencia na localidade. Así, por poñer un caso, hai bastantes anos veu a Salcedo
un home que, segundo comentaban, vendía lavadoras; andou por diferentes casas ofrecendo o produto cunhas importantes vantaxes económicas, de tal xeito que, aínda que non traía canda él ningún electrodoméstico, pedía un adianto económico antes de entregar o producto; días despois algúns veciños aceptaron a proposta de quen logo resultou ser un timador. Na localidade o caso foi moi comentado, o que motivou que no Entroido do ano seguinte fixérase unha parodia da estafa. Por outra banda, antano fixéronse parodias sobre a guerra de Africa e a proclamación da República no lugar do Modillón, situado por riba do adro da igrexa parroquial
Á noite, celébranse no local multiusos da localidade varias representacións teatrais dialogadas, que abranguen desde obras elaboradas por membros da localidade ata adaptacións realizadas ao galego de clásicos como Moliere ou Shakespeare. Cada función planifícase en diferentes obras: infantil, xuvenil e adulta, participando como actores diversos veciños, de diferentes idades, da localidade.
No ano 2008 cumpriuse o cincuenta aniversario das representacións teatrais do Entroido. O concelleiro de Cultura de Salcedo, Javier González, mencionaba que el teatro es un nexo de unión en la localidade. Allí vivimos 70 vecinos, de los cuales 40 nos juntamos en las noches de invierno para escribir y representar estas pequeñas obras. Tanto neste ano como no seguinte -2009- realizouse unha función teatral tanto o sábado como o domingo, na que se representaron sete obras. Houbo unha gran afluencia de público ata o punto de que o local fíxose pequeno para dar cabida á cantidade de persoas, que querían asistir. Neste últimos anos, unha das pezas que se interpretou foi "A petición de man", que ten cinco persoeiros: Raúl, señor maior; pai de Carmen e avogado; Maruxa, rapaza de mediana idade, e serventa; Carmen, rapaza nova, filla de Raúl, e orientadora laboral; Rafa, futuro marido de Carmen e avogado; e Manolo, rapaz novo, electricista. Outra, leva o título de "Non casei con todos", e foi representada polos seguintes personaxes: Rafa, noivo recén casado, enamorado da súa bela dona; Luisa, noiva moi guapa e distinguida; Lola, nai de Luísa, vai facer da noite algo inesquecible; Encarna, nai de Lola e avoa de Luísa; Marcial, amigo de estudos de Rafa; e Avelino, amigo de estudos de Rafa. A escena transcurre no salón dunha casa onde se supón que vai pasar a primeira noite de casados unha parella. Esta encontrase entusiasmada porque é a primeira vez que van manter relacións íntimas, despois de sete anos de noivado. Pero todo se vai complicando cando empeza a aparecer xente na estanza, un tras doutro, cada vez máis e máis. Eles pensan que van tolear e pouco lles ha faltar...