Intervención do Presidente da Xunta de Galicia no acto do Día das Letras Galegas
Rueda, Alfonso - domingo, 17 de mayo de 2026
O presidente da Xunta presidiu o acto do Día das Letras Galegas en Santiago de Compostela
Rueda sitúa a defensa e promoción do Galego como un asunto de País
que precisa dun pacto pola lingua realista e consensuado
Moi bo día, alcaldesa e corporación de Santiago de Compostela, presidente da Real Academia Galega, presidente do Parlamento de Galicia, Delegado do Goberno, conselleiro, presidente do Consello da Cultura Galega, e tantas e tantas autoridades que vexo aquí. Representacións da sociedade compostelá e da sociedade galega neste día, como lembraba a alcaldesa, de festa moi importante.
Gústame sempre lembrar, é para min unha honra, unha coincidencia, pero que foi para min unha honra que o meu primeiro acto como presidente da Xunta -hai xa catro anos- fora a conmemoración do Día das Letras Galegas, naquel ano en Valdeorras. E hoxe, por quinta vez, teño a honra de falar en nome do Goberno da Xunta de Galicia e en nome dos galegos nun día tan importante para todos nós.
A festa da nosa lingua e, por extensión, da nosa cultura e da identidade galega. A fala, sen ningunha dúbida, constitúe o noso primeiro e principal elemento identitario.
Hoxe comezamos, ou máis ben rematamos porque levamos semanas, unha serie de actividades organizadas nesta xornada arredor da figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano por decisión da Real Academia Galega.
Non son, por suposto, ningún experto en literatura galega nin en lingüística. Hainos moi bos, académicos e académicas que teremos ocasión de escoitalos unha vez máis agora na sesión que empeza as doce no Teatro Principal. Pero a min gustaríame compartir con vostedes unha serie de reflexións, xa feitas na súa maioría polos que falaron antes, sobre a autora que hoxe homenaxeamos, sobre Begoña Caamaño que, sen ningunha dúbida, deixou unha intensa pegada na súa, por desgraza, corta vida, a través da súa obra literaria e tamén a través da súa obra persoal, a súa maneira de ser e estar durante os anos que nos acompañou.
Foi unha persoa intensamente comprometida cos valores que defendía, nos que cría, como a defensa e promoción da nosa lingua e a nosa cultura, coa súa visión e tamén co papel do feminismo, como tamén se lembrou aquí.
No feminismo avanzamos moito nos últimos anos, pero quedan aínda moitas cousas por facer, moitísimos desequilibrios por corrixir. O primeiro, nas figuras homenaxeadas nestes 62 anos. Das 62 edicións do Día das Letras Galegas, sete mulleres -contando a de hoxe-, oito se sumamos as cantareiras homenaxeadas o pasado ano, amosan e acreditan que aínda queda un camiño por percorrer e un desequilibro que corrixir, tendo en conta a puxanza pasada, presente e futura de tantas mulleres que escriben en galego.
Dámonos cita para homenaxear unha figura poliédrica, á xornalista e escritora Begoña Caamaño que transitou pola vida da man do que lle gustaba, ese xornalismo, ao que se dedicou profesionalmente con paixón e rigor, e da literatura que a acompañou desde os seus primeiros anos, primeiro como lectora e despois con esas dúas obras que reflexou perfectamente o presidente da Real Academia.
Conta Ana Romaní, na biografía publicada pola Academia Galega que "A maxia e os sonos aduban o territorio da infancia. Na de Begoña Caamaño unha nai le en voz alta ao pé da cama e dúas nenas adormecen entre as historias que a imaxinación recrea. A nai é Carmen Rascado Rodríguez, as nenas, as súas fillas, Begoña e Beatriz", hoxe aquí presente.
Este xesto podería semellar un xesto insignificante, pero con el, ao ler para as súas fillas todas as noites, acaba por inculcarlles o amor polas letras, seguramente unha das mellores herdanzas que lles legou e que lles podemos legar todos aos nosos fillos e fillas.
Dámonos cita nunha Galicia plural, logo de 45 anos de autonomía, catro décadas e media nas que, entre todos e todas, fomos medrando en democracia e capacidade de autogoberno.
Autogoberno útil, sempre ten que selo, para responder ás necesidades da xente, tamén para dotarnos do corpus lexislativo necesario para recuperar e poñer en valor a nosa cultura e a nosa lingua.
O Goberno galego, este e calquera, ten que darlle sempre o apoio que precise a nosa fala, sempre desde a liberdade. Hai que convencer; xamais impoñer.
Cómpre que a rapazada remate os seus estudos con plena competencia lingüística, pero cómpre tamén -incluso máis-, que esa plena competencia formal vaia acompañada da querenza polo galego.
Que as mozas e mozos se expresen en galego, que usen o galego en sentido amplo: nas redes, na súa vida, cando lean, cando escriban, cando se relacionen.
E, por iso, a nosa lingua ten que dignificarse en todas as situacións, desde todos os escenarios. Como fai Uxía Senlle e tantos artistas en tantas expresións, na nosa lingua e acadando audiencias e xente que os segue e os aplaude en cifras probablemente impensables en non hai tanto tempo.
O profesor Xesús Alonso Montero, que nos deixou recentemente, insistía en que "O galego é de todos. O idioma non é nin do grupo A nin do grupo B, é o idioma de Galicia, fálano ricos e pobres, parados e non parados, de esquerdas e de dereitas".
O galego é de todos e como tal debe ser percibido: sen apriorismos, sen bandeiras, sen barreiras.
Antes da irrupción da onda de polarización, ás veces moi extrema que todo o contamina, falábase de políticas de estado, entendidas como obxectivos prioritarios, inmutables máis aló da liorta política e que, todos e todas, deberiamos apoiar.
Pois ben, o galego debe ser a nosa política de estado, probablemente unha das máis importantes, un asunto de país no que todos temos que avanzar na mesma dirección. Sei ben que non é un obxectivo doado, mesmo que resulta tentador utilizalo como ferramenta política, do lado que sexa.
Pero creo que con vontade de acordo por parte de todos, este obxectivo común ten que ser un obxectivo posible.
Por iso, a Xunta de Galicia ofrece, como ofreceu sempre, diálogo e man tendida para blindar a nosa fala como asunto do país, como o que é, para acordar un Pacto pola Lingua que ten que ser realista e consensuado.
Por suposto, todo é negociable agás o gran obxectivo deste pacto: garantir a pervivencia e o crecemento do galego.
Garantir mil primaveras máis para lingua galega, como desexaba Cunqueiro.
Que a fala se fale, como propoñían as Irmandades da fala.
Como dixo Begoña Caamaño, "Un idioma é moito máis que un idioma. É unha forma de narrar o universo." Recordémolo nun día como hoxe especialmente.
Moitas grazas.

Rueda, Alfonso