Os espellos: Precisámolos, moitísimo.
¿O que, e para que?
¡Para ve-lo camiño, para escolle-lo camiño!
Daquela vexamos, ollemos:
A felicidade non depende do que non temos senón do que facemos co que temos.
Pero non nos miremos no espello común, que iso é decepcionante; só che di o que ven os demais; ¡o importante é verse por dentro, medir a nosa intimidade, os nosos cultivos, as nosas relacións, as nosas potencias!
¿Cando se inventará o espello, manual, de vernos por dentro, de coñecernos a nós mesmos; para maquillarnos, para atenuar as nosas debilidades, os nosos feos? Os médicos usan os Raios X, pero ese instrumento só nos retrata o corpo; e da alma, que?
Como non hai instrumento axeitado, temos que valernos da reflexión; e para iso nada mellor que facelo en soidade, tranquilos, sosegados, obxectivos. ¿Quen son, e como son? ¿Que me sobra, pero tamén, que me falta? ¿Onde podo atopar o que necesito? O corpo aséase, pero a alma, tamén; ¡todo consiste en coñecernos a fondo, ata o fondo da alma, pero..., o dito, con obxectividade, con imparcialidade! Se non as temos, ou non as utilizamos, as análises serán falsas, enganosas, e para enganos chegou, e sobrou, con aquela soberbia da Avoa, aquela Eva que non tiña apelidos, pero si egoísmos.
Ás febres do carácter chámanlles, e chamámoslles, precipitacións. ¿Para que, se a vida é longa, por curta que se nos faga..., sabendo aproveitala, pois a intelixencia nace connosco, medra connosco; non acada grandes magnitudes, pero si as suficientes se nos dispoñemos a facer un bo uso dela.
¿Que é a vida? ¡Unha feira, nin máis nin menos, na que, primeiro e sempre, recibimos, e por veces, damos, damos ou vendemos! O que non nada, afonda; e o que compra máis do que vende, afúndese. Este refrán non entraba nos programas da carreira de Dereito, polo menos nos do século pasado, pero eu, un cidadán veterano, desde este ordenador tan desordenado, pido e propoño que se incorpore aos plans actuais, agora que estamos de reformas educativas, xa que do Dereito veñen gran parte deses torcidos, deses entuertos; como dicía Cervantes, deses que nos están rexendo, rexendo e mal administrando. ¡Cura, Letrado, ou Secretario, eran os grandes poderes, pero isto son cousas dos antigos, pois daquela, os demais, son, somos, eran: iletrados
! ¡Que se lle vai facer, a socioloxía sempre foi un trasacordo de lento andar, de torpe camiñar!
Hoxe en día, coa globalización cultural, temos moito que, con quen, e onde aprender, pero o primeiro, o primordial, e aprender a seleccionar ideas, ¡a depuralas! ¿Obstáculos? Tamén hai que aprender a superalos. Acabo de ler nalgunha parte un pensamento de Enrique Barrios, (Os americanos non o aprenderon todo dos españois, que eles tamén saben analizar), que seica dixo: Cada obstáculo presenta una oportunidad para mejorar nuestra propia condición. ¡Exacto: Sen obstáculos a vencer seríamos uns inútiles!
Neste, no XXI? Si, as oportunidades culturais foron a máis, pero iso é máis ben no social, pois no individual observamos certas desviacións. ¡Daquela temos que facer polo tempo, aproveitalo, que xa o dixo ...
Tempus Fugit
o reloxeiro que o fixo; que o fixo, non, que o dixo, pois o fautor do tempo foi o propio Deus!
No auto non nos privamos de levar un retrovisor, pero nas nosas vidas, na nosa mente, que? ¡É indispensable lembrar o pasado, repasalo a miúdo, para coñecer onde, como, e cando, faltamos ao código da nosa circulación vital! Na confesión facemos, adoitamos facer, un preceptivo exame de conciencia; a continuación, propósito da emenda; pero tamén están os veniais, e con eles as nosas torpezas, os volantazos mal dados. ¿Queremos ser mellores, queremos mellorar, queremos ser agradecidos, que é unha das mellores obrigas? Daquela..., reflexión: tirar, usar, do espello retrospectivo, do persoal, do individual.
Como dicía a nosa, ilustre pero deostada, Enriqueta Otero, É moito o recibido, así que a nosa obriga está en agradecelo; despois, melloralo, e de mellorado, transmitilo!. ¡Como melloraría este mundo se acatásemos as leccións do noso Mestre, do Fillo de Deus, aquel da paixón voluntariamente aceptada! Co pecado, e no pecado, perdemos Deus sabe cantas calidades; pois agora, de redimidos aqueles foros, compre recuperar, paulatinamente, sen presas pero sen pausas, as calidades perdidas; ¡É un Mandamento do propio Redentor! En Mateo 26, 40 41: Volvendo onda os discípulos atopounos durmindo. Díxolle a Pedro: -¿Non podedes velar comigo nin tan sequera unha hora? Estade á espreita e orade para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil. En efecto, esquecémonos a miúdo de que a carne é débil, ¡éo como consecuencia daquela caída, daquela soberbia, dos avós!, pero temos menciñas, ¡velar e orar! Séxase: reflexionar.
Os beneditinos, e tras deles os dominicos, ben que o practicaron: ¡Ora et labora! Esta lección, en Montecubeiro, apagado, clausurado, o noso convento, quedounos, pero hai que refrescala, actualizala, facerlle fronte ao pasotismo do século XXI, pois aceleramos nas curvas e durmímonos nas rectas; ¿ou estou equivocado?
-.-
Ora et labora
Bautizáronme nunha pía estreada polos frades dominicos de Montecubeiro...; ¡daquela, algo se me tiña que pegar deles, por pouco que fose!
¡Cambiárona por unha máis..., ¿elegante?
¡A elegancia sempre está nos feitos, pois as outras son: teatrais!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.