Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Espellos (10)

Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 28 de mayo de 2026
Cando, e como, descubrín o meu espello?

Antes diso nin me coñecía a min mesmo; só sabía que me chamaban "Pepiño", e que era fillo do señor Xosé María de Gómez e da Irene dos Vilabellas.
Pero, aos 18 anos, no 1948, nada máis chegar a Madrid, incorporándome como soldado voluntario ao Batallón de Infantería do Ministerio do Ejército, observei que..., ¡que eu non me parecía, pero en nada, a ningún daqueles soldadiños da miña Compañía, Segunda de Destinos do Ministerio!
Hai Deus, que pasa aquí..., estas diferencias..., se eu tamén son español, coma eles?
Español, si, pero ía dunha aldeíña, con outra lingua, outros costumes, outros compañeiros, aqueles da miña escola... ¡Aquel cambio moito me deu que matinar; pero fíxeno, Os Espellos (10) con tódalas ganas de entendelos e de entenderme! Éramos distintos, tivéramos outro ambiente, e, por suposto, outras familias. ¿Quen era máis perfecto? Non se trataba maiormente diso senón de entender as consecuencias dos ambientes vitais.

Na miña compañía, comigo, incorporouse un negriño, que procedía da Guinea, que daquela era española. Pregunteille: -E ti, que tamén es español, polo que dis, e como español admitido neste Exército, como é que tes outra cor; non será de ir moito á praia?
-Nas orixes do mundo, os netos da Eva expandíronse, ocupando terras e climas moi diferentes. Nosoutros, os morenos, din que procedemos de Agar... En canto as evolucións xenéticas parece que o clima, e co clima a alimentación, das distintas zonas deste, do terráqueo, influíron paulatina e sucesivamente na xente de cada país, pero isto foi, é, no superficial, pois, de alma, somos xemelgos...
Aquela noite non durmín apenas, cavilando, cavilando..., e cheguei á conclusión de que, aínda que todos vimos do barro, a modelación que nos foron dando, a que aceptamos e recibimos, deunos formas aparentes distintas. ¿Daquela, que procedía facer? Analizar o noso retrato, o persoal, o íntimo, calibrar os nosos fallos, as nosas carencias, pero tamén as nosas potencias, as nosas virtudes, e dispoñernos a puír onde fixese falta, para que as convivencias sexan pacíficas e se universalicen.

Os Espellos (10) Aos poucos días, paseando pola Gran Vía co escultor Otero, Francisco Otero Besteiro, natural do Corgo, daquela estudante da Real Academia de Bellas Artes, eu íalle dicindo que moito tiñamos que espelirnos para poñernos á altura dos madrileños, pero el, nun intre no que nos detivemos na acera de enfronte da Telefónica, díxome:
-Vouche demostrar o contrario, o parvos que son os madrileños. Alza a vista e mira para a Telefónica, alí arriba, nas ventás, que hai un home nunha delas disposto a suicidarse, a tirarse pola ventá, e con esa altura, ao caer, morte segura.
Eu veña preguntarlle en que ventá era, que non vía asomar a ninguén, nin home nin muller. Nisto deu en rodearnos xente, todos expectantes polo suicidio do que nos oían falar; eu, máis que asustado, tirei do Otero pola manga e medio o arrastrei á entrada da estación do metro. De fuxidos, díxome Otero:
-Viches como os madrileños son máis curtos, máis parvos, cos galegos, que se cren tódalas mentiras, sen necesidade de probas!
-Ai, ho, ti es ben temerario, que se non tiro de ti, e nos largamos, eses madrileños mátannos..., por rirnos deles!
Todos temos moito que aprender, uns dos outros, sempre, en todo tempo, en todo lugar, en tódalas civilizacións.
-.-

O primeiro que aprende un neno...,
que niso non se diferencian os nenos das nenas, é a sorrir. Meus anxos, facémolo de corazón porque..., porque nacemos boíños, porque nacemos agradecidos, pero iso non dura sempre pois os sorrisos, neste val das bágoas, non tardan en eclipsarse.
Aqueles sorrisos eran maiormente de agradecemento, polos coidados recibidos. ¡Eran un espello, outro, do grata que é a felicidade compartida, dentro e fóra do barrelo!
Outros ensinos, máis secundarios pero nunca tardíos, eran o de aprender a comer de propia man, ¡que xa estaba ben de chupar, que o volveríamos a probar de maiores, de ben situados, tan pronto como descubrísemos que é moi tentador chupar do próximo, beber da suor allea, séxase, da fronte dos que teñamos enfronte! Un pouco máis tarde, pero pouco, os preceptores ensínannos a contar polos nosos dediños, ¡que de aí vén iso da suma! O que non sempre se nos ensina, ¡co útil que é!, é a matemática da salvación. Que consiste en...? Moi sinxelo, pero moi certo, con valor eterno: Que a humildade é unha suma de virtudes, unha escaleira que leva ao Ceo, que a temos personificada, de espello infalible, na lembranza da Inmaculada, sempre Virxe, María. Pola contra temos o espello satánico da soberbia, a lembranza daquela Avoa, da señora Eva, que só foi señora mentres foi inocente, pero, como mestra, un desastre: Dela, e nela, aprendemos que a soberbia, fose súa ou de Lucifer, individual ou conxunta, consiste en restar virtudes, en deixarse caer no inferno.
¡Que antagonismos herdamos; e canto tardamos en aprendelos, en aprehendelos, pero pouco en adilos, uns polo camiño dereito, polo da humildade cultivada, exercida, exercitada, e de paso, contaxiada, salvadora; outros, de soberbia en soberbia, que tamén serve para empurrar ao próximo, para que nos siga na nosa caída abismal!
Outro ensino, a terceira sinatura, témolo no Noso Pai: "... non nos deixes caer na tentación, e líbranos do mal..." ¡Do mal, e co mal, do maligno, do maligno e dos seus fillos, dese próximo que adoita estar próximo, que nos vixía de cerca, case sempre disfrazado, para que nos lles vexamos os cornos, nin os cornos nin o rabo! ¡Por algo as serpes son tan silandeiras!
Nas escolas franquistas tiñamos crucifixos, pero tamén se cantaba o Cara al sol. ¡O diabro, que sempre se escondeu detrás da cruz! Nos recreos ensinábannos a desfilar, e as nenas facían punto, pero, dese espello anímico, dese do noso perfeccionamento espiritual? ¡Catro rezos rutinarios, pero con pouca mística, con pouca explicación do seu significado!
Cando lle pediron a Xesús que os ensinase a orar, fíxoo desta maneira: Lucas 11. -Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos. Respondeulles: -Cando recedes, dicide: Pai, ¡sexa santificado o teu nome!, etc. Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes.., etc". Concluíu dicíndolles: "... Porque se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai Celestial dará o Espírito Santo ós que llo pidan". O que pide sempre pide con humildade, ¿non si? ¡Pois esa é a chave, o talismán: a humildade!
Isto é, foi, a música, pero, a letra? Ata o Concilio Vaticano II, sempre, ou case sempre, rezando en latín; sabíamos que estabamos falando coa Divindade, pero, ¿que lle dicíamos? Agora, de presente, na lingua de cada quen, xa o sabemos todo, a quen lle falamos e que lle dicimos. Pero hai outro requisito: ¿Entendemos o significado da nosa petición, facémola co corazón, e non só co cerebro? Nesta vida, en calquera dos puntos xeográficos, para falar cun superior ensaiamos, meditamos no que lle imos dicir, na forma de presentarnos, e incluso a nosa vestimenta; pois, para falar con Deus, co Altísimo, o noso recollemento, o noso respecto, teñen que ser píos, devotos, afectuosos, humildes!
Contrapeso difícil o que incumbe aos pais, e demais proxenitores, para vacinar ao neno de todas e cada unha das pandemias seculares, pois cada século, cada país, sexa campo ou cidade, teñen as súas enfermidades, a cal máis contaxiosa. (O que digo agora vai entre parénteses: Era irritante, en grado sumo, aquel cúmulo de blasfemias que se oían nos tempos do fariseo, aquel que entraba e saía baixo palio; en cambio, agora, incluso cando gobernan estes ¿ateos? da esquerda, gracias a Deus apagáronse aqueles do Cago en Tal).
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES