Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 21 de mayo de 2026
Os berros de Orísido Somoza

Orísido Somoza rebentou o silencio cun berro. Cando quería, berraba moito; e cando se cansaba de berrar, ouleaba coma os lobos. Orísido Somoza era medio lobo.
Pingas de Orballo Parírao a súa nai na ladeira dun outeiro de Sudalomba, en Baños de Molgas, porque non tivera tempo de chegar á casa. Cinco minutos antes aínda lle axudaba ó seu home a cargar o carro de toxos que rozaran detrás da lomba.
Orísido Somoza naceu berrando. Todos nacemos berrando, pero os seus berros tiñan unha tonalidade especial: eran secos e estridentes, eran berros de animal. Talvez iso foi o que o arrastrou ós ouleos.
Onde máis berraba Orísido Somoza era nos cumios dos palleiros que enchían as airas da vila. Agora, como xa non hai palleiros -nin airas, que hoxe seica son prazas-, oulea desde os outeiros, coma os lobos. E, para non perder a costume dos berros, sobe de cando en vez ó campanario da igrexa e, desde alí, rebenta varias veces o silencio.
Máis dunha vez, o primeiro berro asusta ó persoal, ós veciños. Co segundo, como xa saben de quen vén, amosan unha total indiferenza, aínda que, no fondo, compadécense un pouco del. Saben como naceu, coñecen o seu entorno familiar e tamén a súa capacidade mental: unha capacidade máis que normal, pero que el intenta minguar ou esaxerar para que o deixen en paz. Sempre foi esquivo e solitario. Mesmo semella máis amigo dos lobos ca das persoas. Talvez o sexa con toda a razón do mundo.
Xusto, agora mesmo, segue a rebentar o silencio cun berro.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES