Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os deuses van á guerra

Pinto Antón, J.A. - viernes, 05 de junio de 2026
Vinte pastores evanxélicos rezan a carón de Trump no Despacho Oval. A oración estremece: "Oramos para dar ao presidente a fortaleza para dirixir a nosa gran nación baixo Deus". Nacionalismo cristiano lonxe da mensaxe de Xesús de Nazaret. Qué evanxeo len estes clérigos cegos? Que Corán estudan aiatolás da crueldade? Qué Torá anima a sionistas a bombardear e matar?

As guerras tamén alistan aos deuses. Hai 3200 anos, na de Troia, Atenea, Poseidón, Hera loitaban cos aqueos. Mentres Apolo, Ares e Afrodita apoiaban aos troianos. A Europa cristiana enfrontouse en infinitas guerras de relixión. A Guerra dos 30 Anos (1618-1648) tivo o terrible saldo de 8 millóns de mortos. Devastou Centroeuropa e causou unha fonda crise social, económica e demográfica. Credos e deuses ceibaron aos cabalos da apocalipse: violencia, fame, enfermidade, morte. En Francia houbo oito conflitos entre católicos e protestantes no s.XVI. Antes, nas Cruzadas, combateron o mundo cristiano e musulmán. Guerra santa contra xihad. Exterminio de infieis fartos de dogmas e cobiza. Un país nacido do imperialismo británico rompeuse en 1947 por diferencias políticas e relixiosas: India e Pakistán. Conflito interminable que continúa, porque as guerras xamais rematan. Cómo non recordar a 'longa noite de pedra' da nosa guerra fratricida, ensalzada como cruzada relixiosa pola xerarquía eclesiástica. Agora, a brutal agresión de Putin a Ucraína é bendecida polo patriarca ortodoxo de Moscú. O belicista Israel de Netanyahu, co pretexto dun atrabiliario mandato bíblico, bombardea a veciños e ocupa terra palestina. O letal ollo por ollo provoca noxo moral. Coa xente atrapada entre dous fascismos, o de Hamás e o sionista que obriga a fuxir a 700.000 persoas de Beirut. Do mesmo xeito que o terror ás bombas USA obriga a saír de Teherán. E o dos aiatolás bombardea países veciños. En nome de que deus tanta destrución, tanta morte? Cómo soportan 93 millóns de iraníes unha teocracia medieval opresora do pobo, negadora da metade feminina?

A última relixión nun planeta sen lei é a de George Orwell. Mandamentos absurdos, tristemente actuais. "A guerra é a paz", "A liberdade é escravitude", "A ignorancia é a forza". Os deuses divírtense e os pobos perden todas as guerras mentres engorda o negocio da industria bélica e do petróleo.

Perde a confianza na política, perde a democracia, perde a ONU nun mundo sen máis norma que a lei do máis forte. Deste Trump, señor do caos, ao que bendicen clérigos fanáticos. Mentres un dos personaxes de "A viaxe de Baldassare" de A. Maalouf laméntase. "A miúdo penso que as relixións son inventos dos homes para ocultar o verdadeiro rostro de Deus". De Alá, de Deus, de Yahvé. Deses deuses que clérigos e pastores envían á guerra.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES