Autoaprendizaxe
Se de algo me sinto orgulloso é de ser un autodidacta xa que pasei media vida "tragando" libros, apuntes, periódicos, conferencias (unhas dadas, pero a maior parte delas recibidas), etc., etc. ¡Pero nin con esas estou satisfeito do meu saber, nin do meu saber nin do meu entender!
Con iso de criarme en paralelo con aquela guerra incivil, incivilizada, ¡todas o son!, cos libros de meu pai (moitos deles recibidos da nosa tía Ramona, que llos dera seu sogro, Nicolás Salmerón y Alonso) escondidos no faio por culpa daquelas ¿inspeccións? fascistoides de Montecubeiro, coido ter experiencia propia, abundante, da fenomenoloxía do auto aprendizaxe. Daquela, que lía? Tódolos papeis que abarcaban os meus ollos, desde as escrituras ou contratos de meu avó ata calquera folla ou recorte de periódicos visibles, aínda que tivese que recollelos do esterco das curradas. Xa que logo, disto podo falar:
Era enfermiza a miña curiosidade? Tan enfermiza que na miña casa, cando me escondía para ler no cuarto da escola de meu pai, o avó, o menciñeiro, seica dicía: Este neno está aprendendo a ser un folgazán, que nin a sesta durme!
Coas lecturas, ou á falta delas, os xogos infantís? Confeso que non teño ningún invento rexistrado, pero si copiados pois sempre tratei de reproducir as argalladas que lles vía aos comparsas da miña bisbarra, especializándome en cousas que podía facer coas ferramentas da miña casa, en especial zoquiñas no ripeiro de meu pai, tan pronto como puiden manexar a aixola.
Riscos? Non hai infancia que non os teña, pero, ademais do anxo da garda, están os pais, os avós, os amigos, os veciños...
Os xogos de construcións, ¡aquelas casiñas que facíamos no monte con pedras e lousas que carretabamos dos muíños abandonados, de paso que vixiabamos ás ovellas!, os debuxos co pizarriño, manualidades, etc. O autoaprendizaxe, a pouco que axude a familia e mailos amigos sempre é frutífero, ¡de cultivarse con prudencia e co asesoramento apropiados!
Os exteriores das cidades ensinan moito, cadora máis, pero a natureza das nosas aldeíñas é de auténtico paraíso. En ambos lugares practicar o gamberrismo tamén se fai, pero iso non é propio de persoas civilizadas pois ata as feras acatan as leis da natureza.
Axudar nas labores domésticas? Ademais da súa utilidade formativa é un gozo iniciarse nas actividades fogareñas, e máxime neste XXI no que, salvo paros circunstanciais, menos os xubilados traballan todos, tódolos maiores. Como se dicía antes, "Os maiores en idade, dignidade e goberno!".
-.-
A autoaprendizaxe no rural galego ata avanzado o século XX

Non fun a esa escola, pero si á de meu pai. Por certo, que nunca lle oín falar da Doutora María Montessori, e resulta que cando lin algo dela, biografía e métodos pedagóxicos, lembrei que todo aquilo xa o sabía eu, ¡apreso de meu pai!
Pero, ¿como, se meu pai non tiña ningún libro da Montessori? Nunha das miñas vacacións profesionais, en Bergland, -el xa non daba clases, pero sempre falou coma un mestre, con alumnos ou sen eles-, pregunteille por aquela coincidencia de saberes e de faceres:
-¿Non terías neste faio, daquela que te perseguiron os fascistas, que tiveches que esconde-los teus libros aquí mesmo, neste cuarto onde poñías escola, algún libro da María Montessori, mesmo daqueles que traduciu a tía Ramona para o Instituto de Libre Enseñanza?
-Repite ese nome...
-María Montessori, italiana, unha educadora polifacética, científica, médica, psiquiatra, filósofa, psicóloga, feminista, humanista, e non sei que máis; unha católica moi devota, e aínda así foi perseguida polos matóns de Mussolini!
-¡Con todo iso, e nunca ese nome oín! Ben sabes que a Montecubeiro só chegaban os periódicos que pagaba a Unión de Agricultores y Ganaderos...!
-Pois máis che direi, que a túa nora, desde os seus días de Magisterio, non hai ano que non me fale dela, que incluso me ten dito que a túa personalidade, a túa maneira de ser e de ensinar, vendo como tratas aos netos, parécenlle copiados, apresos nunha das súas escolas.
-¿Escolas..., en plural?
-Aínda que a distinguiu o réxime de Mussolini declarándoa membro honorario de non sei que, ela acusou publicamente ao fascismo de "formar (máis ben deformar) á xuventude con métodos brutais", converténdoos en "pequenos soldados". Abandonou Italia no ano 1933 ao ser clausuradas as súas escolas, e veuse para Barcelona, onde viviu por algún tempo, pero foise para Holanda, co seu esposo e un fillo. Regresou a Italia no ano 1947 disposta a axudar na reorganización escolar, e deu clases na Universidade de Roma. ¿Que che parece
-¡Paréceme que facía falta outra coma ela, aquí, neste rural, e non pagarme a min, a teu pai, un simple autodidacta!
Nisto entrou no cuarto a miña dona, Mestra con título, así que o resto da conversa soportouno ela:
-Da Montessori na Normal de Lugo faláronnos pouco, pero eu fíxenme con libros dela en Fusalba, que era onde se podían atopar os libros raros e/ou prohibidos. Dela hai unha parrafada, que a teño case memorizada. Máis ou menos, dixo que:
"O neno, co seu enorme potencial físico e intelectual, é un milagre fronte a nosoutros, aos maiores. Estre feito debe ser transmitido, explicado, a tódolos pais, educadores e persoas interesadas nos nenos, porque a educación desde o comezo da vida pode cambiar o presente, pero tamén o futuro da sociedade, dando paso a unha globalización cultural. Temos que ter claro, iso tamén, que o desenrolo do potencial humano non está determinado por nosoutros. Só podemos servir ao desenrolo dos nenos, pois este realízase nun espazo no que hai leis que rexen e controlan o funcionamento de cada ser humano, e cada desenrolo ten que estar en harmonía co mundo que nos rodea e con todo o universo".
-Se entendín ben, -apostilou meu pai-, os pais somos os anxos da garda térreos das nosas criaturas, pero o demo, e coma o demo os ambientes tiranos, ou nefastos, poden entorpecer as virtudes pedagóxicas. ¡Nada, que tanto ser pais como nais é unha oposición a mártires, pois, como di o Astete, ¿Quen é o mundo? ¡O mundo son os homes malos e perversos! P: ¿Quién es el Mundo? R: Son los hombres mundanos, malos y perversos.
¡Non hai nada como ser intelixentes para aprender as cousas difíciles, pois a memoria sen a intelixencia é un fracaso! Aos nenos hai que explicarlles as cousas con claridade, con sinxeleza e con paciencia; primeiro, e principal, que as entendan, pois o de memorizalas, de entendidas, é unha fase mecánica, rutinaria.
Foi milagroso que nas nosas aldeíñas, con medios tan escasos para aprender, saísemos do analfabetismo, maiormente as mulleres, porque con iso de que non tiñan que facer o servicio militar, ¡é que nin voto tiñan!, ben que se esforzaron para chegar á súa emancipación cultural actual!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.