Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre o traballo (4)

Rubal, Pedro - viernes, 26 de junio de 2026
Pero o traballo, con independencia do que se lle considere pertinente colgarlle, tamén comporta fatiga e, ocasionalmente, dor, que, aínda que, en certo modo, podan considerarse como freos aos praceres desordenados, angustian o ser humano, como o evidencia xa a situación dos servos na Idade Media, ligados á gleba e o mesmo obreiro industrial das primeiras fábricas. Xustamente isto levou a P. Jaccard a preguntarse por que o traballo, que debía de ser fonte de alegría, se presenta xeralmente como unha carga para os humanos. E contesta cuestionando se esta contradición se debe a natureza do home ou encontra explicación polas circunstancias exteriores. Aquí reina a diversidade das opinións. O periodista norteamericano, Cristopher Moreley, atribuía isto ao réxime que libera a uns e carga aos outros, e denunciouno. Pero tamén no mesmo preámbulo da Declaración de 1.789, aparece escrito o seguinte: "Considerando que a ignorancia, o esquecemento e o desprezo dos dereitos do home son as únicas causas das desdichas públicas e da corrupción do goberno", que ven a ser unha avinza universal de recoñecer a xustificación da denuncia.

E por outra parte, Marx e F. Engels insistiron en que o traballo feito en condicións normais posúe atractivos para o ser humano, e así comezan os comunistas a consideralo unha alegría do home. Pero, en cambio, o que resulta verdadeiramente cínico e que o nazismo pretenda manter a postura comunista nada menos que na entrada do campo sinistro de Ausschwitz, con estas palabras en alemán: ARBEIT MACHAT FREI, o traballo fai libre ao home. O colmo é que aparecen divisas en cada barracón con referencia á orde, probidade, serenidade, sentido do sacrificio, amor a patria... (Ver p. 389, da obra citada de Pierre Jaccard).

Non obstante, tamén se poden encontrar expostas outras razóns carentes de hipocrisía, que contan nesta complexa crítica do traballo. Charles Péguy di que pese ás folgas dos obreiros contra a súa vontade, eles conservan o amor ao traballo. Marie Lenéru escribiu que o que fatigaba era a falta de ocupación. E así mesmo se sostén que non é a actividade laboriosa, senón a privación do traballo o que resulta intolerable e que "a alegría no traballo depende, en definitiva, de factores morais, sen relación necesaria coa máquina ou o modo de traballo", p. 391 da obra citada de P. Jaccard.

Se lembramos a diversidade de opinións recollidas nos apartados anteriores deste artigo, non resulta estraño que o lector quede desorientado; pero penso que modestamente se resaltan suficientes opinións para constatar esa diversidade. Non obstante, intento expoñerlles algúns conceptos que me parecen clarificadores, transcendendo as opinións vertidas nos parágrafos anteriores, que parece a única forma de superar ese enguedello conceptual. Partamos de que estamos no seo dunha sociedade na que o ser humano realiza varias actividades que corresponden aos diversos elementos sectoriais que configuran a sociedade como unha realidade sistemática. Polo tanto, debemos empezar por coñecer algo do funcionamento estrutural dos sistemas.

Todo sistema está estruturado pola totalidade dos elementos que o constitúen, e cada diversidade está impulsada por certos elementos que a cualifican con dominancia sobre os restantes, que desta maneira comprometen o sistema enteiro. Tal dominancia consiste en que unhas características da actividade sistemática sexan máis acusadas que as outras, e se poñan do lado dos elementos dominantes. Ofrezo un exemplo: Supoñamos que no home/na muller as súas actividades procedan dun sistema integrado pola intelixencia, o sentimento e a vontade, e que a "intelixencia" se aplique a un cualificado comportamento, entonces os dous elementos restantes, sentimento e vontade, colaboran coa intelixencia ata o extremo de comprometer todo o sistema, á mesma persoa, é dicir, todos os elementos se incorporan a polarización intelectiva.

Suxírolles que se queden coa comprensión dos conceptos resaltados neste parágrafo inmediatamente anterior. Penso que son indispensables para xulgar criticamente a opinión que, modestamente, penso expoñerlles para superar o desconcerto das sostidas ata actualidade. Precisamente por isto sigo proporcionándolles algún concepto máis, empezando por establecer a diferenza entre o que vou permitirme denominar sociedade animal e sociedade humana, tomándome a licenza de chamarlle tamén traballo a actividade dos animais en busca do sustento da vida. Cada un dos compoñentes traballa por si. Executa unha labor biolóxica, que non depende máis que do seu propio organismo, aínda que o resultado desta labor sexa converxente cos demais animais da súa especie. Aquí esta converxencia é un RESULTADO: Ningunha abella traballa formalmente para as demais, senón que vai ao seu. Pero no caso do ser humano hai colaboración, porque ninguén traballa só porque lle saia de dentro, senón que traballa para os demais. Por iso a sociedade humana é a antíteses da animal. Mentres a sociedade animal é o "resultado" dun proceso de adaptación do seu metabolismo biolóxico, a sociedade humana ten no social en canto tal un carácter "principial": é "principio" e non simplemente "resultado".

Por conseguinte, debe quedar claro que as sociedades animais son específicas, determinadas e cerradas. As humanas non son específicas e son abertas. Así que o home acaba vinculado entre os demais homes, e a sociedade ven a ser a forma de realidade da vinculación, e non queda vinculado só ao que fan os demais homes, senón tamén á realidade. Pero como tamén utilizamos os termos "felicidade" e "pracer", vamos diferencialos un pouco máis semanticamente. E se antes botamos a man de Zubiri, agora facémolo de D. J. Ortega y Gasset, e este excelente escritor e claro filósofo, escribe o seguinte, traducido ao galego: " As ocupacións felices, conste, non son meros praceres; son esforzos, e esforzos son os verdadeiros deportes. Non cabe, pois, distinguir o traballo do deporte por un máis ou menos de fatiga. A diferenza está en que o deporte é un esforzo feito liberrimamente, por pura compracencia, mentres que o traballo é un esforzo feito a forza en vista do seu rendemento" (Obras Completas,V. VI, p. 428). E , na p. 195, V. III, di: "Se no traballo é a vitalidade da obra a que da sentido e valor ao esforzo, no deporte é o esforzo espontáneo o que dignifica o resultado". Xa expliquei nun artigo, que a palabra "deporte" entrou na lingua común procedente da gremial dos mariñeiros mediterráneos, que a súa vida de traballo no mar opoñían a súa vida deliciosa no porto. Di Ortega nunha nota que "deporte" é estar "de portu", de conversa nunha taberna portuaria.

A miña modesta opinión lévame a considerar o traballo como un elemento constitutivo, orixinalmente, do sistema de actividades biolóxicas do home/da muller, que acaba especificándose culturalmente como humano, en virtude da súa vinculación social, á forma da realidade da mesma , que é a da sociedade. Polo tanto, esta vinculación compromete as demais actividades, para polarizar á do traballo, cualificada de un certo esforzo, empregado non por pura compracencia, senón en función do incremento do resultado, que industrialmente pasou de cubrir as necesidades bio- socio-culturais a xerar ingresos de diñeiro. A pretensión de reducir os esforzos forzados levou a outros elementos integrantes do sistema, principalmente ao integrante económico, non a desvincularse da polarización, da dominancia da polarizadora, senón á modificación progresiva dos medios de produción, para facilitar a obtención de máis produto convertible en diñeiro, introducindo menos esforzo e remitindo o tempo dispoñible ao deporte e á creatividade persoal do traballador; pero a alegría orixinaria consubstancial ao traballo, atribuída á "creación", desprázase, non desaparece, queda desprazada ao tempo libre en alternativa co deporte, á propia decisión dos obreiros creativos. Outra cousa ven a ser que a actividade política, unha integrante sistemática, dotada do poder necesario para garantir a consistencia da realidade do sistema, manipule a súa achega pertinente á polarización na actividade do traballo. Neste caso, as decisións gobernativas no ámbito laboral poden perturbar a dinámica derivada da realidade sistemática, quebrando o equilibrio axiolóxico, con impacto nas condicións intelectivas, volitivas e sentimentais dos traballadores.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES