Con motivo da posta en escena de Memorias dun neno labrego polo CDG baixo a dirección de Cándido Pazó, o Museo do Pobo Galego xunto coa Fundación Neira Vilas, programou o percorrido "Memorias dun neno labrego no Museo do Pobo Galego."
Trátase dun roteiro polas diferentes salas do Museo nas que atopamos obxectos e referencias relacionados co que se conta no libro. En palabras do presidente da Fundación á presidenta do padroado do Museo, un de nós busca o que do libro hai no museo e o outro, o que do museo hai no libro.

A ruta debería comezar na entrada onde se dá a benvida ás persoas participantes, falarase de como no MPG están as Memorias de todos os Balbinos (tal como comentou a presidenta do padroado do Museo na roda de prensa de presentación da obra), as memorias de todo o pobo galego, pois nel recóllese a súa identidade, por iso é o mellor lugar para falar deste libro que está dedicado "A todos os nenos e a todas as nenas que falan galego" (a lingua, o noso principal sinal de identidade).
O Museo é o lugar onde se garda a memoria colectiva por medio da etnografía e a antropoloxía.
O interese de Neira Vilas por estes campos está presente no libro pois ao longo da historia vanse recollendo os costumes e e todo aquilo que caracterizaba a sociedade rural galega, dos anos corenta.
E vai máis alá, pois coa súa compañeira Anisia Miranda, foi xuntando unha pequena colección etnográfica que hoxe pode visitarse na antiga cociña da casa que recibe o nome de Sala Manuel Reimóndez Portela, na sede da Fundación Neira Vilas, na Casa do Romano en Gres. Isto tamén demostra a vinculación da Fundación co MPG, cabeza de todos os museos etnográficos de Galicia.
O percorrido comezaría na Sala do Campo na Planta Baixa, onde se lerían os textos relacionados co traballo no agro, co oficio de labrego. Aquí, parariámonos diante do carro de vacas e poderiamos ler na páxina 98 e 99:
"Pasou un carro cantando. Os bois ían antepostos, e detrás, cunha man no chedeiro e na outra unha aguillada, un home esfarrapado, con cariz de fatiga. Era no tempo da labra. O carro ía cargado de esterco ata a orela dos. Botaba fume. Na traseira tiña un xeito de parediña feita de chotas".
Na mesma sala, a un lado, na parede en vitrinas están os utensilios de labranza que nos fan lembrar as gardas da novela gráfica de Memorias dun neno labrego da autoría de Iria Aldegunde. Neste lugar podemos ler:
"Pasaron mulleres e homes con legoñas, trollos e angazos ó lombo (...) Todos rebulían. Uns crebaban cadullos coa cota de raños e sachas. Outros esparexían o esterco coas forcadas. Despois viña sementar. E deseguida abrían os sucos co arado de pau. (...) Os nenos chamaban o gando e escorrentaban as lavandeiras que papaban a semente.
A min gustábame ollar os sucos. Sobre todo os que facía a xente non gaspalleira. Parecían un debuxo, cos seus repinicoques, as súas voltiñas de acordo co ancho e o longo de cada leira. Aquilo era unha arte."
Se queremos centrarnos máis nos traballos que facía Balbino, podemos pasar á páxina 79: "O sol queimábame a testa e a caluga. Tornei a auga e guieina polas birtas, arredando restroballo e follatos. Meu pai non me deixaba facer os labores de viña, nin arar, pero afixérame a coidar o prado. Mentres corría a auga senteime á sombra dun ameneiro. Baixábame a suor a trouzos."
Saímos da Sala co Campo pola dos Oficios e atopamos os de carpintería o que nos fai pensar como o pai de Neira Vilas era carpinteiro, ademais de labrador e algo albanel, porque daquela os homes tiñan todos os oficios que se precisaban. Economía de autosubsistencia. Lembramos que parte desas ferramentas se atopan na colección que permanece na colección etnográfica da Fundación.
*As referencias das páxinas da obra, refírense á edición de Memorias que realiza Galaxia dentro da Biblioteca Neira Vilas, 9ª reimpresión 2022.