Tamén hai que ensinarlles a aprender
Non se nace apresos. O ensino non é un inxectable: ¡É unha reciprocidade! Daquela hai que ensinarlles a ser recíprocos, séxase, comunicativos. Se non dis o que pensas, o que sentes, o que che pasa, mal se te pode atender, axudar, explicar, sacarte de apuros e/ou de dúbidas.
Diferencias entre os nenos tímidos e os introvertidos. A simple vista os nenos tímidos teñen condutas similares as dos introvertidos: poucos amigos, non adoitan relacionarse cos outros, e a miúdo vense sos.
Os tímidos teñen dificultades par relacionarse cos demais. Normalmente teñen un temor irracional a ser xulgados negativamente por outras persoas e a facer o ridículo en situacións sociais. Poden sentir incomodidades en determinadas situacións, a tal punto que incluso fan esforzos para pasar desapercibidos.
Os introvertidos non teñen dificultades para relacionarse, nin senten temor a ser xulgados ou a facer o ridículo; simplementge prefiren a soidade ou a compañía de poucas persoas. Non están cómodos en situacións sociais, e aínda que, normalmente, desfrutan menos que as persoas extrovertidas; non desenrolan temor nin ansiedade fronte ás mesmas senón que prefiren actividades tranquilas así como a compañía de poucos amigos.
Un neno tímido sufre e non se sente feliz; pero os introvertidos non son felices. Todo isto corríxese pouco a pouco se os animan persoas da súa confianza, tal que pais afectuosos e comunicativos. ¡Coas túas calidades podes chegar lonxe, incluso a ser superior dos que agora tes por iguais, así que, valentía, meu neno! ¡A valentía sácase, tírase, da preparación; o complexo de superioridade é outra cousa, máis ben unha soberbia!
Os perigos da globalización cultural. Cos ventos veñen as tormentas, urbi et orbe, así que proporcionémonos un bo paraugas para estar a salvo das contaminacións nocivas. As comunicacións internacionais son boas, boísimas, se non comemos as podres, as drogas, esas armas ofensivas, tantos inventos tóxicos que se propagan por todo o globo, que nin que fosen reactores nucleares, ¡e non son doados de distinguir! ¡Señor, sed libera nos a Malo!
-.-
Aprender facendo..., pero non facéndoas!
Neste XXI xa poucos nenos aprenden practicando, pois ata o rural está mecanizado, así que a teoría, os teoremas, disólvense na mente a pouco de cambiar de temas. Por citar só un exemplo: Para unha exame da personalidade veciñal chegaba con deterse a observar aos aradores; se non abusaban das vacas, se araban dereito, se revolvían a tempo para non acoudullar sobre da sementeira do veciño, e algo máis na mesma ollada, xa percibíamos un retrato da conciencia do artista, do arador.
Polas súas obras coñecerédelos, non si? Pero, ¿e se non teñen, ou non presentan, obras de índole persoal, ou se non coñecemos ou non vemos as teclas manipuladas? ¡De adiviños só quedan os grafólogos, e para iso con limitacións, coas que foi recibindo a caligrafía!
Hoxe en día para as análises intrapersoais moita atención hai que prestarlles aos detalles. Para coñecer os ósos inventáronse os Rayos X, pero, ¿para coñecer as intencións? Isto aínda está verde. En toda caso, en toda análise, coidado coas técnicas, non sexa o diaño que sementemos xoio por trigo. ¡Os ensaios..., con gasosa!
-.-
O biberón das crianzas

"Unha atención integral desde a primeira infancia implica respecto, amor, xogos, boa alimentación, ambientes seguros e apoio emocional para nenas e nenos". (Alberto Barrantes Ceciliano)
Outras consideracións de autores prestixiosos:
Katie Bacon, na Revista de Educación da Universidade de Harvard: A primeira infancia (O a 8 anos) é unha etapa crítica, transcendental, que non equivale aos servizos de gardería e onde as profesionais a cargo non deben ser vistas como neneiras. A atención na primeira infancia atende con amor o desenrolo do cerebro e oriéntase a ensinar xogando, estimular o pensamento complexo e a resolución de problemas.
Yariela Quirós. A inversión na primeira infancia dá réditos para toda a vida; é inverter en desenrolo e implica formar en amor e en habilidades para a vida. Isto marca unha enorme diferencia porque é ensinar desde os primeiros anos sobre como convivir positivamente co entorno.
O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) sinala que, unha atención de calidade desde a primeira infancia é unha oportunidade xusta para que os nenos e mailas nenas medren, progresen e desenrolen todo o seu potencial ao longo da vida. Estes beneficios, cando se combinan, permiten fundar poboacións con un mellor estado de saúde e unha mellor educación, sociedades con taxas delituosas máis baixas e con persoas mellor preparadas.
-.-
Resignación non é pasividade.

¿Aquela guerra levouse con resignación? ¡Non; máis ben co fatalismo da impotencia..., fronte á reconquista dos mouros, pois a deles si que foi Reconquista, outra vez chamados, traídos á península, polos propios españois!
Chamamos "resignación" ao conformismo, ao noso abandono ou entrega pasiva fronte aos infortunios. En definitiva: ante a magnitude do problema e a nosa incapacidade para atoparlle fórmulas resolutivas,
PACENCIA, AGUANTE,
pero, meu avó e padriño adoitaba aconsellarnos así: "Non hai mal que por ben non veña..., se o sabemos aproveitar!".
Se non coñecésemos males, infortunios, desgrazas, a inercia da felicidade non nos conmovería, non pensaríamos, non sairíamos do nosos letargo mental. ¡Para que sementar se temos as tullas abarrotadas? Á vista das enfermidades, os médicos buscan, e adoitan atopar, menciñas; os países ármanse para defenderse; os nenos estudan para o seu progreso, pois en ningún país lles levan os títulos á cama; etc., etc. ¡Tiña razón o avó: tras dos males, e por culpa deles, tiramos forzas da nosa fraqueza, especulamos cos remedios que estean ao noso alcance!
A pasividade seguiría téndonos nas cavernas, ou peor aínda, pois as cavernas xa foron un remedio para as inclemencias climáticas, para o ataque das feras e demais inimigos.
As aceptacións aparentes, ante as nosas impotencias, ¡tal que foi aquilo de fuxir aos montes para non entregarse ao franquismo!, aló no fondo foi unha rebeldía, unha valencia, pero non unha covardía. Non se facía máis por carecer de medios, pero tampouco había pasividade, nin pasividade nin pasotismo. A loita estaba na mente, só na mente, pois ninguén, salvo os suicidas, está disposto a arriscarse sen armas, sen medios axeitados.
Un consello que se nos dá ao respecto é que aqueles eventos que nos danan e que escapan ao noso control desgástannos psicoloxicamente algo menos que se os interpretamos ao traveso da aceptación, e non da resignación.
A resignación alimenta a pasividade. Isto é tan obvio que, coido, non necesita explicacións. Sempre que teñamos recursos, materiais ou mentais, para enfrontarnos con seguridades ben calculadas aos problemas emerxentes, non fagamos o da avestruz, que ante os perigos, mete a súa cabeza na area.
Cando hai resignación non hai lección; dito doutra maneira algo máis explícita: A aceptación, a ollos vendados, non nos deixa extraer conclusións que poden ser válidas fronte a erros novos, iguais ou parecidos.
A resignación promove a indefensión. O que tamén se explica por si mesma. Pero a todo isto, interpretémolo ben, midamos as consecuencias, pois un exceso de valentía adoita levarnos ao nivel das temeridades dramáticas. ¡A mellor arma defensiva do ser humano é a prudencia, e quen non a use pode acabar derrotado!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.