Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (1)

Blanco Prado, José Manuel - martes, 19 de mayo de 2026
Revista "Entroido en Galicia", 2026, páxs. 66-68. Ed. Periódico "O Sil". O Barco de Valdeorras (Ourense).

1. ¿CAL FOI O SEU PRIMEIRO CONTACTO CO ENTROIDO? ¿FOI XA NA PROVINCIA DE LUGO OU FOI ANTES?
A finais da década dos cincuenta e comezos da dos sesenta do século pasado, cando aínda era un rapaciño, adoitabva vestirme con roupa usada e vella da miña nai. Logo, soía sair con outros pequenos, veciños meus, e íamos visitar algunhas casas do barrio lucense, onde vivíamos, por se os seus moradores tiñan a ben darnos algún doce ou cartos cos que poder tomar algún refresco.
Pasados os anos, e xa sendo profesor numerario do I.E.S (Instituto do Ensino Secundario) "Xoán Montes" de Lugo comecei as miñas pescudas inicialmente sobre a relixiosidade popular na provincia de Lugo e, logo, na década dos noventa sobre o Entroido na devandita provincia. Así, fixen investigacións sobre os seguintes entroidos lucenses:
* Os Entroidos de Vilaíxe (Chantada) e Santiago de Arriba (Chantada).
* O Entroido de Salcedo (A Pobra de Brollón).
* O Entroido dos compadres e comadres de Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón e Sober.
* O Entroido de "Val de Francos" (Castro de Rei).
* O Entroido de Bazar (Castro de Rei).
* E finalmente sobre os " Enterros da Sardiña" da cidade de Lugo; e das vilas de Burela, Ferreira do Valadouro, Monforte de Lemos, Vilalba e Viveiro.

2. DENTRO DO MARCO DAS CELEBRACIÓNS TRADICIONAIS ANUAIS. ¿QUE SINGULARIDADES DIRÍA QUE PRESENTA O ENTROIDO? ¿POR QUÉ CRE QUE TIVO, E NALGÚNS LUGARES AÍNDA TEN, TANTO ARRAIGO E TANTA FORZA FRONTE A OUTRAS TRADICIÓNS? ¿ QUE O FAI TAN IDENTITARIO PARA AS ALDEAS QUE O CELEBRAN?
Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (1) O tempo de celebración do Entroido é moi variable. Así– segundo Vicente Risco- adoitaba durar unhas tres semanas nas que compría sinalar os seguintes días: o domingo fareleiro; o xoves de compadres; o domingo corredoiro; o xoves de comadres; e os días grandes do Entroido, que se correspondían co domingo, luns e martes. Eventualmente, tamén o mércores de cinza. Ademaís, era mester facer alusión ao domingo de piñata, primeiro domingo de coresma, que se celebra nalgunhas zonas. O Entroido galego de máis días de duración radicaba na vila ourensán de Xinzo de Limia.
Con respecto á provincia de Lugo, os días do Entroido concéntranse no Domingo e Martes, considerados como os días importantes desta festividade. No obstante, cómpre sinalar as seguintes excepcións: en Santiago de Arriba (Chantada), tamén se festexa o domingo fareleiro e o domingo corredoiro, e dicir, os dous domingos anteriores ao Domingo de Entroido. O xoves seguinte ao "domingo fareleiro" conmemórase o "xoves de compadres", que se sigue celebrando en maior ou menor media nos municipios das "Terras de Lemos", como Monforte e Sober – vilas básicas de celebración- Pantón, Pobra de Brollón, Bóveda e o Saviñao. Unha semana despois celébrase nos mesmos lugares o "xoves de comadres". En Salcedo (A Pobra de Brollón), tamén se celebra o luns de Entroido coa famosa "saída do oso" polas distintas rúas da vila. Nesta vila cómpre sinalar tamén" os desfiles de madamas e galáns", que teñen lugar o domingo e martes de "Entroido. Ademaís, son importantes a representación de oficios mímicos e algunhas pezas teatrais elaboradas pola Asociación de Salcedo. Na Terra Chá, é mester sinalar " O Entroido de Val de Francos (Castro de Rei), cos seus famosos sermóns. O mércores de cinza, conmemórase " o Enterro da Sardiña", na cidade de Lugo e nas vilas de Monforte, Burela, Valadouro, Viveiro, e Vilalba. O sábado de piñata, festéxase en Ribadeo coa queima do Entroido, boneco de varios metros de altura.; no ano 1998, este boneco -símbolo do Entroido- entrou no Libro Guinness de Records cunha altura de 13,32 metros. Así mesmo, o domingo de piñata conmemórase na localidade de Lourenzá. Finalmente, nos últimos anos comezan a recuperarse algúns Entroidos dos municipios de O Courel, Monforte e Sober.
Esta conmemoración festiva caracterízase por unha serie de trazos moi peculiares, que fan desta celebración algo especial e propio.
* Trátase dunha festividade de tránsito entre o solsticio de inverno e o equinocio da primavera co que iso conleva nos ritmos da natureza. Isto implica que algúns rituais deste momento festivo sexan indicadores dun novo mencer fronte a escuridade. En definitiva estamos ante a dialéctica VIDA-MORTE, saíndo triunfadora a primeira. Na actualidade, a idea de vida e fertilidade está moi presente cando "os volantes" de Santiago de Arriba (Chantada) pasan por riba dos campos e terras de labor. Tamén, as chocas e campaiñas, que soan durante o Entroido, simbolizan a vida, e alonxan o mal das comunidades. Así mesmo, en Salcedo (A Pobra de Brollón) hai a tradición do poder protector e fecundante, que posúe "a mascarada do Oso".
* É un tempo de transgresión da orde habitual; de ruptura de todas as normas; de inversión de valores. Un tempo axeitado para que todos podamos simbolizar un papel diferente ao que temos na vida cotiá. E isto realízase, as máis das veces, por medio dos disfraces e as máscaras, que nos permiten levar a cabo -polo seu carácter de invisibilidad- aquilo, que sería inviable nun tempo normal.
* No Entroido estamos ritualizando o lado escuro e funesto do ser humano. A súa animalidade, as súas maís baixas paixóns, os seus excesos na comida e na bebida.
Achegas sobre o entroido na Provincia de Lugo (1) * O Entroido provoca un desafogo psicolóxico no sentido de que se trata dun festexo catártico e liberador das tensión acumuladas ao longo do ano.
* No tempo de Entroido, os praceres carnais están personificados por medio de animais vivos, como o galo, que ten fama de ser un dos máis luxuriosos. No obstante, tamén se usan figuras de animais, que foron asociados por tradición non só coa lascivia, senón tamén con outras formas de comportamento carnal, como a gula, a preguiza etc. Así, podemos sinalar a vaca, o touro, a mula, o oso. Ademaís, hai representacións dunha animalidade en abstracto, reflectida por unha serie de atributos como as peles, cornos, máscaras con figuras de animais. Tamén, hai outras formas de simbolizar ao Entroido: unha delas é a vellez; polo tanto, non resulta estrano ver moitos disfraces de roupas e caraútas vellas. Así mesmo, o Entroido tamén está personificado naquelas persoas disfrazadas con vestidos de luxo, como é o caso das Madamas; os Galáns; os Señoritos. O luxo está relacionado coa voluptuosidade, co pracer sexual
* Este tempo representa ademaís unha loita entre Don Carnal e Dona Coresna, reflectida -segundo termos nietzcheanos- pola relación existente entre dos deuses da Grecia antigua: Apolo e Dionisios. Así, o dionisiaco simbolizaba a desorde pública, o instintivo, a vitalidade sen freo, a farra, a irracionalidade. Pola contra, o apolíneo, representaba todo o contrario, é decir, a racionalidade, a orde social, a ponderación, o esforzo continuo En consecuencia, hai unha tensión dialéctica entre o apolíneo e o dionisiaco, que se vai resolver co triunfo do apolíneo, e decir da orde e do control social.
* O Entroido ten un fondo contido dramático, xa que é un tempo no que se escenifican e parodian as institucións civís e eclesiásticas por medio de sermóns, e xuizos. E isto faise con ironía, bulra e humor.
* A máscara é uns dos elementos esenciais do Entroido. É un símbolo claro da animalidade entroidana, que provoca diferentes tipos de emocións: admiración, alegría, medo, temor, inquietude. Non adoita actuar en solitario, senón en grupo formando mascaradas, que percorren as rúas das vilas e os camiños das parroquias. Gozan de inmunidade, o que lles permite botar fariña, auga e nalgún tempo formigas.
* É un tempo no que as portas das casas están abertas de cara ao exterior, e todos participan dun xeito directo ou indirecto na festa. Ademaís, os membros das diferentes casas da comunidade convidan ás máscaras e disfraces a filloas, orellas, freixós, doces típicos etc.
* O Entroido ten unha finalidade didáctica. O desenfreo e a desorde, que se produce nesta festividade, regulan a orde social. Esta festa estanos ensinando por vía indirecta, que se o exceso na comida, na bebida, e nos praceres carnais fosen continuos, seríamos incapaces de vivir deste xeito, o mundo non se sostería.
* Unha das manifestacións do Entroido, que serve de válvula de escape aos asistentes a algúns dos actos deste tempo festivo e o "riso". Todo vale e todo resulta cómico no tempo do Carnaval. A festa non é posible sen permitir que o sentido do humor domine por unhas horas calquera outro sentimento e se impoña no estado de ánimo.
* É un tempo de alegría, de diversión, de exceso na comida e na bebida. O elemento sexual aparece reflectido nas disputas que había nos xoves de compadres e comadres . Así mesmo, as corridas do galo tiñan un compoñente sexual importante, xa que o galo e un dos animais máis simbólicos do Entroido en canto á carnalidade e luxuria.
En moitos lugares de Europa e de España celebrábanse "corridas de galos". En Galicia celebraronse ata o último tercio do século pasado nas parroquias pontevedresas de Santa Cristina de Cobres e San Adrián de Cobras; en Zás (A Coruña); en Cotobade (Pontevedra); en Viana do Bolo (Ourense); e tamén, como veremos, nalgúnhas parroquias da comarca da Terra Chá, incluido o "Val de Francos".
O Entroido no ámbito lucense mantén o seu enraizamento debido a que as súas expresións ritualísticas seguen transmitindose por tradición oral de país a mozos, facendo posible que esta festividade sega conservándose na actualidade. Constitue unha expresión colectiva de identidade das diferentes comunidades nas que aínda se conmemora. Este evento profano adquire un gran significado nalgúns lugares ata o punto de acadar máis relevancia que calquera outro evento relixioso. No obstante, hoxe á precariedade demográfica existente en moitas comunidades motiva que algúns membros das mesmas estén dando a coñecer a súa tradición entroidana de primeira man e, polo tanto, dun xeito obxectivo nos Centros de Ensino primario e secundario. Ademaís, cómpre que as diferentes Asociacións culturais das parroquias leven a cabo nos seus centros de reunión "talleres" de aprendizaxe dos diferentes rituais entroidanos mais sempre axeitados a diferentes niveis de idade.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES