Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Generosa, a Carpinteira

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 28 de mayo de 2026
Chamábase de nome Generosa e vivía no barrio de Marzán e contan os veciños que o nome de Generosa non lle cadraba ben, pois segundo eles de "xenerosa" non tiña nada.

Dise que era unha muller, moi mala e soberbia e polo seu mal carácter non se falaba con ninguén e por se lle queremos engadir algún defecto máis, polo visto era tamén moi insultadora pois acabou chamándolle "polacos" ós veciños de Marzán, dito alcume, segundo se me dixo, quedoulle ó pai de Manuel María Neira Rodríguez que foi alcalde e herdou ese alcume de seu pai "O Polaco".

Da Carpinteira contóuseme que foi unha muller que soubo explotar moi ben a venda en Madrid de papel de "estraza" en tempos en que o papel escaseaba. Non se sabe onde ela o podía mercar, pero si se sabe que o vendía a comercios e ultramarinos na capital de España.

A posible fortuna que puido facer, tamén puido ser malgastada, pois andaba a pedir polas casas como esmoleira.

Un día entrou no Bahía que tiña ferraxería e ultramarinos a pedir esmola e a señora María deulle dous chourizos. A Carpinteira ao ver dous chourizos, quedouse mirando para o teito e ao ver ducias e ducias de chourizos guindados do teito, chamoulle miserable e non sei cantas cousas mais á señora María e tirándolle os chourizos, saíu pola porta facendo "fú" como o gato. A muller tiña a súa filosofía, "ter tantos chourizos colgados e só lle deron dous a ela". ¡Pobre mentalidade de muller!.

Dise que puido ter dúas ou tres fillas, e unha non era normal, que segundo se me dixo, morreu no Asilo de Foz. Outra das fillas parece ser que foi inducida a prostituírse pola propia Carpinteira, pero a rapaza puido escapar desa vida, casou e foise vivir para León.

Posiblemente esta muller tivese algo de relación co bando Republicano, pois houbo quen me dixo que tivera moito trato co político marxista Francisco Largo Caballero e esta posibilidade de pensar se sería republicana, pode case confirmarse polos insultos que lles botaba aos veciños de Marzán os domingos cando viñan todos elegantes para oír misa en Foz, pois a Carpinteira adoitaba a saírlles ao camiño e co seu bastón que erguía ao ceo, botáballes uns versos que dicían:

La Iglesia es un negocio
y los curas los comerciantes,
a la llamada de las campanas
acuden los ignorantes.

Desta muller, da que se di que era moi grosa e randeaba moito ao andar, tiña ao parecer un cu tan grande que lle deron en chamar "Cu de Lavadoiro". Ninguén falou ben dela e a proba está en que eses versos eran destinados para tódolos seus veciños, proba evidente da súa mala convivencia.
Outra das súas aventuras, foi a dun carneiro moi grande que tiña a familia Bahía. O animal estaba tranquilamente pacendo nun prado propiedade desta familia e a Carpinteira moi disimuladamente deulle ao animal uns paus co bastón. O animal nin se inmutou e seguiu pacendo, pero cando a carpinteira quixo continuar o camiño, o carneiro botouse a correr detrás dela e deulle tal turrada cos cornos que a mandou varios metros polo aire caendo no medio e medio da estrada. A Carpinteira como resposta só se lle ocorreu insultar repetidamente ao Xuez propietario do carneiro e o cabeza da familia dos do Bahía.
Debemos destacar desta muller que era unha gran amante da música e que nas festas de Foz non paraba de bailar, pero a súa banda de música favorita eran Los Rebollares de Ortigueira que cando tocaban, sacaban de voltas á Carpinteira ata o punto que incluso se dicía que co seu febril bailar pretendía chamar a atención do director da banda de quen supostamente estaba namorada. Outra das bandas de música que frecuentaba Foz nas festas, chamábanse Garrote, dita banda eran para a Carpinteira os seus mortais inimigos ata tal punto de que cando viñan os Garrote e non viñan os Rebollares, a Carpinteira ía de casa en casa para que os veciños non deran axudas económicas para a festa.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES