José Mª. Pérez Álvarez, Chesi. In memoriam.
Meilán García, Antón X. - viernes, 22 de mayo de 2026
O día 9 de maio celebrouse unha homenaxe ao escritor valdeorrés José María Pérez Álvarez, Chesi, no Liceo ourensán, lugar, por certo, onde transcorre unha das súas novelas Las estaciones de la muerte. No acto participaron escritores, xornalistas e profesores, que valoraron a súa obra literaria e periodística. Malia nacer no Barco de Valdeorras, Chesi pasou case toda a súa vida en Ourense entre o parque de San Lázaro e a rúa de Celso Emilio Ferreiro, ou o que é o mesmo, entre «los pijos del parque» e esa «longa noite de pedra», que lle chegou nun amencer xélido dun día do mes de decembro. Del dixo Paco Sarria «Probablemente es uno de los mejores novelistas contemporáneos, ya no solo de Ourense, sino de toda España». En 2003, Nembrot considerouse como a mellor novela do ano. Foi un Van Gogh da literatura. Coma o pintor que viviu entre pinturas, cores e pinceis, Chesi viviu para escribir «para mí la literatura no suplanta a la vida: es la vida». A escritura foi o eixe da súa vida, como a pintura o foi para Van Gogh, que imprimiu aos seus cadros un estilo tan persoal e senlleiro que hoxe calquera os identifica. O mesmo que as novelas de Chesi, que as dotou dun ar cervantino e quevedesco, e dunhas estruturas á maneira de Cortázar, que esixen dunha lectura labiríntica: reler, interpretar silencios, desentrañar verbas, cavilar «es más importante cómo se cuenta una historia que lo que se cuenta». E sempre foi fiel a esa maneira de escribir, que só chega a lectores avezados neste tipo de literatura «confórmome cos poucos lectores que teño». E coma o pintor, que apenas vendeu cadros en vida, e os poucos, adquiridos polo seu irmán Theo e un par de amigos, tamén a Chesi lle financiaron os amigos El Disfraz, E.A.B (Escritor ágrafo bipolar) e Dos por uno. Chesi -e en máis cantidade Van Gogh- deixou unha trintena de obras inéditas entre contos, novelas e novelas curtas. Van Gogh faleceu aos 37 anos e Chesi aos 73, números que revoltos, coinciden, feito -con números e letras-, do que tanto gostaba o escritor ourensán. E coma o pintor, que está soterrado nun cativo cemiterio de Auvers, Chesi descansa nun cemiterio pequeno dun pobo de Castrelo de Miño, Macendo, alá, nos altos, tocando o infinito, onde os ventos e o silencio se converten en soños. Só lle faltou pegarse un tiro coma Van Gogh para que os editores lle publiquen as suas novelas. «Sit tibi terra levis», que a terra che sexa leve, compañeiro de ¡tanto!, compañeiro.

Meilán García, Antón X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora