Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Espellos (13)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 02 de junio de 2026
A Mestra de Berna

Os Espellos (13) Fun a Suíza para facer unhas xestións de captación bancaria...
Resulta que o Banco de Siero se fora "ao carajo", por culpa dunhas ¿ratumes? que consistían en non declarar ao I.E.M.E., nin para acó nin para aló, as remesas dos emigrantes, compensadas co diñeiro negro ingresado en España, etc.; tan delicada misión foime encomendada, así que contactei coas Axencias de Viaxes, embaixadores dos emigrantes, etc., etc.
En Berna pedinlle a un daqueles axentes que nos recomendase un hotel " Finden Sie ein günstiges Hotel in Ihrer Nähe?"
Xa na conserxería tirei do peto o meu libriño Español-Alemán para no trabucarme, pero o encargado díxome, en galego:
-Non se moleste, que xa os oín falar...; eu tamén son galego, concretamente de Carballo...!
Nisto encargoulle á súa muller, que andaba por alí, barrendo, que nos levase á habitación asignada, e que nos explicase como funcionaban aqueles colchóns "mecedoras vibrantes".
-E logo, vostedes, tamén emigraron?
-Eu son Mestra en España, pero non exerzo; aquí veño para acompañar ao marido..., nunhas xestións profesionais! ¡Cousas dos Bancos!
-¡Que causalidade! Pois eu tamén, Mestra de Primera Enseñanza. Pero aquí, xa ven, barrendo, e iso porque me colocou o marido, que é o porteiro... Daquela, ¿volven para Coruña?
-Dentro de dous días, se Deus quer.
-Nesta casualidade, voulles pedir un favor: que me compren estes libros de español, -apuntounos nun papel-, para os nenos, que temos dous, neno e nena; pero tamén teñen que levarllos a miña irmá, que vive en Carballo..., para que mos remita por algún coñecido... Xa saben que aquí, entre nós, dicimos "O Cantón de Carballo", e non Berna, polos moitos que viñemos desa parte de Galicia!
¡Carballo: O Cantón de Carballo! Aquela expresión fíxome evocar a de nomes xeográficos que aplicaron en América os nosos antecesores das emigracións!
-.-

Suíza, ¡un modelo!

¡Ai, Suíza, Suíza, Que modelo de cidades, maiormente as do Norte, as xermanas!
-As rúas, limpas e caladiñas.
-Os servicios públicos teñen un botón para abri-las portas, ¡que non funcionan se previamente non se tira da cadea dos desaugues!
-Os camións das obras non poden saír delas sen darlles un repaso xeral coas mangueiras da auga.
-As noites: tranquilas, sen gamberrismo..., para despois madrugar, tan pronto como cantan os galos!
Un país pobre en recursos naturais, con lagos pero sen mares, que se especializou en engadir valores ás materias primas.
-.-
Estatísticas da pobreza infantil dos NNA

As estatísticas son matemáticas, pero máis exacto sería dicir, "políticas que se valen da matemática".
En España "dinnos" que a intensidade da pobreza infantil aumentou co grado de urbanización; séxase, que tanto a peobreza infantil alta como severa son levemente superiores nas zonas máis poboadas. Il será certo, pero tamén o é que as zonas de moita poboación tamén reciben máis atención política, e por ende, están máis dotadas de oportnidades..., pero, acaso por iso, tamén de vagos!
-.-
Volvendo ao SER (Síndrome do Espello Retrovisor)

Este tema, como agora se di, merece unha enciclopedia; pero non procede porque as enciclopedias xa non están de moda, salvo para poñelas no alto das librerías, para que as visitas vexan, e calculen, a nosa persoal enciclopedia, a nosa erudición.
O que foi onte, o que pasou onte, nunca se repetirá no futuro, e Deus nos libre de tal porque sería recaer nos mesmos pecados, nos mesmos erros. O futuro será un froito do que aceptemos dese pasado, de que aproveitemos as experiencias dese pasado, desviándonos dos precipicios, incluso daqueles que so os teñamos cheirado.
Ben se di que a experiencia é a nai da ciencia... ¡Pois máis, moito máis que iso, que Os Espellos (13) tamén se di que un home experimentado..., vale por dous! O que pode ser mortal, mortífero, é tropezar, caer, dúas veces na mesma pedra.

Para Mafalda, ¿Y esto...?

Isto, pourquoi pas? A maioría dos erros danse por falta, ou deficiencia, de atención, pero noutras ocorren por inexperiencia, por meterse onde non nos chaman, ou a onde non nos convén pasar sen saber se é a porta do Ceo ou as do inferno.
-.-

Dime con quen te crías e fágoche un retrato..., sen máis datos!
Dámoslle pouca importancia á contaminación ambiental, quero dicir, á social, e teño para min que é decisiva na infancia.
Tamén comecei a matinar nisto aló en Madrid, un día que saín a pasear cunha chacha que era da miña parroquia, e así, falando, díxome que tiña unha ama que era guapísima:
-Claro, o contaxio..., que así estás ti, unha xoia, que non é igual que dicir unha miña xoia!
-Non, ho; déixate de piropos, pois aprendín dela que, "todo se pega menos la hermosura". Quíxome dicir que a beleza importante non é a do corpo, e se lla valoramos non é por mérito seu senón que lle viña de raza; todo o demais, simpatía, cordialidade, etc., aprendérao, pegáraselle, nas monxas, no Stella Maris.
Entendino, e memoriceino, pois aquilo non me caeu en saco roto, que eu xa tiña referencias de que as monxas parécense á Virxe María; de non seren así, pronto volven ao laicado, que por certo teñen unha aceptación tremenda pois é un luxo casarse cunha ex.
Anécdotas á parte, unha das grandes preocupacións dos pais e das nais son as compañías, as malas compañías, as relacións inconvenientes, dos seus infantes. Non sempre é fácil xebra-los nenos pois dáse a casualidade de que os/as malignos/as teñen imáns, saben vender a súa simpatía. Pasados os anos, evolucionados todos, pode ocorrer que o rapaz / a rapaza se pregunte: -¿Como diaños faría eu amizade con aquel demo que tan en gracia me caía?
Atendémoslle á hixiene, moito, fuxindo dos ambientes nocivos para a saúde do corpo, por agradables que sexan ou nos resulten, pero, dos demos disfrazados de persoas? A propósito de disfraces, outra pregunta: ¿Por que nos atraen tanto os do carnaval, que adoitan ser ridículos, cando tan saturados estamos dos disfraces cotiáns, tanto en homes como en mulleres?
En particular os nenos, moita capacidade é a que temos de aprender, pero, utilizámola, ensínannos a utilizala? Outra anécdota: Daquela da Revolución Nacional Sindicalista o Cura de Luaces chamou a capítulo ao Mestre Rielo, "Vostede é un ateo, que seica non ensina Relixión na súa escola. Vouno denunciar!". O mestre, como resposta, contestoulle con outra demanda: "¿E vostede, por que non lles ensina matemáticas aos seus fregueses, tantas contas que necesitarían para saír da súa pobreza? Pois, que xa o dixo Cristo: "Dade ao César o que é do César!". A especialización é boa, foi indispensable para saír das cavernas, pero tampouco podemos esquecer que o corpo ten que traballar para a alma, ¡pobriña, que se non a coidamos acabará perecendo, acabará purgando as nosas desfeitas!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES