Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Entretanto', a exposición de Marta Iglesias en Materna & Herencia

Sampedro, Pilar - jueves, 28 de mayo de 2026
A galería Materna & Herencia está situada xusto detrás do Museo do Prado e perto do Xardín Botanico, no Triángulo da Arte, en Madrid.

Un nome tan especial, tan suxestivo que nos podería facer pensar en familias, vellos vínculos coa nai e os herdos. Unha denominación que non se esquece porque é moita casualidade que os directores da galería se chamen Magdalena Materna y Fernando Herencia, uns apelidos para manter vínculos máis alá dos documentos.

Confesan os galeristas que o seu "propósito é impulsar a creación artística desde o compromiso coa orixinalidade e o talento, apostando polos artistas contemporáneos 'Entretanto', a exposición de Marta Iglesias en Materna & Herencia con singularidade e un alto nivel técnico/artístico, de calquera nacionalidade e en calquera forma de arte".

Por iso expoñen a obra de Marta Iglesias, unha galega que é pintora desde sempre e para sempre, artista que desde a médula sente e expresa, que entra na esencia para quedar co non accesorio remitíndonos a un mundo que foi e permanece cando sabemos gardalo, como ese eu que se mantén ao longo da vida por moito que cambie o corpo, como esa luz que gardamos desde o xardín primixenio que ela non perdeu.

Obra de diferentes épocas nas que recoñecemos a coherencia, ese rastro que as une, o fío condutor que as atravesa na busca do equilibrio, na austeridade, cos mínimos recursos e a alegría da ilusión.

Chámase Entretanto. Unha única palabra chea de connotacións.

A modo de entrada escribe a artista:
"Ás veces, ao pintar confundo a imaxe, e esa imaxe contémplame e son mirada e nesa contemplación mirámonos... logo, con suave tacto, collo o pincel e cunha liña recorto o espazo onde se sitúa o perfil da montaña, a túa montaña, a montaña do sol e da lúa, e mentres tanto póusase un paxariño nos meus xeonllos, e entón pinto o paxaro no vértice do triángulo da montaña, e toda a montaña se estremece... e o cadro vaise pintando pouco a pouco."

Todo sensibilidade e fantasía. O realismo máxico levado ao mundo da pintura fóra de toda etiqueta estilística. O lirismo no cerne, percorrendo o papel ou o lenzo, plasmando un mundo interior que é poesía pura, vida máis alá do corpo, conexión coa obra dun xeito profundo e candoroso porque a arte vai e vén, da artista á peza, nun diálogo bidireccional que non sabe onde comeza ou remata: na mirada ou na man, no sentir ou no percibir, en quen mira e é mirado. A man e o pincel deciden e viaxan aos lugares significativos: esa montaña de referencia que une na lembranza a alguén coa artista, a montaña na que, como no cruceiro, se coloca o sol do lado do cristo e aparece a lúa na parte inversa, coa virxe. A montaña do sol e da lúa. Cantas olladas recibiu! cantas veces foi paisaxe e fondo, canta contemplación... real ou figurada. A montaña, a figura que pinta a nena no principio dos tempos, rachando a liña do chan, establecendo a altitude. A milagre continúa: un paxariño póusase nos xeonllos da pintora e esta píntao no cume do triángulo coroándoo, e toda a montaña se estremece. O cadro vaise pintando pouco a pouco, di, nesa marabilla que está próxima ao que tamén sentiu Cunqueiro cando se facía dono da rula, da abidueira, da dorna e da fonte ao dicir esas palabras, Marta .faino co pincel. Ela non pode ser máis auténtica, transforma a realidade en pintura e a imaxe faise vida ata conmoverse.

A súa obra mostra a delicadeza da primeira infancia, esa inocencia que mantén ao longo dos tempos e as batallas, esa mirada limpa das persoas puras de corazón que nos fan recoller a palabra alma nas mans, fóra de toda crenza relixiosa ou filosófica. Sexa pintura sobre calquera soporte (ou escultura) sempre atopamos o sutil saíndonos ao paso, as cores combinadas con mestría e situadas con delicadeza para que permanezan sen gritar, as liñas -moitas veces rectas- que nos falan de harmonía e nos obriga a pensar como pode haber tanta poesía nun vector, como nos pode emocionar unha raia ata ese punto?

Composicións perfectas nese mínimo apropiarse do lenzo, nesas abstraccións anxelicais, nesa candorosa pulcritude. Non é primitivismo nin naif, é unha maneira propia de plasmarnos o mundo coa súas casiñas que se tocan, que se estenden nunha rúa ou se aglutinan nunha aldea; con figuras que poden representar obxectos e paisaxes reais ou non, coa desintegración da concha en liñas levándoas ao estremo xeométrico, coa tenrura desas obras que deberían formar parte das habitacións de todos os nenos felices cos barcos e as casas nas paredes ou nas colchas, nas alfombras ou nas cortinaxes e a ninguén lle deberían semellar un mal uso da arte como tampouco o foi deseñar panos de seda, abanos ou ilustracións de libros infantís. A aplicación da arte cando se fai con respecto e gusto é darlle nova vida, é estendela para que chegue a máis fogares, popularizala como fai o gravado.

Liñas e cor, limpas, sinxelas, sen pretensións, ás que se chega por ser como se é, despois de toda unha vida estilizando e limpando o cadro de adherencias. As paxariñas de papel de cando mirabamos o mundo á altura dos xeonllos dos adultos, curvas que se entrecruzan como nun exercicio matemático na xeometría lírica, no encanto.

Ás veces semella que Marta fai meditación cando pinta, que así como hai quen colorea mandalas ela crea formas con cores que se repiten con pequenas variacións coma pétalos de flor, formas xeométricas ou esa película finísima que queda despois de afiar os lapis de cores, liñas que poden ou non ter formas pero si conteñen cores delicadísimas que non mancan. As obras máis grandes poden representar eses acertos felices aos que se chega despois de moito batallar, os encontros magníficos que poderían parecer insignificantes pero son perfectos, arte pura para os sentidos, a abstracción esquemática, estilizada. Combinacións perfectas na máis difícil simpleza

No programa preséntase unha imaxe de liñas que poderiamos pensar que é un labirinto, pero non: é unha casa. Unha verdade silenciosa como a súa obra, caladiña, sen facer ruído; con humildade achéganos as leccións de vida: non hai que temer porque o que vemos non é labirinto no que perdernos senón fogar no que refuxiarnos. Así é Marta, ofrecéndonos sempre o mellor, a cara amable da realidade: a luz.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES