Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sócrates visita 'La Revuelta'

Pinto Antón, J.A. - viernes, 12 de junio de 2026
Xa non saben qué facer para copar titulares. Ou mellor, xa non saben qué facer os titulares para copar formigas e revoltas. '¡As formigas vencen ás revoltas!". '¡As revoltas impóñense ás formigas!". Cousas de televisións minguantes. Titulares para engaiolar anunciantes. E separar na galaxia mediática o mundo conservador do mundo 'woke', que din na capital do imperio. Dúas Españas que unha das mellores democracias non consegue superar. Hai que manter encelada a feligresía con partidos trasmutados en sectas, alineada en tribos. Mais convén non esaxerar, di o refrán: "Se na miña casa cocen fabas, na túa a caldeiradas". A máis poderosa democracia do planeta, obnubilada polo tsunami trumpista, está rota en dúas metades que se odian: Estados Desunidos de Norteamérica. Tamén hai dúas Alemañas, unha no corazón da mellor Europa, outra co cheiro a tripas nazis. Dúas Francias. E dúas Italias: a do presidente Matarella e a de Meloni. E políticos que esquecen a pedagoxía política e a función de estadistas. Incapaces de suturar feridas sociais conxugan a berros o verbo barbarizar que engorda extremismos. Afondan diferencias nos parlamentos, lugares da palabra. Todo conspira para non enfrontar problemas da xente. Teito e pan. Desfeita dun clima atolado por humanos. Emerxencia migratoria que non cesa nin cesará. A España Invertebrada entre a Baldeira e a Periférica. A fenda da desigualdade que tritura a infancia. O canto de sereas extremistas.

Entre tantos problemas, a España resiliente co xeneroso estado do benestar, preocupación polos pensionistas e a admirable sanidade pública, universal e gratuíta. Problemas e solucións. Política e partidos: non todos son iguais.

Hoxe Sócrates visita 'El hormiguero'. Mañá, 'La Revuelta'. Preguntas amables. ¿Onde vive o gran filósofo? ¿Cantas dracmas gaña polas clases particulares? ¿Cómo vai a convivencia con Xantipa?, ¿Algo sobre Xenofonte, Alcibíades, Isócrates, Apolodoro? ¿E o pesado de Platón? ¿Qué vén sendo iso da maiéutica?. ¿Oíu falar da folga de sexo das mulleres contra machos enleados na Guerra do Peloponeso?. ¿Non sería enredo de Aristófanes para vender entradas en 'Lisístrata'? E xa postos, ¿aconsellaría esa medida contra os brutais señores de guerra que masacran Ucraína, Gaza, Iemen, Sudán, Congo? ¿Contra demagogos matóns que empuxan aos pobos a unha guerra civil eterna, que agora impoñen no planeta a lei do far west?

Xente rara estes filósofos. En prime time, poucas preguntas sobre filosofía. Non son horas. E ademais, ¿para qué serve a filosofía?. A filosofía serve para vivir, bisba Sócrates.

Mañá sairán as audiencias. E resulta que a banalidade de calquera influencer, de lacazáns no arquipélago de tentacións triturará no share a maiéutica de Sócrates.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES