Co amor non se xoga
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 21 de mayo de 2026
Hai anos, cando se fixo a montaxe da fábrica Alúmina-Aluminio (hoxe Alcoa), viñeron moitos traballadores de tódalas partes do mundo.
Canda a todos ese homes e mulleres que viñeron á busca de mellor vida, tamén chegou a Foz un xove rapaz que só sei que era español, pero non sei de que lugar de España.
O rapaz buscou unha casa onde lle alugaran unha habitación e ao mesmo tempo tamén pagarlle á patroa para que lle fixera a comida, lle lavara a roupa e lle pasara o ferro, en fin, como un máis da familia, pero pagando relixiosamente a fin de mes.
As circunstancias da vida, fixeron que o noso rapaz coñecera a unha rapaza do noso municipio coa que comezou a saír e se fixeron noivos.
Todo ía normal, como calquera outra parella, e mentres el traballaba ela dedicábase aos seus estudos.
O noso home converteuse nun noivo fiel dos que non hai. Se a noiva non podía saír da casa porque tiña que estudar, el quedábase tamén na casa e se había que estar ámbolos dous pechados sen saír, pois pechábanse e non saían da casa.
A pesar de todo, os amigos del recomendábanlle que aínda que ela non saíra da casa, que el non facía mal por saír con eles a tomar un viño porque nin lle facía mal a ela nin a el mesmo, pero o noso home, sen ela non ía a ningures.
Co paso do tempo, os amigos del observaron que ela dicíalle ao seu noivo que non podía saír porque tiña que estudar e el quedaba na casa, pero logo a ela víana por aí de troula con amigas e amigos. Estes feitos ocorreron en varias ocasións e a pesar de que llo dicían a el, o malpocado non o cría.
Chegou a tempada de primavera e verán e con estas datas tamén chegaron as festas por todas partes e o noso amigo dicíalle de ir a algunha festa xuntos, pero ela respondíalle que non podía ir, pero despois os amigos víana a ela en tódalas festas.
Outra das cousas que acontecían con moita frecuencia era que se el non a ía buscar, vela ou chamala por teléfono, ela nunca tomaba a iniciativa e pasara o tempo que pasara sen saber del, ela pasaba de todo.
Un día, o noso rapaz foi á casa dela para buscala e iren ás festas de Burela, pero ela díxolle que non podía, que tiña exames e tiña que estudar e así foi como el se volveu para a casa para quedarse e sen saír.
A pesar da moita insistencia dos compañeiros, el non quixo ir con eles ás festas de Burela se a noiva non lle ía, pero a insistencia dos seus compañeiros non dous os froitos esperados.
Pasaron dúas horas ou pouco máis cando os compañeiros del volven á casa e lle insisten en que vaia con eles que entre outras cousas queren que vexa algo e neste caso a insistencia foi tal que acabaron colléndoo á forza e así o meteron no coche.
Chegados a Burela, levárono para o recinto da festa e os seus amigos lle sinalan co dedo a unha parella que estaban moi agarimados bailando. Era ela, si, era ela a que el pensaba que era a súa noiva, o seu amor, pero estaba con outro rapaz e moi agarradiños bailando.
Afundido de todo, pediulle aos amigos que o volveran a levar para Foz e así o fixeron.
Como pasaba dos quince días e ela sen saber del, por fin decatouse de que debía chamalo e pedirlle desculpas e tratar de que o desinterese por el seguira florecendo no seu entorno e chamouno por teléfono á casa onde el paraba, pois daquela non había móbiles.
Saíu ao aparato a señora da casa, pero a resposta á pregunta de se estaba o seu noivo foi un mazazo brutal, a resposta foi ¡pois non che está!, ¿é cando volverá?, ¡pois non cho sei porque fixo as maletas, pagoume todo o que me debía e marchou!, ¿e non sabe a onde foi?, pois non mo quixo dicir para que eu non cho dixera a ti!.
A rapaza con conforme e máis ben incrédula do que acababa de escoitar, colleu de coche e desprazouse a Foz á casa onde paraba o rapaz. Chamou á porta e despois de volver a ter a mesma conversa a dona da casa levouna ata a habitación que fora del e efectivamente, a cama estaba totalmente recollida e o armario totalmente baleiro ¡e é máis!, lle dixo a señora, ¡para a semana xa teño novo inquilino, aluguei a habitación a outra persoa!.
A rapaza desesperada tratou de localizalo, foi ás oficinas da empresa na que traballaba, pero a resposta foi negativa, chamou á casa dos pais del, pero a contestación foi que non vivía con eles e que lles dera orde tallante de que nunca facilitase o seu novo domicilio nin teléfono a ninguén e baixo ningún concepto.
Nunca máis volveu a saber del e ela refixo a súa vida.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)