Sobre o traballo (2)
Rubal, Pedro - domingo, 29 de mayo de 2005
E seguimos co traballo industrial, que, como deixamos escrito, subordina a persoa traballadora á máquina, e así introdúcea nunha cadea de produción, desconectándoa do proceso total da mesma, posto que non só participa en forma fragmentaria, senón que na aplicación da alta tecnoloxía só ven a ser un simple impulsor de botóns. Pois, aínda que esta pareza unha ocupación fácil, se priva ao obreiro do sentimento de identificarse coa satisfacción que soe dar a produción do que se crea e perfecciona, abre o camiño ao desleixo. Polo contrario, esa sinxela operación leva a unha fatiga psíquica, a un certo malestar, non só pola fixación como un elo da cadea da produción, senón porque isto comporta a imposibilidade de ver realizada as súas capacidades no produto: como dicíamos, o zapateiro xa non fai os zapatos e a costureira o máis que pode ver é a realización seriada dun vestido virtual.
Nesta etapa, en vez de ordenar o tempo produtivo, disponse de máis tempo libre, caendo incluso nun certo desorde do mesmo, abrindo camiños a comportamentos "autodestrutivos", que transportan a un campo de estímulos operativos, cerrando oportunidades creativas, con todo programado, uniformado, normalizado politicamente, e este, o creativo, queda cada vez máis limitado para a decisión persoal. Así parece entendelo o estudoso desta temática, Harvin Harris, segundo a súa obra "La cultura norteamericana contemporánea", Alianza, 1.984, pp. 56-57, na que aparece a seguinte cita: "Sentado en una cabina modular, enganchado al ordenador, con los ojos pegados a la pantalla, es más probable que el empleado de la oficina automatizada se aburra más, se vuelva más apático y se sienta más alienado que el empleado de tiempos anteriores a la automatización".
Aquí na situación que describe H. Harris, impera a máquina e non entende de alienacións, institucionaliza e habitúa ao traballador como un mero funcionario, que xa queda a disposición das funcións estruturais, forzado a unha adaptación "traumatizadora e neurotizante". Así que no traballo industrial, salvo os "tecnólogos" relevantes e os seus estrategos, a gran maioría dos traballadores queda excluída da referida creatividade, intervindo só no traballo cunha conciencia alienada, o que conduce a acentuar cada vez máis as diferenzas entre os directores e traballadores, perdéndose, desta maneira, ou desaproveitando intelixencias humanas, por conversión desa masa de traballadores en persoas incapaces de desenrolar a súas valiosas capacidades, sen ningún remedio que introduza a creación no dominio individual do produto final dun proceso.
É que o traballo produtivo xa non sirve para satisfacer necesidades sociais e humanas, porque agora enfócase só a aumentar a cota de beneficios, e tampouco ese traballo de matiz operativo, pode considerarse como unha calidade do home ou, no seu caso, da muller. Estevan Fagrebat, na súa obra "Antropología, industrial", Antropos, Barcelona, 1.984, ven a dicirnos, na p. 49, que o traballo que humanizou ao home, hoxe, na forma actual, deshumanizouno e incluso ameaza de extinción. E engade como consecuencias inmediatas, xa atestadas, as seguintes:"falta de integración social", "débil estrutura ética", "identificación con valores agresivos", "conduta insegura frecuentemente atípica en materia de vínculos familiares", "busca errónea de valores de breve reflexión na vida nova, desorbitados e que levan á fantasía conceptual". Verdadeiramente, a tecnoloxía industrial produce para saciar as súas necesidades, as das xigantescas empresas, as estatais politicamente establecidas, como as militares, en continua critica.
Creo que é pertinente introducir aquí unha breve reflexión, comparando os tempos nos que o traballo respondía as necesidades biolóxicas e culturais do ser humano, cos actuais nos que queda rota a relación entre o traballo e esas necesidades, e con ela a relación de satisfacción individual persoal, como integrante da personalidade. Sen dúbida, aplícanse menos esforzos físicos no traballo operativo industrial, pero o interese desmedido pola produtividade debilita o verdadeiro e orixinario sentido do traballo, debido ao desprazamento da necesidade, que en vez de xerarse na propia realidade persoal do ser humano, establecese un campo de estímulos na artificialidade dunha propaganda racionalizada en función dos intereses empresariais, políticos e financeiros.
E se me permiten seguir nesta incidencia reflexiva, creo oportuno formular a seguinte pregunta: As necesidades político-sociais dos cada vez máis sofisticados instrumentos bélicos poden ser consideradas como humanas?. Sen dúbida, en todas as épocas se produciron intencionalmente polo home instrumentos encamiñados a aplicar contra os semellantes, e penso que carecen da esixencia da mesma realidade persoal individualmente, porque se aplican en ámbitos socializados, non para adecuar os seus hábitats, posto que a intencionalidade facilita o sentido do traballo. Así se explica, en tempos avanzados, que o crecemento do produto interior bruto sexa compatible coa baixada do nivel de vida, a redución do emprego e non desapareza a miseria. Aquí tamén xoga a indiferenza intencional aos postos de traballo, o que evidencia que tamén a solidariedade fraquea como o mesmo sentido do traballo.

Rubal, Pedro