Trigo e cizaña na arañeira das redes
Pinto Antón, J.A. - viernes, 19 de junio de 2026
Ao principio, conta a parábola (Mt.13:24), parécense moito. Logo medran e hai que arrincar o xoio para que o trigo quede limpo. Sabedoría antiga. Se agora hai unha asombrosa mestura de verdade e mentira, houbo un tempo de sombras no que a censura borraba noticias. Hoxe, a súa masiva sementeira éche a mellor censura. Por inundación.
O lixo coloniza. Copa o cerebro humano. As pantallas son bebedoiros inexgotables. A pedagoxía dos expertos avisa de que non é necesario ler, saber, recordar todo. O cerebro precisa desconectar. Ao fin, elixir, separar o trigo do velenoso xoio.
Asomámonos horas cada día polas ventás sempre abertas das pantallas. Nelas cantan, sedutoras, as sereas de Ulises. Con melodías de medias verdades, medias mentiras. Trigo e xoio mesturados.
Noticias que consumen enerxía, inundan de medos, reclaman atención. Hora de parar. De arrincar o xoio. De botar ao lixo tanto dato que ocupa, vídeos que agonian. Tamén as estanterías do cerebro acaban enchéndose: un faiado de trastos inservibles. Non apaga nunca, tampouco pode estar sempre fervendo. Utilizamos o que nos fai falta. No se pode usar sempre o 100%. Hai moito spam no bombardeo de noticias copando tempo, presenza, medos con bulos, datos, fake news, especulacións. Algoritmos como flautistas de Hamelin que engaiolan. Lixo que se metastatiza sen freo, en bucle. Cando Meta suprime os verificadores aposta polo xoio. Cando X tenta crear un estado paralelo ao democrático aposta polo xoio. Os poderosos donos de redes sociais coaligados co 'monarca' republicano USA, son un perigo para a democracia. E unha aposta pola cizaña. Só no segundo sementre de 2023 moderadores agora suprimidos retiraron de facebook 7,2 millóns de vídeos de abusos sexuais. 6,4 millóns de autolesións e suicidios, 17 millóns de discursos de odio, 6,2 millóns de vídeos violentos en instagram. Toda esa sucidade envelena as redes. Impunes e inmunes, poden publicar abusos a bebés, decapitacións, violacións, discursos de odio, cans aforcados, racismo descarnado. Anonimato e barra libre son boas para o negocio no novo tempo de matonismo e delirios populistas. 'Tres mil millóns de usuarios non poden estar equivocados'.
Temos vendido o alma ao diaño. Facémonos trampa. Comungamos co Pedro e o lobo mentres as pantallas nos devoran. Necesarias, tamén desactivan revolucións pendentes, soños da mocidade. E o máis grave, neutralizan as estruturas sociais, co diñeiro esvarando caudaloso polos sumidoiros das redes. Ata os petos dos xigantes tecnolóxicos que, sen pasar polas furnas, están a apoderarse do mundo.
Mentres tentamos agarrarnos ao cravo ardente da democracia que, polo de agora, representa a UE. Cunha tarefa urxente e pendente: separar o trigo da cizaña.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora