O 1%
Editorial - miércoles, 25 de noviembre de 2009
A corrupción na política está de permanente actualidade, e o tema preocupa a escala local, autonómica, nacional e mundial, porque se fallan as autoridades, os representantes que nós eliximos, parece fallar o sistema.
Recentemente, o Fiscal xeral do Estado fixo públicos datos numéricos sobre os políticos españois que están sendo investigados, con causas abertas polas autoridades xudiciais, cifrando en 730 as causas instruídas por corrupción a servidores públicos. No ranking de encausados figura en primeiro lugr o PSOE con 264, seguido do PP con 200, e logo aparecen Coalición Canaria con 43 e Ciu con 30, seguidos do Partido Andalucista, Izquierda Unida, Gil, Unión Mallorquina, Erc, Bng, Pnv, Anv, Ea e outros. Das causas abertas contra políticos, 86 son galegas.
Como o número, cifra absoluta, é tan insultantemente elevado pode pensarse que a corrupción invade todas as institucións e todos os estrados do poder, cando o certo -e o dato tamén o facilita o Fiscal -é que os encausados representan arredor do un por cento da xente que se dedica ó noble oficio de representarnos a todos.
Que a porcentaxe sexa mínima non significa nada porque a repercusión é máxima. E como ocorre co cesto de mazás onde unha soa pode contaminar a todas as demais, o mal exemplo que algúns ofrecen posibilita que a consideración popular sobre o exercizo da política estea a un nivel mínimo, co conseguinte perigo de desinterese pola función pública.
Son poucos, aínda que parecen moitísimos. E fálase de encausados, non de condenados, que moitos poden demostrar a súa inocencia. Do mesmo xeito que moitos haberá que nunca se chegará a coñecer as irregularidades que cometan. Pero o mal exemplo está aí, e fire profundamente á sociedade en lugar ben doloroso: no lugar onde radica a confianza precisa para que o sistema funcione.
Son o un por cento os que están nestes momentos sendo obxecto de investigación. Os partidos políticos, todos, deben tomar cartas no asunto para mellorar a percepción que todos temos do seu traballo, da función dos políticos, do comportamento esixible, da situación real da sociedade. Non podemos seguir considerando a función máis noble que o entramado social ten como a menos prestixiosa e valorada por todos nós.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora