Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Memorias dun neno labrego' no Museo do Pobo Galego (II)

Sampedro, Pilar - lunes, 11 de mayo de 2026
No percorrido que os representantes do Museo do Pobo Galego e a Fundación Neira Vilas realizarían polas salas, despois de pasar pola Sala do Campo e dos Oficios na planta baixa, habería unha segunda parada na Entreplanta, na Sala de Música.
Aquí falaríase de como o avó de Neira Vilas foi músico e espertou o gusto no rapaz; con el aprendeu o neno solfexo antes de aprender a ler. Podemos ler un anaco do texto da páxina 74:
"Tocaban a banda de Arca e máis a de Ribeira, e a xente bailaba. Aturuxos, cántigas, berros de nenos, foguetes, ulido a pólvora (...) Moitas pezas das que tocaron as bandas xa as tiña oído. O eco resoaba lonxe, no fondo da carballeira. Semellaba que unha recovaxe de pantasmas fuxise con aquel balbordo nos ombreiros. Eu, en veces, sentíame voar, coma se a música me arrincase do faiado e me levase polo aire (...) Dende a cama oía a música".
Tamén tiña interese pola música Lelo, o seu mellor amigo que marcha á emigración:
Páx. 108. "Lelo quería deprender música e tocar o bombardino ou a trompeta. Xa estrebillaba cos dedos nun pínfano e dáballe xeito."

Pasamos, a continuación, á Primeira planta, na Sala de Sociedade podemos ir repasando as distintas etapas do ano e da vida lendo o que ao respecto vai escribindo Balbino. Comezamos coa emigración que está no comezo da sala. Lembraremos como este a sofre cando marcha o amigo Lelo e, anteriormente, cando o fai o irmán. Nese caso, reflexionase moito ao redor desta situación despois de que el afirma que tamén marchará cando sexa algo máis grande (animado polo que conta o irmán na única carta quie envía, ao falar de que anda con roupa de garda e come pan branco con queixo). A discusión entre o avó e o pai achega moitos argumentos aínda hoxe válidos. Están nas páxinas 64, 65 e 66. Podemos recoller un fragmento. Di o avó:
"-Na América non hai mellores vantaxes das que temos aquí. Dígocho eu, que botei anos dabondo por aquelas terras. América é un ichó. Os que caen nel non avisan ós que chegan detrás. Primeiro pérdense costumes, xeitos de vida do país de orixe. Pérdese a alegría. Rematando, as máis das veces, por perdelo todo. É coma cando se arrinca unha árbore e se deixa coas raiceiras encoiro, sen terra.
Meu pai falou dos que veñen de alá con diñeiro e botan por ela mercando casas e de canto hai. E o padriño díxolle que moitos máis eran os que non podían voltar, e que para morrer pobre máis valía pechar os ollos onde un nace. Contou que algúns dan risa e noxo cando aparecen co seu falar, e cadeíña de ouro darredor do bandullo, e un coche que queren meter polas corredoiras. Ten cada retrónica o padriño! Cando papai lle apuxo non sei que dos que eran máis traballadores, ergueuse das cuñas.
Alí todos traballan máis da conta -dixo-. Pode haber algún preguiceiro, pero unha abella non fai enxamio. Os nugalláns non se van. Saben que en ningures chove moletes cocidos, e polo si ou polo non prefiren folgar na aldea, O que traballan de máis os emigrantes axuda a medrar a outros. (...)
Con igual esforzo houberan estado mellor na propia terra. E vivirían no seu, sen botarse a perder. (...)

O padriño ceibou outro sermón dos seus, dicindo que o máis malo era que fose a mocidade a que se vai. E que ogallá se tratase dunha tolemia de vellos, porque os vellos dan perda, pero vaise a xente que traballa e o país está cheo de vellos e nenos. (...) O país está sen explotar, Se da noite para a mañá non deixasen saír a ninguén, faríamos unha revolución que é o que cómpre, e todos viviríamos como se merece, sen andar esmiñatando en terras alleas."

Seguimos na Primeira Planta, na Sala de Sociedade. O primeiro que aparece é a casa, a cociña, a familia. Aquí toca falar de que son caseiros así que non teñen casa senón que viven na do amo das terras que traballan. Caseiros tamén eran os avós de Neira Vilas antes de mercar a Casa do Romano. A cociña é o centro da casa, o lugar no que permanecen máis tempo arredor da mesa e da lareira; é onde se fala. Na cociña recíbese á veciñanza e aos familiares. A familia é ampla, na casa viven os avós ou padriños, os pais, os fillos pero tamén os tíos (a tía Carme e o tío Braulio). Son pobres, Balbino fala de comer pan branco e queixo como se fose o mellor dos manxares, e a iso só se chega na América.

Cando entramos na propia sala de sociedade, atopamos os ciclos, as festas cíclicas do ano e as etapas da vida.
Nestas festas, a primeira é a do entroido, no fin do inverno e principio da primavera. Balbino cóntanos como é o da Ulla, o dos xenerais.
"Vin a mascarada dende o taboleiro./ Diante chegaron os "correos". Eran catro. Todos co seu par de luvas, pantalón branco e chaquetas relucentes. Viñan en facos pedreses, 'Memorias dun neno labrego' no Museo do Pobo Galego (II) garnidos con fitas e arreos do trinque, e cubertos de axóuxeres dende a testa ó rabo. (...)
Non tardaron en aparecer os xenerais. Montando cabalos galloufeiros (disque lles dan viño para que anden máis rufos), e lucindo traxes rechamantes, tricornes, botas, esporas. Sobor do peito levaban cruces e outras barrufalladas de follalata e aluminio. (...)
Detrás dos xenerais viñan oito ou dez músicos da banda de Orazo, tocando marchas. Tamén apareceu un coro cantando a "Rianxeira". Un mozo levaba unha manda de foguetes e de cando en cando facía estalar algún. (...)
Un eito de xente viña detrás, ríndose cos "vellos" (...)
Un dos xenerais, brandindo unha espada na man dereita, berrou coma un perdido, agoirando que Xacinto de Cordal vivise por moitos anos na compaña da súa xente."
Dáselle a volta á realidade presentando un mundo ao revés para poder mofarse del antes de someterse, de novo e en grao sumo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES