Ascensión do Señor
Cabada Castro, Manuel - domingo, 17 de mayo de 2026
A festa da Ascensión abrangue mensaxes e ideas sublimes, que non podemos menosprezar. Porque nela, neste Cristo do que se nos di que "ascende" ó ceo, veñen xuntarse dalgún xeito o ceo e maila terra. Naturalmente, non estamos a falar do ceo ou da terra nun senso físico ou cósmico. Ceo ou terra son aquí, en definitiva, denominacións de dúas realidades diferentes. Coa terra asociamos o limitado, o pasaxeiro, o imperfecto. Pola contra, co ceo o que non remata, o totalmente bo, o infinito. A iso nos referimos e non a ámbitos concretos máis ou menos diferentes entre si. Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila terra, totalmente diferentes ou opostas.
En Deus Pai atópase a síntese e a razón de ser de ámbalas dúas. Pois el, "o Pai omnipotente", tal como confesamos no Credo, é o "Creador do ceo e máis da terra". E no seu Fillo Xesús, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre presenten por toda a eternidade. Porque el, Xesús, é e será sempre un de nós, por moi Fillo único de Deus que el sexa.
Cristo "ascende", pois, cara a unha nova e definitiva situación, amosándonos así cal é tamén o noso "camiño". Xa nos dixera que el non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o "Camiño". Un camiño que todos estamos chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, o Espírito Santo que el mesmo nos dá. Trátase dunha peregrinaxe, dunha "ascensión", a de cada un de nós, que non a facemos en solitario. Ben sabemos que estas actividades se fan mellor cando un vai con outros que o acompañan, que lle dan azos ou que lle fornecen axuda. Ademais non só camiñamos con outros coma nós, senón que o propio Xesús camiña connosco e non de calquera maneira. El vai sempre diante, facendo o meirande esforzo, algo así como o ciclista que fai de "cabeza" e tira a si do pelotón. O apóstolo Paulo non só na carta de hoxe senón tamén noutros escritos seus non deixa de utilizar imaxes semellantes. Na súa carta de hoxe ós Efesios dinos el que os cristiáns formamos con Cristo un só corpo, sendo el a "cabeza" do corpo. Deus Pai -dinos el- é quen someteu todo a Xesús e quen "o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo". Nós somos, xa que logo, membros deste misterioso corpo que ten o propio Xesús como "cabeza" dirixente e coidadora de tódolos membros do seu corpo. Formamos, pois, unha unidade, un "equipo" (valla de novo a comparanza), téndomos Xesús como "xefe de filas", como "cabeza".
De aquí para adiante a comparanza co ciclismo xa non nos vale. Porque o noso ascenso non é contra ninguén nin pra lle gañar a partida a outros contrincantes. Todos, sexamos da ideoloxía ou crenza que sexamos, estamos chamados e convidados a este esforzo cara a unha meta que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Pois, quen non quere vivir?, quen non busca a verdade?, quen non quere dar co camiño que leva á felicidade? Quen teña este tipo de apetencias ou desexos pode estar seguro de que Xesús está con el. Non podemos converter a súa persoa en alguén reservado a certas persoas, que fagan certas cousas, realicen certos ritos ou cumpran cuns determinados preceptos. El está aí para todos, para toda a humanidade. El é a imaxe do Pai Deus, é dicir, de quen o fixo todo e, xa que logo, a nós tamén.Tan diferentes e ó tempo tamén tan semellantes.
Por iso Paulo, na carta de hoxe, ó nos falar de que a Igrexa é o corpo de Cristo e sabendo que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a Igrexa (e non só sobre Cristo) que ela é "a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas". Xustamente por tal razón a Igrexa non pode menos de se entender a si mesma como "católica", é dicir, dende o seu sentido etimolóxico, como "universal". Isto está relacionado naturalmente co mandado de Xesús ós seus apóstolos: "Ide e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo". Por moitas veces que teñamos escoitado esta fórmula ritual do bautismo, non deberiamos deixar de considerar que con ela quen é bautizado vén mergullarse simbolicamente nese mar infinito (superinfinito) que é o Deus un e "trino". Tamén en Deus hai, pois, lugar para a "diferenza". E se hai "diferenza" no mesmo Deus, deberá habela tamén no interior da Igrexa e en calquera outra realidade.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel