Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Nobel que fala de esperanza

Pinto Antón, J.A. - viernes, 22 de mayo de 2026
László Krasznahorkai, o Nobel de literatura de nome imposible, quería falar e agradecer o premio cunha mensaxe de esperanza. Pero as reservas deste sentimento tan positivo vanse esgotando nun mundo onde se apagan as luces e avanza a escuridade.

Neste presente escuro a desesperanza esvara caudalosa, ruidosa pola tubaxe das redes. A UE multou a X por engano e falta de transparencia. Por inflamar os extremismos alleos á democracia e alentar quintacolumnistas e cabalos de Troia: "A UE ten que ser abolida e a soberanía devolta aos seus países individuais". Del fala o premio Nobel. Dun personaxe que nos domina facendo crer que mellora as vidas mentres se apodera dos espazos e devora o noso tempo. Promete o paraíso e crea infernos. Demos flautistas de Hamelín engaiolan a millóns de 'ratiños' nas pantallas nun bucle infinito de nadas. Tantas, que ata precisan un verbo, scrollear, que conxuga tempos e espazos co índice e o polegar. Uns segundos en cada imaxe, en cada titular. Os donos da arañeira dixital coñecen esa febre e barbarizan con imaxes rechamantes, titulares escandalosos, aditivos. 'Alcohol e cocaína' dixitais, tan perigosos que en Australia veñen de prohibir o acceso ás redes a menores de 16 anos. En EEUU multan a Meta e a Google por utilizar algoritmos deseñados para crear adiccións. Eses algoritmos coñecen os nosos apetitos, soidades, medos. Deles aprovéitanse os novos anxos, di o Nobel, que envolven con douzura, sen ás para voar. Vestidos coma nós, camiñan connosco. Pendentes dos nosos ollos e dedos. Compulsivos cando conxugan scrollear.

A tecnoloxía non é o inimigo: é imprescindible e necesaria. Pero a cidadanía ten que ser ben consciente da súa responsabilidade social, política e individual no uso desa poderosa ferramenta e dos abusos da manipulación. As pantallas, se non son embridadas polas sociedades, a política e a cultura, espallan e camuflan como información a violencia da pobreza, a violencia absurda das guerras tan veciñas, a violencia do clima, a violencia dos que non teñen futuro nin teito. A violencia dunha polarización política de costas á cidadanía.

O Nobel le o discurso que abre dolorosamente os ollos diante das pantallas. Que alerta contra os que converten hoxe a casa planeta nunha sorte de far west sen lei. Mais, contra as sereas que engaiolan a millóns de Ulises atados ao mástil das redes, outra vez e sempre mulleres e homes donos do seu camiño. Chámese historia, política, democracia, cultura. Prometeos que robaron aos deuses o lume da civilización para iluminar o camiño do coñecemento e do progreso humanos. Para sentar xuntos ao redor da fogueira onde lemos libros dun Nobel de literatura que fala da desesperanza dos anxos sen ás. Que fala das ás da esperanza.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES