3.- Cando se fala de Entroido ou de Mascaradas, sempre se asocia con manifestacións "profanas", pero ¿podería establecerse algunha relación entre elas e o sacro, a relixiosidade popular?
Nesta provincia, cando falamos de "mascaradas" podemos apreciar unha interacción entre o "sacro" e o "profano" nos seguintes elementos e manifestacións:
En Santiago de Arriba (Chantada) "a mascarada do volante" posue un elemento esencial que é "o pucho". Pois ben, a base do pucho está constituída por un armazón de arumes e vimbios, que se asemella a forma do camarín da Virxe do Perpeturuo Socorro, que se encontra na igrexa desta parroquia. Ademaís, neste armazón van fixados cinco penachos de plumas de diferenes cores: dous a cada lado do pucho e un no centro. Pois ben, noutrora estes plumachos, segundo Arauxo E., collíanse do camarín da Virxe. Había que esperar a que o crego oficiáse a misa para collelos e, logo, á noite traianse de novo. Hoxe, utilízanse uns traídos de ultramar.
Na parroquia de A Ermida (Quiroga) hai dúas mascaradas antigas, que son o MECO e as PAMPÓNIGAS.
O MECO tivo nomes máis acordes que a do persoeiro actual. E, así, os nomes de Felo e Gracioso substituían a do Meco, que sempre foi consideraedo nalgunhas localidades galegas un persoeiro ligado á festividade do Entroido. Este personaxe estivo ligado dende sempre a "Casa de Eliseo González" do San Vitorio (A Ermida). Respecto a súa vestimenta vai provisto dunha careta de madeira, na que se reflicten trazos demoníacos. Na cabeza leva un sombreiro de cor vermello, que se prolonga ata as costas, formando unha especie de "molida" -parte branda ou cabezal-. Tanto o xersei coma o pantalón son, tamen, de cor vermello. Ademaís, o pantalón leva unhas franxas laterais de cor branxo con pequenos resaltes de cor vermello. No ano 1984, José González Rodríguez, nacido na Ermida e vinculado coa "Casa de Eliseo González" construíu unha nova caraúta de bidueiro para o Felo, xa a antiga, de castiñeiro, estaba moi deteriorada.

Ademaís, realizou unha caraúta pequena para o seu fillo, que daquela tiña oito anos. Isto motivou que no ano 1984, previo permiso do párroco de "A Ermida", saísen por primeira vez na procesión dous mecos, costume que continuou ata o ano 1992. Dende o ano 1993 representa o "rol de Meco", Xoán González Cobo de 29 anos. O Felo ou Meco está moi integrado na festividade da "Virxe dos Remedios", que se celebra na Ermida (Quiroga), os días oito e nove de setembro. O Felo vai iniciando a procesión da Virxe dos Remedios nos días da súa festividade; para anunciar a súa presencia leva na man dereita unha castañola, que repiniquea, mentres na esquerda trae unha "vasoira de toxos"( fachuzo de toxos) coa que vai afastando as persoas, que poidan interromper o cortexo procesional. Cando a procesión retorna á igrexa, o Meco, axeonllado inclina a cabeza no intre en que introducen a imaxe da Virxe na igrexa. Mentres se concelebra a misa solemne, o Meco ou Felo queda no adro da igrexa, onde se leva a cabo un ritual profano consistente en que algúns fregueses tanto da parroquia como de fora vótanlle moedas ao chan. No intre en que o Meco se dobra para recollelas, algunhas persoas danlle labazadas na "molida",mentres el tenta defenderse co "fachuzo de toxos".
Noutrora tanto Eliseo González, como os seus antergos e o seu fillo Xoán González Rei levaron a cabo unha serie de tarefas, que tiñan lugar en diferentes intres da tarde e do serán. Así, nas primeiras horas da tarde participaban na procesión e no ritual profano, que tiña lugar ao carón da igrexa. Logo do xantar familiar, o Felo, acompañado dun gaiteiro e un tamboril, ía por diferentes casas da parroquia bailando ao compás da música có propósito de recadar algunhas moedas, que lle daban polo seu labor. Polo serán o Felo e os seus acompañantes trasladábanse ao campo da festa, onde tiña lugar o mesmo ritual, que se celebrara ao carón da igrexa ao mediodía.
No intre actual, a práctica ritual do Felo quedou restrinxida só a procesión e ao ritual profano, que se celebra ao mesmo tempo que a misa solemne. No ritual procesional, o Felo ou Gracioso está levando a cabo unha relevante tarefa relixiosa, xa que está contribuindo á purificación e santificación do ámbito espacial, que percorre a procesión, non só dirixindo a mesma, senón tamén participando dun xeito directo na veneración á Virxe dos Remedios. Este acatamento realízao mediante unha inclinación de cabeza ou de xeonllos no intre en que a advocación mariana retorna á igrexa, onde se vai concelebrar a misa solemne. No obstante, ao mesmo tempo o Meco leva a cabo un ritual profano no adro da igrexa , do que xa teño falado, que indica como os actos cotiás móvense por unha dialéctica continua da que xa os antigos pensadores gregos falaran. Dende a miña perspectiva a dimensión hermeneútica sobre este ritual é dual: así, por unha banda, trátase dunha práctica que contribue a alonxar ás persoas da súa dimensión relixiosa. Mais, por outra, as continuas labazadas, que recibe o Felo simbolizan dalgún xeito a saída do Mal, e, polo tanto, do deshonesto, do ilícito desta comunidade quiroguesa.
Antano (Ano 1882) o Felo pola tarefa, que realizaba, recibía do mordomo da confraría da Nosa Señora dos Remedios unha remuneración económica, procedente da esmola, que se recadaba na festividade mariana dos días 8 e 9 de setembro.
"Felo y un gigante ............ 8 rs"
AS PAMPÓNIGAS son dous xigantes, que simbolizan a un home e a unha muller. As súas cabezas son de madeira e o seu armazón inicialmente de madeira foise apolillando,

o que dificultaba o labor dos seus porteadores. Isto motivou que se fixese un novo armazón de aluminio co que o peso das Pampónigas reduciuse. A Pampóniga, que representa a unha muller, vai vestida cun sombreiro e traxe vermello, levando na súa boca un acio de uvas. Pola contra, a Pampóniga, que simboliza a un home, vai ataviada cun sombreiro e traxe azul e adoita levar unha pipa na boca. Ambos os dous personaxes van na procesión logo do Felo, danzando unha peza tradicional da comunidade, recuperada por un gaiteiro da zona chamado Colomán. Os seus porteadores, que son fregueses da comunidade parroquial, teñen que ter moita destreza, experiencia e resistencia física, xa que a altura das Pampónigas é considerable. Estes personaxes son moi similares aos Cocos de Lourenzá e Ribadeo. Hai anos, os seus porteadores recibían un estipendio pola súa participación na procesión, ao igual que o Felo .Cando a procesión retorna á igrexa, ambos os dous persoeiros, colocados nos flancos da porta do recinto sagrado, inclinan cadansúa cabeza no intre en que a imaxe da Virxe entra no templo. Este ritual de veneración é moderno, xa que comezou a utilizarse hai uns corenta anos aproximadamente
No transcurso dos anos houbo unha serie de persoas da comunidade, que levaron a cabo "o rol" de Pampónigas dun xeito continuo. Así podemos citar, entre outros, aos seguintes porteadores de mayor a menor antiguidade: Gervasio Vila, Luís Montenegro, Santos González Macía, Vicente Rodríguez, Sergio Delpont, Antonio Ferreiro Puga, Sergio Ferreiro...
Nas mesmas datas, conmemórase na vila ourensán de Castro Caldelas, situada na outra beira do río Sil, a festividade da patroa adicada á mesma advocación que na Ermida (Quiroga). Na procesión sae unha máscara, que recibe o nome de IRRIO PELIQUEIRO e que amosa algúns trazos semellantes ao Felo da Ermida. A máscara leva una especie de frac, que presenta grandes botóns no peito. A parte posterior da cabeza vai cuberta cun pano de cor vermello e a cara cunha careta de madeira, que simboliza a un home con barba. Na súa man dereita, leva unha pelica coa que pode golpear as persoas con prudencia. A máscara orixinal únicamente sae na procesión do día da Virxe dos Remedios e nos actos protocolarios da festa. Para o resto de cada xornada da fest de Os Remedios sae unha réplica. Dende o ano 1839 está documenada a súa presencia na procesión da patroa local. A identidade do irrio non pode ser descuberta, e dispón mesmo dun xeito oficial dos seus propios fueros. Así no ano 1951, o alcalde da vila proclama un bando, no que facía saber o seguinte:
1º. A persoa do Irrio é inviolable e, polo tanto, a ninguén lle será licito acometelo nin maltratalo de obra, quedando todos obrigados a aguantar as súas persecucións e golpes sempre que sexan dados dun xeito moderado có látego.
2º. Os vendedores de froita, rosquillas etc, aguantaran as apropiacións que o Irrio leve a cabo, sempre e cando se manteñan dentro dos límites da moderación, que as antigas normas consuetudinarias permiten.
3º.Consíntense todo tipo de insultos, que se realicen ao Irrio, sempre e cando non constituian un deterioro nin unha ofensa á moral, á tradición e á decencial
4º. Se o Irrio se excedese nas súas atribucións só o rexedor do concello será a única autoridade competente para impoñerlle a sanción correspondente.